Mércores 10, Agosto 2022
HomeActivismo e Sociedade Carlos Amoedo Souto, catedrático de Dereito Administrativo na UDC

[ENTREVISTA] Carlos Amoedo Souto, catedrático de Dereito Administrativo na UDC

“ O boom eólico vese reforzado co chapapote normativo existente”

A de Carlos Amoedo Souto é unha das voces recoñecibles que, dende o mundo do Dereito, se escoita cando se analiza a problemática dos parques eólicos en Galicia. Catedrático en Dereito Administrativo pola UDC, é un dos asinantes do informe do Consello da Cultura Galega que a finais do pasado ano urxiu a revisar o Plan Sectorial da Xunta e paralizar, no ínterim, a instalación de novos parques. Máis recentemente, participou en Santiago de Compostela na xornada técnica de ICOS-España sobre xestión e retos do Camiño de Santiago coa conferencia “A desprotección do Camiño de Santiago fronte aos parques eólicos”. Un aspecto, o da protección patrimonial, que ben podería funcionar coma un fío condutor dos discursos que dende Galicia cuestionan o “boom” eólico e o impacto sobre territorio, natureza e paisaxe.

Unha entrevista de Francisco Cortez-Lobão Sineiro

Cando un o escoita falar sobre a extensión dos eólicos en Galicia, o discurso semella pesimista. É tan grave a situación?

Neste asunto non hai perspectiva máis realista có pesimismo. A base da despregadura do sector en Galicia foi, e segue a ser, un Plan Sectorial deseñado ao gusto das empresas. Non recolle consideracións sólidas dende o punto de vista ambiental ou da protección do territorio. Como acontecía en A grande transformación de Karl Polanyi, todo se considera un recurso apropiable, incluíndo o territorio. Todo o territorio é economicamente aproveitable. É difícil, xa que logo, desenvolver políticas que teñan en conta valores como a sustentabilidade ambiental, que vai alén do gaño económico. Sobre esta base e a través da política normativa que o PP vén desenvolvendo dende tempos inmemoriais, pero especialmente dende 2009 coa Lei que regula o aproveitamento eólico de Galicia, foise asfaltando, colocándose unha alfombra vermella, o camiño para os promotores eólicos. Sumando isto á actual conxuntura, o cóctel que resulta é de difícil dixestión. É moi difícil atopar argumentos legais e ambientais para poder contrapor dialecticamente este enfoque, este modelo obsoleto, segundo o cal a enerxía eólica é verde, renovable e perfectamente sustentable.

“A guerra de Ucraína volve impulsar o sector, reforzando o “boom” eólico dos últimos anos (…) Un sector eólico potente, vigoroso, cunha regulación legal favorable, e cunha conxuntura política e xeoestratéxica positiva para eles, con Europa apostando polas renovables… Preocúpame a situación”.

Pero é tan excepcional a situación galega? Que acontece noutros territorios?

O problema é xeral. A maioría das comunidades autónomas adoptou un punto de vista favorable á empresa. Nos últimos anos, a partir da recuperación da crise do ladrillo, fomentouse a dinamización do sector. Non me consta, por parte de ningunha Comunidade Autónoma, unha planificación do sector eólico que cumpra con todas as esixencias derivadas da normativa de avaliación ambiental estratéxica. E, de feito, a carencia é xeralizada no tocante a unha regulación eficiente desde o punto de vista ambiental. Como autocrítica, recoñezo que deberiamos estudar con maior detalle cada marco autonómico, xa que cada un ten a súa propia planificación e falta aínda un estudo comparado sobre o desenvolvemento do sector noutras comunidades. É un dos grandes problemas que atopamos os estudosos do dereito administrativo. Fáltanos trazar eses puntos con outras comunidades sobre a regulación desta materia. E non podemos obviar que o Estado renunciou á mantenta á regulación desta lei. A Lei 8/2009 galega foi pioneira na elevación de rango normativo a legal do respaldo a este potente sector económico. A nivel estatal, tamén hai unha regulación complexa sobreposta á das comunidades. O resultado acaba sendo un “chapapote normativo”. Con esta imaxe, que é moi potente, evocamos o desastre ambiental do Prestige do que se cumprirán en breve 20 anos.

Supoño que a situación se agrava cos últimos sucesos internacionais…

Ata agora xa era difícil coñecer os marcos normativos que guían o desenvolvemento do sector, con reformas constantes no Estado e nas comunidades autónomas. Pero é que ademais agora temos o Real Decreto Lei 6/2022, feito para afrontar a guerra na Ucraína e fenómenos como a suba dos carburantes, a folga no transporte  ou a inflación nas economías familiares. Atopamos daquela a sorpresa de que este Real Decreto regule e impulse os aproveitamentos eólicos. A guerra volve impulsar o sector, reforzando o “boom” dos últimos anos. “Un boom” que xa denunciou en varias ocasións o Observatorio Eólico de Galicia, a mellor ferramenta coa que conta a cidadanía deste país para monitorizar, controlar e entender o fenómeno dos eólicos. Sen o traballo de Xavier Simón e do Observatorio, estariamos moito máis indefensos. Cómpre ter en conta que onde hai expectativas de negocio tan grandes hai bos gabinetes de avogados, e bos economistas e enxeñeiros, xente con moito músculo, defendendo os intereses das eólicas. Son moi fortes en comparación coas asociacións ambientais. A batalla é desigual. Un sector eólico potente, vigoroso, cunha regulación legal favorable, e cunha conxuntura política e xeoestratéxica positiva para eles, con Europa apostando polas renovables… Preocúpame a situación, e por iso me vexo na obriga de trasladar unha mensaxe pesimista.

