« Quen domina a UE é o gran capital das maiores economías europeas »
Texto Manoel Barbeitos
Hai voces que apuntan a que a crise actual da economía no mundo capitalista está provocada directamente pola pandemia sanitaria. Comparte este criterio ?
Cómpre matizar calquera información ao respecto. É certo que na fase actual da crise a pandemia ten o papel principal. Sen dúbida. Porén, xa a principios de marzo, cando aínda non se tiña producido o confinamento da poboación en España, Francia e Bélxica, os medios de comunicación dicían que todo o que ocurría no ámbito económico estaba provocado polo virus. Eu expliquei naquel momento que o sistema capitalista global xa atravesaba daquela unha forte crise multifuncional. Por caso, desde a primeira metade do 2019 baixara a produción industrial, cunha redución da produción global en Alemaña e en varias ramas en Estados Unidos, o que comportaba unha verdadeira recesión neses países, e tamén unha diminución do crecemento en China. Estabamos ao borde dunha crise financeira de gran magnitude. Entre o 15 de febreiro e o 17 de marzo produciuse unha caída de entre un 30 e un 40 por cento nun mes, coa excepción de China, onde a caída foi menor. O certo é que se produciu unha caída xeral en Europa e nos Estados Unidos, e todo iso sucedeu antes do confinamento.
Produciuse entón algo así como a treboada perfecta…
Todo o dito debería servir para entender que a crise provocada polo coronavirus non se deu nun ceo azul, senón nun ceo ateigado de nubes e con elementos de treboada eléctrica, que en calquera momento podían provocar unha crise financeira aínda máis grande que a caída das Bolsas e que a crise de 2007-2008. É unha esaxeración e un erro dicir que o coronavirus é unha disculpa para tapar a crise do capitalismo. Equivócanse os que o din, pero tamén os que afirman que todo vén do coronavirus. Cómpre realizar unha análise matizada, tal como veño de facer.
« O FMI vai seguir coas súas políticas de reformas estruturais antisociais. Son contrareformas, ataques ás conquistas sociais, e quere seguir facéndoo a respecto da seguridade social, as pensións e as relacións laborais. Intervén a prol do Gran Capital e a prol das grandes potencias que queren seguir coa dominación sobre os pobos e os países considerados periféricos ».
Pódese dicir, cos datos na man, que a Unión Europea ocupa neste escenario un lugar cada vez máis secundario ?
[…]
Parece como se a pandemia fose quen de abanear algúns dos postulados neoliberais, por caso os ben coñecidos do FMI. Como valora os novos posicionamentos públicos do Fondo Monetario Internacional ?
O FMI é especialista en producir documentos que non reflectan a posición do FMI…Son documentos de traballo, declaracións…Porque é certo que o FMI di unha cousa e fai outra: vai seguir coas súas políticas de reformas estruturais antisociais. Eles chámanlles reformas, pero en realidade son contrareformas, ataques ás conquistas sociais, e queren seguir facéndoo en temas como a seguridade social, as pensións e as relacións laborais. En definitiva, o FMI intervén a prol do Gran Capital contra as clases populares e a prol das grandes potencias que queren seguir coa dominación sobre os pobos e os países considerados como periféricos. Porén […]
Que se pode esperar do Banco Central Europeo nesta crise ? Dáse realmente un cambio nos seus dogmáticos postulados ?
A preocupación central para o BCE é manter a zona euro, rescatar os bancos privados inxectando diñeiro, e faino de maneira increíble. A maioría da xente non sabe que non só se lles outorga aos bancos crédito normal á taxa cero, senón que tamén se lles deu ademais un billón de euros a unha taxa negativa do -1%. É o que vén de suceder nos últimos meses. A banca privada estaría outra vez ao borde da bancarrota se non se tivese producido unha intervención do BCE, que fai todo o necesario para socorrer aos bancos privados e favorecer aínda máis a concentración bancaria, como agora está sucedendo en España coa fusión entre Bankia e Caixabank.
A Comisión Europea anuncia que se retrasan os obxetivos fiscais fixados no Tratado de Estabilidade, Coordinación e Gobernación (TECG). Que comporta esta suposta flexibilidade ?
