Mércores 30, Novembro 2022
HomeActivismo e Sociedade Rosa Cerqueiro, psicóloga clínica

[ENTREVISTA] Rosa Cerqueiro, psicóloga clínica

“Aumenta a demanda de consultas de saúde mental na poboación máis nova”

A pandemia alentou procesos críticos que incrementaron o número de persoas que viron seriamente deteriorada a súa saúde mental. Por máis que é un fenómeno xeneralizado, a incidencia en Galicia recrudeceu estados depresivos na sociedade, que teñen no número de suicidios e na inxesta de psicofármacos unha dramática e alarmante constatación. Velaí polo que a psicóloga clínica Rosa Cerqueiro e outros recoñecidos doutores da súa especialidade veñen demandando a través do Movemento Galego de Saúde Mental políticas públicas que sirvan para afrontar ese deterioro e poñerlle coto. Polo de agora con escaso éxito. Rosa é a súa portavoz, e con ela falamos sobre as causas que inflúen negativamente no estado anímico do país.

 texto Redacción TN foto Fernando de Paz

Tendo en conta as medias do Estado, Galicia presenta xunto a Asturias os peores datos de suicidios e consumo de psicofármacos. Como explicar ese negro diferencial?

 Efectivamente, en Galicia as taxas de suicidio son moi elevadas, e os informes estatísticos permítenos coñecer a casuística máis básica (idade, sexo, lugar de falecemento ou método empregado), pero dado que non existen apenas estudos de investigación, só podemos manexar hipóteses sobre as causas. Tendo en conta que o suicidio é un fenómeno complexo e multifactorial, é dicir, que se cruzan múltiples factores nun momento determinado nunha persoa concreta, precísase de estudos deseñados para recoller esta multiplicidade de factores e poder así deseñar programas de prevención eficaces e dirixidas a sectores da poboación en situación de maior vulnerabilidade. Por exemplo, soe asociarse a elevada incidencia do suicidio en Galicia ao envellecemento da nosa poboación. Haberá que coñecer a relación da idade con outras variables como despoboamento, migración, carencia de servizos públicos ou de apoios formais e informais. Un estudo do grupo de investigación Macrosaúde, da Universidade de A  Coruña, atopou unha relación significativa entre taxa de desemprego, sobre todo de longa duración, e aumento do suicidio, advertindo sobre a necesidade de ter en conta os factores socioeconómicos nas políticas de saúde.

Un estudo do grupo de investigación Macrosaúde, da UDC, atopou unha relación significativa entre taxa de desemprego, sobre todo de longa duración, e aumento do suicidio, advertindo sobre a necesidade de ter en conta os factores socioeconómicos nas políticas de saúde.

E no relativo ao consumo de psicofármacos?

Sobre o aumento no consumo de psicofármacos, poderíamos falar da concorrencia dunha maior incidencia do malestar emocional e a carestía de recursos, tanto en profesionais como de tempo de atención, de carácter multidisciplinar e nomeadamente na Atención Primaria.

Cales son os colectivos que se ven máis afectados polas doenzas mentais en Galicia?

As diversas enquisas de saúde que se publican desde o Ministerio de Sanidade ofrecen unha visión moi clara sobre a maior incidencia de problemas de ansiedade e afectivos en mulleres, persoas de maior idade, peor situación económica e menor nivel educativo alcanzado. Se falamos de problemas de dependencia e substancias, incluíndo o consumo de alcohol, son os varóns quen presentan maior problemática, cruzada coas variables socioeconómicas sinaladas. Tamén no caso dos falecementos por suicidio. Nos últimos dous anos, ademais, estamos a constatar o aumento da demanda de consultas de saúde mental na poboación máis nova.

Que impacto tiveron no estado anímico da poboación galega tanto a crise económica de 2008 como a pandemia da Covid-19?