Fronte a eses “muíños coma xigantes”, case ao xeito de Don Quixote, atopamos un movemento ambiental moi disperso, non si? Non ten a percepción de que se libran moitas loitas inconexas?

A nivel persoal comparto esa sensación. É moi preocupante, e á vez resulta triste e mesmo frustrante, que cheguemos a 2022 e o movemento ecoloxista, veciñal e político que podería artellarse en relación coa despregadura eólica sexa tan feble e fragmentario. O movemento ambiental foi a base de articulación dos proxectos políticos de esquerda en Galicia. Abonda con mirar para Xove ou as Encrobas para ver como o nacionalismo político medrou e gañou penetración social da man deste tipo de movementos de oposición veciñais. Así trabou unha relación dialéctica coa construción política do país e gañou en solidez. Certo que non o suficiente: cando veu o Prestige, aquel potente movemento social deu menos froitos do esperado no terreo político. En 2005 gañáronse as eleccións autonómicas polos pelos. E penso que hoxe os partidos políticos teñen unha posición que dista de estar clara, o que remata afectando ao movemento ambientalista. Isto dificulta a creación dunha federación de forzas. Hoxe hai pouco fluxo de información entre os distintos actores. E hai moito traballo que facer: por exemplo, o deseño dunha interpretación legal máis avanzada do marco que nos provea de ferramentas xurídicas que fagan que os tribunais miren a despregadura das renovables con outros ollos. A estas alturas seguimos tendo moito que facer.

E como se pode trasladar un discurso coma este nun momento onde o debate sobre a enerxía e a súa produción ferve coma nunca?

Como sociedade, procuramos alternativas de curto prazo a problemas complexos e difíciles de resolver. O problema fundamental da nosa época é a dependencia enerxética, sobre todo a de combustibles fósiles e hidrocarburos. É un problema que nos engloba a todos porque somos adictos ás enerxías abundantes e inmediatas. Pasar a outro tipo de fontes é un cambio moi forte, que implica tamén mudanzas no modelo de vida. Non podemos queixarnos polo prezo da gasolina: cómpre comprender que esta é hoxe un artigo de luxo. Imos cara a un futuro de escaseza de fontes enerxéticas e por tanto maior desigualdade social. Dende o meu punto de vista sobre a evolución da transición ecolóxica, hai que parabenizar a Comisión Europea por apostar polo Pacto Verde Europeo recollendo o New Green Deal de Bernie Sanders. Pero ese enfoque, sendo necesario, precisa que as maiorías sociais teñan maior protagonismo. Non pode ser que o pacto verde europeo polas renovables se converta nun xigantesco Plan Marshall para que empresas e capital privado invistan en tecnoloxía, e poidan limitarse a cambiar as fontes dos seus beneficios. Este tipo de enfoques de curto prazo impiden facer unha reflexión de fondo sobre a natureza real da crise ambiental. Esta ten que ver cunha concepción dos recursos e o territorio que non ve os problemas ambientais, porque segue asumindo que para desenvolver este tipo de políticas hai que sacrificar o medio ambiente se fai falta.

“O modelo actual non abandonou as premisas do crecemento sustentable. Hai que cambiar de paradigma cara a un decrecemento socialmente sustentable, onde o territorio, o medio ambiente e a natureza teñan un carácter prioritario. Pero para facer isto de forma seria tes que mudar a situación en Galicia co plan sectorial eólico”.

Vese que o modelo actual está en crise…

Seguimos mantendo unha concepción extractivista e explotadora do territorio. Deberiamos facer fincapé nun modelo de decrecemento. O modelo actual non abandonou as premisas do crecemento sustentable. Hai que cambiar de paradigma cara a un decrecemento socialmente sustentable, onde o territorio, o medio ambiente e a natureza teñan un carácter prioritario. Pero para facer isto de forma seria tes que mudar a situación en Galicia co plan sectorial eólico. Se queres un novo modelo tes que arrecunchar ese plan e as súas claras bases desenvolvimentistas. Nun hipotético novo plan tes que pensar que non todas as montañas galegas son susceptibles de aproveitamento. Debes concentrar o impacto destes aproveitamentos eólicos nunha planificación seria: situando os eólicos onde menor impacto na biodiversidade produzan, procurando sempre tecnoloxías de repotenciación e redución do impacto. Asi lograríase que non se use a escusa da carestía da gasolina para inzar o país de aproveitamentos eólicos. O reto pasa por aí, e hai que sumar á cidadanía á reclamación dunha moratoria para asentar un desenvolvemento realmente sustentable a través dun novo plan sectorial. Se non o facemos agora, nunca se fará, e seguiremos repetindo vellos erros.

