[ENTREVISTA] SANTOS HORACIO FAZIO, experto en cambio climático

O científico arxentino Santos Horacio Fazio pasa por ser un dos mellores expertos internacionais en cambio climático, e é xa que logo un dos que mellor pode explicar os fenómenos dos que recentemente alertaba o último informe do IPCC de Nacións Unidas, que predice para a vindeira década un aumento considerable da temperatura media planetaria, ata chegar ao 1,5ºC por riba da da era preindustrial -hoxendía está no 1,1ºC-. A publicación deste importante documento, e as sorprendentes alteracións atmosféricas dos últimos meses en diversas partes do mundo -altísimas temperaturas e inundacións en países que nunca as experimentaran até agora- deron pé a que Tempos Novos tomase contacto con el, que respondeu deseguida o cuestionario que se lle remitiu a Bos Aires, cidade na que reside.

texto Miguel Vázquez Freire

As altas temperaturas que se produciron a comezos do verán nos estados septentrionais dos Estados Unidos e en Canadá, despois das observadas o pasado ano no norte de Siberia, proporcionan nova actualidade ao debate sobre o cambio climático. Por outro lado, tamén se teñen dado fenómenos de signo aparentemente contrario, como as igualmente excepcionais baixas temperaturas no sur dos Estados Unidos. Cre que, en efecto, estes fenómenos corroboran as teses verbo do quecemento global?

A cuestión do quecemento global e o conseguinte cambio climático (CC, que cómpre entender mellor como crise climática)  se debe enmarcar na discusión científica, non ideolóxica. Os seus alcances, causas e consecuencias trascenden a perspectiva de opinadores, todólogos, panelistas televisivos ou presidentes como Trump ou quen sexa.  O diagnóstico vén dado desde a climatoloxía ou a física en xeral. Mais coidado!, o problema e, sobre todo a súa solución, implica a toda a sociedade e non só aos científicos. Agardamos dos científicos o mellor diagnóstico posible do problema, mais  non poden avanzar en solucións que excedan o marco climatolóxico, xa que o CC é un problema científico mais tamén político, económico e social. Verbo do  fenómeno das baixas extremas de temperatura, o mesmo é parte tamén do CC xa que este, que se manifesta principalmente polo aumento da temperatura media planetaria, tamén se manifesta por outros fenómenos como a maior cantidade e intensidade dos furacáns, secas, inundacións e vórtices polares. Xustamente, un fenómeno de vórtice polar foi o que provocou a intensa vaga de frío en Norteamérica en 2019. Trátase, segundo explican os climatólogos, dun fluxo de aire, coñecido como corrente en chorro,  que mantén as baixas temperaturas e o vento nun área determinada; o feito de que o Polo Norte se vén quentando ao dobre de rápido que o resto do Planeta estaría afectando ao devandito vórtice e ao seu desprazamento.

 Como explicalo de modo que contrarresten as mensaxes dos escépticos e negacionistas…

Aos escépticos e negacionistas cómpre amosarlles a realidade. Xullo de 2021 foi o mes máis cálido da Terra desde que se teñen rexistros. E, en paralelo, o nivel actual dos gases de efecto invernadoiro na atmosfera é de 417 ppm de CO2 (partes por millón de dióxido de carbono), sendo o nivel máis alto dos últimos 2.000.000 de anos. Hai 20 anos era de 373 ppm, e na revolución Industrial do século XIX era de 280 ppm. O límite máximo estimado seguro é de 350 ppm (sen fenómenos climáticos destacados).

“O 30% da poboación mundial con maiores ingresos –que poderiamos identificar como clase consumidora mundial e estimar en arredor de 2.100 dos 7.800 millones da poboación mundial– xera o 80% do total das emisións de CO2, mentres que o 70% do resto da poboación mundial, con ingresos menores aos devanditos, só xera a través das súas pautas de consumo o 20% das emisións de CO2

Vostede, no seu último libro (Cambio climático, economía y desigualdad, EUDEBA, Bs. As., 2018), chama a atención sobre a conexión entre cambio climático e crecemento económico, refutando o argumento segundo o cal o factor determinante sería a sobrepoboación do planeta. Podería sintetizar o seu punto de vista?