O impacto da crise económica sostida na pasada década na saúde mental foi moi evidente, tanto na prevalencia dos trastornos emocionais como no aumento de consumo de psicofármacos, e tamén de falecementos por suicidio, sendo o ano 2014 o de maior incidencia. Non recuperados aínda dos efectos da crise económica, iníciase a pandemia pola covid-19, e axiña empezamos a amosar as consecuencias anímicas da ameaza sobre a integridade física, a incerteza do futuro e as tensións socioeconómicas, sobre todo nas mulleres, mocidade e maiores.

Os efectos psicolóxicos, ao igual que os económicos, derivados da crise do 2008 e da Covid-19 perduran máis aló da fase aguda da emerxencia. Sobre todo porque nos atoparon nun contexto de carencia de recursos e inversión de medidas de protección social e sanitaria.

Ese impacto seguiu notándose máis alá da cresta desas crises?

Si. Pódese observar en ambos os dous periodos de emerxencia como o impacto da saúde mental segue presente máis aló dos momentos álxidos da crise. Este é un dato moi relevante, por canto que advirte da necesidade de continuar atendendo as problemáticas de saúde mental a longo prazo. Os efectos psicolóxicos, ao igual que os económicos, perduran máis aló da fase aguda da emerxencia. Sobre todo porque nos atopou nun contexto de carencia de recursos e inversión de medidas de protección social e sanitaria.

Cre que a nova lexislación económica, como a elevación do salario mínimo ou a reforma laboral, pode afectar directa ou indirectamente ao estado de ánimo ou á situación mental da cidadanía galega? Hai estudos feitos ao respecto?

É de sobra coñecido o efecto da precariedade, da pobreza, a exclusión social e a desigualdade socioeconómica sobre a saúde mental das persoas, nun ciclo vicioso que perdura no tempo e que nos convirte nunha sociedade enferma. E falo de sociedade, porque é imperativo desterrar a idea da doenza mental como algo individual e exclusivamente biolóxica. En Cataluña estase a realizar un plan de implantación da Renda Básica Universal. O Director da oficina do Plan piloto, Sergi Raventós, leva anos investigando os efectos positivos da aplicación da Renda Básica Universal na saúde mental. Este é o camiño no que avanzar: garantir unha mínima seguridade económica.

E a normativa de ampliación de determinados dereitos sociais, como as políticas de igualdade, a lei da eutanasia ou a futura lei trans?

O exercicio real dos dereitos é a principal estratexia de prevención en saúde mental. Unha mala saúde mental está relacionada coa existencia de desigualdades sociais, discriminacións e procesos de exclusión social, e intrinsicamente ligada a sufrir violencia (de xénero, por discriminación, institucional, etc). Toda política que afiance ou protexa os dereitos fundamentais significa un avance extraordinario na vida das persoas e na súa saúde física e mental. Queda moito por avanzar en lexislación, en políticas que fagan efectivos os principios da igualdade e da non discriminación e  en xustiza social, que é a base da saúde.

En canto á dotación de profesionais, estamos na metade do recomendado hai 25 anos. No ano 2021 alcanzamos o máximo número de persoas esperando por unha primeira consulta de saúde mental: 10.000 persoas están á espera de ser atendidas en psicoloxía clínica ou psiquiatría.

É suficiente a dotación de profesionais da saúde mental no Sergas?

O Movemento Galego da Saúde Mental leva advertindo desde hai anos a absoluta insuficiencia de recursos para atender a saúde mental, ademais das vulneracións dos dereitos que asisten ás persoas con problemas de saúde mental. Advertiu e realizou campañas ata conseguir que o goberno da Xunta de Galicia deseñara o plan de prevención de suicidio e o plan de saúde mental, e denunciou publicamente a falla de orzamento do primeiro (sen inversión económica non hai plan) e a insuficiencia de recursos do segundo, realizado en plena pandemia sanitaria en función das propias recomendacións da Xunta de Galicia hai máis de 25 anos. En canto á dotación de profesionais, aínda prevendo que se cumpra o Plan de saúde mental poscovid de 2020, estamos na metade do recomendado hai 25 anos. E son cifras que fican obsoletas na actualidade, xa que no ano 2021 alcanzamos o máximo número de persoas esperando por unha primeira consulta de saúde mental na sanidade pública: 10.000 persoas están á espera de ser atendidas en psicoloxía clínica ou psiquiatría. Nun contexto desde hai anos de aumento constante da lista de espera. Para facernos unha idea, en 2019 a lista de espera alcanzaba as 8.000 persoas.