A idea do decrecemento non semella moi doada de popularizar…

Polo menos, debes introducir unha mentalidade decrecentista nas ideas da poboación. É fácil convencer á xente á que lle van chantar eólicos na aldea de que o modelo debe repensarse cara a un sistema onde se avalíe de forma máis minuciosa o posible aproveitamento eólico. Isto de por si é un formulamento decrecentista, que afirma que non todo o territorio é susceptible de ser explotado. Xa sexa por circunstancias extraeconómicas ou por priorizar o desenvolvemento agrario sostible ou a paisaxe como recurso cultural e turístico. Novas variables todas elas que farían que non se teñan en conta só as tocas e primitivas contas de resultado das empresas eólicas. Variables, en fin, distintas, para a planificación ordenada da explotación dos recursos do territorio. A Xunta mantén unha perspectiva de que todo debe ir para diante, porque as empresas xeran emprego e non pasa nada se hai impacto ambiental. Limítanse a impor medidas correctoras que ninguén controla despois. É a política a curto prazo que se aplica neste país dende os pantanos de Franco.

A sobreexplotación turística do Camiño de Santiago foi un invento de Fraga, pero o recurso patrimonial é moi anterior e debe recuperarse e restaurarse. Neste camiño é evidente que os eólicos teñen un forte impacto ambiental que deturpa a experiencia cultural do visitante. Hai que manter as explotacións fóra do Camiño”.

É a defensa do patrimonio unha oportunidade para cuestionar a implantación desmesurada de eólicos en Galicia?

Ese é o exemplo do parque de Sasdónigas en Mondoñedo, que foi anulado polo Supremo o pasado mes de febreiro. Hai persoas nacionalistas e de esquerdas en Galicia que pensan que o Camiño de Santiago é un invento de Manuel Fraga. Isto é así pola deturpación do Xacobeo, convertido nun grotesco Belén, pero que segue a ser unha xoia cultural. É unha mágoa que non se dea visto o potencial cultural do Camiño máis alá da evidente sobreexplotación turística. Isto último si foi un invento de Fraga, pero o recurso patrimonial é moi anterior e debe recuperarse e restaurarse. E neste camiño é evidente que os eólicos teñen un forte impacto ambiental que deturpa a experiencia cultural do visitante por esas arterias musealizadas do territorio que son os Camiños de Santiago. Hai que manter as explotacións fóra do Camiño.

Que se pode facer dende o mundo do Dereito?

Pódese transmitir aos xuíces ideas claras sobre a evolución do panorama normativo e de protección ambiental no ámbito europeo. Un xuíz atende a moitos asuntos e non sempre pode formarse sobre estes temas específicos, e menos aínda no marco actual. O mundo xurídico está desbocado. Fálase dun mundo multinivel onde cada vez é máis complicado facer interpretacións sistemáticas das normas que integren todos os planos: o local, o autonómico, o estatal, o europeo… É un magma normativo. Dende o mundo académico temos que procurar as interpretacións máis integradas, na medida do posible, deste magma normativo no ámbito da produción eléctrica e da protección ambiental, caracterizado pola súa falta de harmonía. Hai que aliñar os valores ambientais e de conservación da biodiversidade co desenvolvemento de aproveitamentos. Temos que buscar interpretacións avanzadas e transmitírllelas aos maxistrados e aos xuíces. Por iso cómpre escribir, publicar e difundir produción xurídica na materia.

“Cónstame que hai asociacións que procuran avogados de oficio por aforrar cartos, e moitas veces atopan profesionais que non están formados no ámbito necesario. Os avogados dunha empresa eólica si o están. Por iso necesitas profesionais de referencia que constrúan argumentario xurídico, para non ter que estar comezando sempre de cero”.

Requírense avogados especializados que contribúan a iso?

Cómpre educar aos avogados que levan contenciosos contra proxectos eólicos. Hai moito amateurismo e moita improvisación, moi perigosos cando diante tes un grande despacho. Necesitas saber redactar ben, por exemplo, unha solicitude de suspensión cautelar para unha autorización. Cónstame que hai asociacións que procuran avogados de oficio por aforrar cartos, e moitas veces atopan profesionais que non están formados no ámbito necesario. Os avogados dunha empresa eólica si o están. Por iso necesitas profesionais de referencia que constrúan argumentario xurídico, de forma que non teñas que estar sempre volvendo comezar dende cero.

É complicado, xa que logo, afrontar a actual situación?

En resumo, eu son pesimista porque vexo diante un grande desafío e vexo que o sector máis activo da cidadanía non dá posto a traballar toda a súa experiencia para afrontar isto. No Observatorio Eólico están “queimados”, non se dá feito máis. Non seremos quen de alimentar este contrapoder que xurdiu?


 

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]