 Desde a Revolución Industrial ata hoxe, a matriz enerxética da economía global baséase no uso intensivo dos combustibles fósiles, carbón, petróleo e gas, cuxa combustión se explica sobre todo pola emisión de gases de efecto invernadoiro (o principal, o dióxido de carbono, CO2) que provocan o CC. Hai unha relación directa entre o nivel de CO2 e o nivel de temperatura media planetaria. Dito isto, mentres que o 10% da poboación total con máis altos ingresos xera case o 50% das emisións de CO2 que provocan os gases de efecto invernadoiro, o 50% da poboación mundial con menores ingresos só é responsable da xeración do 10% do total de emisións. Por outra parte, o 30% da poboación mundial con maiores ingresos –que poderiamos identificar como clase consumidora mundial e estimar en arredor de 2.100 dos 7.800 millones da poboación mundial– xera o 80% do total das emisións de CO2, mentres que o 70% do resto da poboación mundial, con ingresos menores aos devanditos, só xera a través das súas pautas de consumo o 20% das emisións de CO2.

 […]

Cre que as teses verbo do Antropoceno, que chaman a atención sobre o papel xogado pola especie humana na redución da biodiversidade do noso planeta, poden contribuír a ese cambio de valores que vostede propugna? Non se estará caendo, como tamén advirten outros autores, nun discurso apocalíptico que finalmente pode conducir a posturas máis paralizantes ca proactivas?

 Dúas cuestións verbo disto. En primeiro lugar, vaia o noso reconocimiento a Paul J. Crutzen, premio Nobel de Química 1995, fundamental na comprensión e solución do furado de ozono e do CC, creador do termo Antropoceno, época xeolóxica marcada polo impacto ambiental humano, sobre todo nos últimos dous séculos. A caracterización  antrópica do deterioro ambiental e climático desde a Revolución Industrial está fóra de discusión. Constituíu o custo dos moitos beneficios no progreso humano acadado. Por outra parte, en absoluto creo que a cuestión do CC se transmita  en tanto que discurso apocalíptico. Explícome: as convocatorias de Nacións Unidas arredor do CC iniciáronse en 1995, dando orixe ao IPCC (Panel Internacional de Expertos sobre o CC), campión do, se así se quere, “discurso apocaliptíco”. Desde aquela, houbo 25 Conferencias entre as Partes (case 200 nacións), o COP, e en novembro de 2021 farase COP 26 en Glasgow. Xaora, nese cuarto de século, o nivel de dióxido de carbono, CO2, medrou de 372 ppm (partes por millón)  a 417 ppm, e segue subindo malia a tremenda parada económica mundial que produciu a Covid-19. Ou non hai vocación dos gobernos en chegar a un acordo vinculante e efectivo diante do CC, ou o  discurso e as advertencias dos científicos é débil e non convincente. Ou ambos os dous.

“Requírese limitar o crecemento económico cuantitativo global dando pulo a un consumo razoable da clase consumidora mundial e, ao mesmo tempo, satisfacendo as necesidades básicas e sociais dos sectores sociais e países menos favorecidos. A aposta é para as xeracións máis novas, que son as que padecerán vivir nun mundo ambiental e climaticamente máis complicado ca o actual”

En declaracións recentes ten dito que se precisaría “un planeta e medio” para compensar a pegada ecolóxica xerada polo actual modelo produtivista. Quere isto dicir que temos superado definitivamente os límites de explotación da natureza e que cómpre substituír o crecemento por decrecemento? Se fose así, como convencer deste radical cambio a unha cidadanía afeita ao consumo sen medida e sensible aos discursos escépticos sobre o cambio climático?