Como funcionan os departamentos de saúde mental, defínense obxectivos, hai equipos multidisciplinares…?

As unidades de saúde mental funcionan de xeito multidisciplinar, aínda que non é habitual que estea a equipo completo: enfermaría, psicoloxía, psiquiatría, traballo social ou terapia ocupacional. Por non falar da idoneidade da inclusión doutras profesións, como a educación social. O movemento en primeira persoa tampouco forma parte do funcionamento ordinario dos servizos de saúde mental, como ocorre noutros países. Queda moito por percorrer en canto a horizontalidade na participación dos diferentes colectivos profesionais e non profesionais, e nos liderados positivos.

Ademais destes dispositivos terapéuticos, serían necesarias outras políticas preventivas para a mellora da saúde mental das persoas? Cales?

Unha política eficaz de saúde mental pasa por intervir preventivamente desde ámbitos educativos, servizos sociais, sanitarios e económicos. No tocante ao ámbito sanitario, é necesaria a inclusión de profesionais de saúde mental nos distintos niveis asistenciais, nomeadamente Atención Primaria, para facer realidade os principios que substentan a actividade sanitaria: accesibilidade, equidade, seguridade, integralidade na atención. Hai experiencias positivas da inclusión da psicoloxía clínica en Atención Primaria, pero en Galicia quédase no anecdótico, coa presenza dunha profesional para toda a área sanitaria, e non en todas. No que se refire á necesaria coordinación entre os distintos ámbitos, faise practicamente imposible conseguir un mínimo coñecemento e traballo conxunto coa carga laboral que existe: nas consultas dos distintos servizos sanitarios, no traballo dos equipos docentes, en servizos sociais…

Unha novidade no Estado é a posta en funcionamento dun teléfono de atención ao suicidio… Como o valora? Cal pode ser a súa eficacia en Galicia?

Un recurso destas características é unha das estratexias que recomenda a Organización Mundial da Saúde na prevención do suicidio, polo que é positiva a súa posta en marcha. Agora ben, ten que ser parte dunha estratexia global, multisectorial e multinivel onde diversos sectores, non só o sanitario, se coordinen na resposta. Para que sexa eficaz, o teléfono de atención ten que estar ben organizado, cos recursos suficientes, e dando unha resposta áxil, tanto na dispoñibilidade para atender todas as chamadas, durante o tempo que sexa preciso, como para derivar ao recurso asistencial ou social se así se valora necesario. O Ministerio de Sanidade cuantificou en 15.000 chamadas só no primeiro mes de funcionamento. Dá unha idea da magnitude da situación. Sendo xestionado por unha organización non gubernamental e un equipo formado por 1 persoa responsable do servizo, 11 supervisores e 26 traballadores, fainos pensar na sobrecarga que están podendo ter xa desde o inicio da posta en marcha, o que non é positivo para alcanzar os resultados desexados e para o estado dos e das profesionais que atenden ao teléfono.

A que outras deficiencias habería que atender para contribuir tanto no referido ao descenso de casos de suicidio como ao de consumo de psicofármacos?

En Galicia temos dificultades no acceso a Atención Primaria, temos importantes listas de espera nas unidades de saúde mental, temos as recén creadas (non en todas as áreas sanitarias) unidades de prevención do risco suicida que deberan ofrecer unha atención óptima sen risco de saturación e conseguinte ineficacia. Son moitos os retos que temos por diante, que necesitan vontade política, máis inversión e liderado.


Destacados:

 

“”.

 

 

“”.

 

.

 

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]