María Xosé Queizán
Feminista, escritora, polígrafa
Se fose preciso argumentar que hai unha discriminación patente contra as mulleres, chegaría con percorrer a biografía dunha das máis grandes que ten dado Galiza, María Xosé Queizán: novelista, ensaísta, profesora, lingüista, poeta,conferenciante… A súa obra publicada é inxente. Só o feito de ter concibido e realizado a revista A festa da palabra silenciada, tería un lugar de honra en calquera cultura normalizada. Foi obxecto de algunhas homenaxes e é unha das poucas persoas agasalladas en vida cun parque que leva o seu nome, no seu querido Vigo. Pero, sorprendentemente, a súa talla non a fixo merecente, ata o de agora, dunha cadeira na Real Academia Galega.
(Extracto da entrevista publicada no número 250, do mes de marzo de 2018, da revista TEMPOS NOVOS)
Texto: María Xosé Porteiro Fotos: Miguel Riopa
Que opinas da campaña MeToo e a mobilización do 8 de marzo?
O abuso das mulleres é tan antigo como o mundo. Os homes que tiveron poder abusaron. Temos datos e evidencia dos industriais vigueses e os das conservas. Aquelas mulleres non podían facer público o abuso que padecían. Agora cómpre acceder ao MeToo do incesto. É moito máis numeroso do que se pensa. Pero aínda as mulleres non están en situación de denunciar o propio pai. Esperemos que non tarde moito. É necesario. No canto á folga, non interesa que se cuantifique a achega que fai o traballo privado das mulleres; mesmo así, no CSIC dise que un 56% do PIB é producido nese sistema, é máis que o industrial. Son os servizos que prestan estas mulleres machucadas os que manteñen todo o Estado, pero unha ama de casa alucina se lle dis que sostén a sanidade ou a educación. No mundo laboral gañamos menos polo mesmo traballo, temos os peores traballos, estamos condenadas mentalmente a elixir un tipo de estudos, carreiras ou oficios que son os menos valorados, e se as rapazas elixiran os oficios de formación profesional que elixen os homes serían mellor remunerados. .
Como chegaches ao feminismo?
Cando escribín ensaio sobre feminismos non tiña demasiados libros lidos, e os que tiña non me servían. A bibliografía dos meus primeiros ensaios non eran libros de mulleres: se acaso Habbermas ou Frantz Fanon e as súas reflexións sobre a negritude axudáronme a comprender o feminismo. Por aí cheguei á conclusión de que a base da discriminación está no poder e nel, en definitiva, reside toda a inxustiza. A análise do poder dos brancos sobre os negros, ou dos nobres no Antigo Réxime, levoume a pensar que a opresión das mulleres é algo metido no pensamento, na conciencia, dunha maneira moito máis profunda. A misoxinia foi a primeira e máxima desigualdade desde que temos noticia histórica, e non conseguimos librarnos dela. A clave está no sexo. Un home negro é superior a unha muller branca porque pode follala e empreñala.
Tes analizado abondo as relacións entre ambos os sexos…
O matrimonio establécese mediante un contrato privado, sen garantías de ningún tipo, mentres que o contrato social de Rousseau foi algo moi avanzado e revolucionario: por el se rexe o traballo que cómpre facer, cantas horas e o salario que se vai percibir. Iso non sucede no privado, no contrato matrimonial non se especifica cantos fillos debe ter a muller, nin canto debe traballar, pero si que hai a idea do dominio sobre ese ser, de xeito que as mortes prodúcense cando as mulleres queren escapar dese mundo ou queren divorciarse. “Se me repuxo”, di o home, “e antes de toleralo machuqueille a cabeza”. Aí está esa idea de que é o dono, ten unha muller e non tolera facilmente que se lle repoñan. Por iso sucede en todas as clases sociais. As palabras revelan a coincidencia na súa orixe: padre, patrón, patrimonio, patriarcado. O único que regula legalmente o matrimonio é o patrimonio.
Que pasa coa violencia machista?
As mulleres non nos matan no Corte Inglés, nin no súper, nin nos parques infantís. A nós mátannos na casa. Antes se persignaban as señoras cristiás ao saír da casa, agora deberían facelo ao entrar porque dentro da casa é onde está o auténtico perigo. Esa é a realidade.