[…]
« A banca privada estaría outra vez ao borde da bancarrota se non se tivese producido unha intervención do BCE, que fai todo o necesario para socorrer aos bancos privados e favorecer aínda máis a concentración bancaria, como agora está sucedendo en España coa fusión entre Bankia e Caixabank »
Aparte de que coas fusións estámonos alonxando aínda máis da posibilidade de contar cunha banca pública…
Sen dúbida. Malia iso, hai afortunadamente outra cara da moeda, a de que se se acadase un goberno do pobo, sería moito máis fácil socializar a banca, xa que non se tratría de socializar a 50 bancos. Expropiando aos señores da familia do Santander e aos grandes accionistas do BBVA, ou aos da nova entidade resultante da fusión Bankia-Caixabank…, case se podería controlar todo o sistema bancario español. Eles están construindo monstros financeiros, pero se tiveramos un goberno realmente de orientación popular, con coraxe, tería unha tarefa moito máis fácil que antes para expropiar a esta xente, porque sonpoucos.
Volvamos ás políticas públicas. As medidas aprobadas pola « troica » por mor da pandemia sanitaria van provocar que se disparen aínda máis as débedas públicas e privadas ?
[…]
« Se a débeda pública estivera para servir ao pobo, se houbera unha xustiza tributaria con participación proporcional nos impostos dos máis ricos, entón poderiamos considerala normal. Pero o aumento actual da débeda española con Sánchez-Iglesias, como antes co goberno de Rajoy e co goberno de Zapatero, é un aumento ilexítimo »
Que consecuencias se derivan máis en concreto tanto para os Estados como para os cidadáns (familias e empresas non financeiras) ?
As débedas das familias populares tamén están aumentando moito. En España teñen vostedes actualmente os ERTEs, as prestacións por desemprego. Isto compensa, pero non completamente. A xente xa tiña antes salarios insuficientes, moita xente traballaba con contratos precarios e salarios baixos. Coa situación actual, para manter o seu nivel de vida e pagar gastos como o da saúde, a xente ten que endebedarse para pagar a hipoteca. Ten que solicitar créditos contraendo nova débeda para seguir pagando débedas antigas. Por todo iso, penso que hai toda unha parte das débedas dos fogares populares que pode ser considerada como débeda ilexítima, que tería que ser anulada. Iso suma argumentos a prol de socializar a banca privada ou expropiar aos grandes accionistas, porque se tí transformas estes bancos privados en servizos públicos, é moi fácil anular a débeda […]
Que posicionamentos deberan adoptar as forzas políticas e sociais progresistas de Europa neste contexto ?
Hai que definir prioridades. Cómpre partir das necesidades da xente que precisa unha protección diante dunha crise sanitaria moi grave. A xente necesita mellorar as súas condicións de vida, os seus ingresos. Ten que ter acceso a servizos públicos de calidade. Ten que combatir a crise ecolóxica, o cambio climático. Isto define prioridades. Ademais, as forzas progresistas teñen que avogar pola socialización, vía expropiación, do sector bancario e dos seguros privados. O segundo sería a expropiación e socialización do sector enerxético, da produción e distribución enerxética, para así asegurar un servizo de luz eléctrica, calefacción, etc, respetando os intereses da xente e deixando os combustibles fósiles e a produción nuclear, para así producir enerxía de maneira limpa, compatible coa natureza e cos pequenos centros de produción próximos á xente, algo que é perfectamente posible. Igualmente habería que socializar o sector farmacéutico a nivel internacional, europeo e nacional. Os grandes laboratorios terían que ser tamén servizos públicos. A búsqueda da vacina tería que ser financiada a nivel público e o resultado tería que estar libre do dereito de protección intelectual, de patente, e ser patrimonio común da humanidade.
[…]
Humanizar e humanizármonos. Iso comporta pensar tamén nos « outros », estean preto ou lonxe de nós ?
[…]
Esta entrevista completa foi publicada no número 283 da revista TEMPOS NOVOS (decembro 2020). Pida aquí o seu exemplar.
Eric Toussaint é profesor de Ciencia Política nas universidades de Lieja e París VIII, ademais de portavoz do CADTM (Comité para a abolición das débedas ilexítimas) e membro do Consello Científico de ATTAC en Francia. Autor de diversos libros, os máis deles publicados tamén en español, como Una mirada al retrovisor: el neoliberalismo desde sus orígenes hasta la actualidad (Icaria, 2010) ou Sistema Deuda. Historia de las deudas soberanas y su repudio (Icaria, 2018). No 2015 coordinou os traballos da Comisión da Verdade sobre a Débeda, creada polo presidente do Parlamento grego. Conferenciante por toda Europa. Articulista de prestixio en numerosos medios internacionais.Máis de medio milleiro de artigos apareceron en diversos medios españois, un dos últimos foi o titulado A débeda externa no marco das crises económica mundial e Covid-19.