 Efectivamente, temos superado os límites segundo o informe deste ano de Global Footprint Network. Trátase dun  informe que proporciona evidencia científica de que a actividad humana non sostible está levando o Planeta aos seus límites. Cando se iniciou este estudo en 1979, o 1 de novembro xa se consumiran todos os recursos naturais que a Terra pode rexenerar no ano. A partir de entón esta data límite foise adiantando ano a ano e en 2021 foi o 29 de xullo, polo que  precisariamos 1,75 planetas para chegar ao 31 de decembre. Mais este é un índice global de consumo. Se todos vivísemos nos Estados Unidos, coas súas actuais pautas de consumo precisaríamos cinco planetas, o que é outra forma de reafirmar o que defendiamos antes verbo dos efectos do consumo desigual na xeración do CC. Requírese sen dúbida limitar o crecemento económico cuantitativo global dando pulo a un consumo razoable da clase consumidora mundial e, ao mesmo tempo, satisfacendo as necesidades básicas e sociais dos sectores sociais e países menos favorecidos. Como facelo? Só un segmento minoritario das actuais xeracións é consciente do problema. A aposta é para as xeracións máis novas, que son as que padecerán vivir nun mundo ambiental e climaticamente máis complicado ca o actual.

[…]

Vostede concédelle especial atención no seu libro á encíclica papal Laudatio si, á que cualifica de “fenómeno político”. Podería resumirnos cal é a súa valoración deste documento promovido polo papa arxentino?

 A achega papal abrangueu aspectos que cuestionan os mesmos alicerces ideolóxicos que subxacen no sistema económico globalizado. Citemos entre outros os seguintes: considerar ao clima como un ben común, caracterizar ao CC como un problema global  referendado pola comunidade científica mundial, unha crítica á economía convencional e aos mantedores dun progreso tecnolóxico ilimitado en tanto solución do CC, advertir que co simple crecemento económico, sen máis, non se resolverá a fame, a pobreza, nin se recuperará o ambiente, porque pensar así é posuír “un concepto máxico do mercado”. Outros aspectos a subliñar: lembrar a imposibilidade dun crecemento ilimitado dados os límites físicos planetarios, cuestionamiento da  indecisión política dos líderes mundiais para acordar unha solución efectiva diante do CC, dar pulo a unha protección efectiva dos ecosistemas, recoñecemento ao movemento ecolóxico mundial que coadxuvou á concienciación do problema ambiental e climático, enfrontando ao poder establecido e ás posicións negacionistas, indiferentes ou mesmo ás pasivas, apantallladas atrás dunha cómoda resignación á espera de hipotéticas solucións tecnolóxicas. […]

“O avance efectivo na mitigación e adaptación do CC chegará cando os fenómenos climáticos tendan a ser catastróficos e se xeneralicen. Os fenómenos extremos recentes de case 50° C no noroeste de Canadá e as chuvias e inundacións en Alemaña, Bélxica e Luxemburgo, por exemplo, sensibilizarán ás sociedades moito máis que o sinfín dos chamamentos a actuar dos científicos climáticos e dos organismos internacionais”.

Unha encíclica abarcadora das cuestións ecolóxicas máis candentes…

Si. Porque ademais das citadas, podemos destacar algunhas máis. Por caso, lembrar que hai unha débeda ecolóxica dos países do Norte cara os países do Sur, xa que teñen usufrutuado, e seguen a facelo, recursos naturais que lles permitiron acadar o seu desenvolvemento económico cuantitativo, o cal implica que esta débeda se debe pagar non só con axuda financieira directa, senón tamén co menor uso de enerxía fósil no mundo industrializado, para unha maior dispoñibilidade do resto dos países, e reducir a afectación climática global polas emisións emerxentes. Tamén defender o Principio da Responsabilidade Común pero Diferenciada entre os países, e por último, o chamamento a respectar os dereitos e intereses das xeracións futuras, interpelando ás actuais para que sexan responsables do usufruto do planeta limitado que habitamos, garantindo o sustento das xeracións que nos sucederán.

[…]


SANTOS HORACIO FAZIO é presidente e director executivo da Fundación de Estudos Avanzados de Bos Aires (FUNDABAIRES). Licenciado en Economía Política pola Facultade de Ciencias Económicas de Bos Aires e Doutor en Filosofía pola Facultade de Filosofía e Letras. Director de cursos do posgraduado a distancia de Fundabaires relacionadas con medio ambiente, economía, sociedade e territorio. Autor de numerosas publicacións, entre as que cabe destacar como máis recentes: Desafios del siglo XXI. El cambio climático y sus consecuencias en las condiciones de vid, Economia, ética y ambiente, Cambio climático, economía y desigualdad.