Martes 6, Xuño 2023
HomeActivismo e SociedadeEntrevista: Michèle Matterlat

Entrevista: Michèle Matterlat

Michèle Matterlat

Feminista e comunicóloga

Michèle Mattelart publicou en 1977 A cultura da opresión feminina e, en 1982, Mulleres e industrias culturais, libro no que defende que os medios están condicionados histórica e socialmente, e que a súa función responde ás necesidades dun sistema de poder. Trinta e cinco anos despois, no marco do primeiro congreso internacional de comunicación, denuncia o ambiente “sexista” e advirte dos efectos sobresaturantes dos medios.

(Extracto da entrevista publicada no número 249, do mes de febreiro de 2018, de TEMPOS NOVOS)

Texto: Luís Villamor  Fotografía: Fernando de Paz

No congreso compostelá sobre Redes na Diversidade, falou vostede do empoderamento da muller. Empecemos por aí…

Si. Fixen unha reflexión sobre a evolución que sufriu a investigación respecto do tema de xénero. Sobre o cambio do termo. Antes chamábaselle a isto comunicación e mulleres, e agora chámaselle xénero. E eu entrei neste debate. Porque cada denominación, cada cambio de termo, significa un cambio ideolóxico e político. E despois referinme aos meus traballos e ás correntes de investigación que estaban vixentes cando empecei a desenvolver esta traxectoria. E a partir diso, analicei o que está mudando.

E canto evolucionou o panorama, por exemplo, dende Marie Curie ata hoxe? Unha científica `feminista´ que rachou co clixé de “nai e esposa”…

Curie é unha das que conseguiu distinguirse, nunha xeración onde as mulleres tiñan máis ben orgullo. Isto é patente. As mulleres, dende entón, téñense desenvolvido moito, xa sexa na ciencia, na escritura ou na política. Nesta medida, unha pode estar convencida de que teñen subido un chanzo.

Pero no centro da ágora, da praza pública, o discurso fulcral non segue a ser aínda netamente masculino?

Iso é certo, pero o que pasa hoxe en día e dende hai algunhas décadas –e quizais a partir de certos escándalos se está vendo máis claro– é que por parte das mulleres hai unha resistencia e un clamor. E isto é o que xa teñen conquistado. Xa gañaron batallas. E a súa sorte non é comparable coa de moitos anos atrás, pero persiste aínda un ambiente moi marcado polo predominio do home. Eu diría un ambiente incluso sexista.

O termo sexista, aplicado en segundo que casos, se cadra mesmo pode quedarse curto… Hai violencia física e psíquica, maltrato, violacións, asasinatos a eito…

Si, e non só en Occidente. Pensemos na situación das mulleres en países como México, ou en África, coas mutilacións das nenas, o que indica que o problema dende logo non está resolto. As mulleres seguen sendo vítimas desta situación de poder por parte dos homes.

Que ten que cambiar na política de xeito radical para reverter a situación e navegar deica situacións de verdadeira igualdade?

É moi complexo, porque iso está inscrito case no inconsciente colectivo.

Hai quen di que está no adn, pero non habería que rexeitar de vez estes termos bioloxistas, fuxir do determinismo biolóxico para atopar solucións?

Si. Non hai que referirse ao bioloxismo, ao determinismo biolóxico. Esa é a trampa que hai que descartar, que hai que evitar. Hai que falar máis ben de determinismo social, político, histórico. É moi importante rescatar isto do inconsciente colectivo. E por iso é unha batalla moi longa de librar. Creo que a evolución da humanidade se terá conseguido cando a muller chegue a superar non só o teito de cristal en termos de traballo, senón de emancipación real, de igualdade plena.