“Pirómanos de seguro que hai. Pero a peor `piromanía´ é manter extensas superficies de monte abandonadas sen producir riqueza para os seus propietarios.”
por Equipo TEMPOS NOVOS
Algunhas voces moi relevantes sinalan que unha das causas principais dos incendios forestais en Galicia é a existencia de moitos pirómanos e de que nesta comunidade hai unha certa cultura do lume. Que opinas?
Empezarei pola segunda cuestión. No sistema de produción agraria tradicional galega, o monte, xa fose veciñal en man común ou de particulares, formaba parte dos recursos das explotacións agrarias, cumprindo varias funcións. A primeira: utilizábase, en longas rotacións (10 a 20 anos) para producir cereais panificables, principalmente centeo. Para coller este cereal era necesario cavar o monte e apilar a terra en pequenos peteiros e queimalos (estivadas ou rozas). O lume, sempre controlado, era necesario para facilitar este cultivo, que lograba aumentar a base territorial da terra labrada das explotacións, sempre escasa, permitindo así cumprir o principal obxectivo deste sistema de produción autárquico: obter os alimentos suficientes para que o grupo familiar non pasara fame. A segunda: o monte proporcionaba o molime (estrume) que se utilizaba para estrar as cortes do gando e os currais das vivendas, leña, madeira para a construción de casas e ferramenta de labranza. Terceira: aproveitábase para ser pastado polo gando vacún, ovino-cabrún e cabalar. Para evitar que os pastos se pechasen con toxos, xestas e carqueixas, estas especies arbustivas, eliminábanse con lumes controlados a principio do inverno.
Estas funcións do monte víronse freadas por dous motivos, un deles, esóxeno á poboación labrega, levouse a cabo cando o Patrimonio Forestal del Estado usurpou os montes veciñais para plantalos de piñeiros, o outro foi a evolución da produción autárquica á de mercado. Isto provocou o gran éxodo da poboación rural. Das 350.000 explotacións do Censo Agrario do ano 1960 pasouse ás 73.000 actuais. Con relación á teima, que ten o presidente Nuñez Feijóo de atribuírlles aos pirómanos a causa determinante dos lumes forestais, cómpre ter en conta que se repiten de xeito cíclico (4-6 anos) nunha serie de parroquias de concellos denominados de especial risco, mentres que noutras zonas os incendios forestais son anecdóticos. Pirómanos/as de seguro que os hai. Pero a peor “piromanía” é manter extensas superficies de monte abandonadas sen producir riqueza para os seus propietarios. Abandono e lume si que teñen unha forte ligazón.
O que si resulta innegable é que en Galicia temos un gravísimo problema cos incendios forestais. Chega sinalar que tendo o 20 por cento da superficie forestal de todo o Estado español aquí prodúcense o 50 por cento dos incendios forestais. Por que sucede isto?, como o explicas?
Certamente temos só o 20 por cento da superficie forestal do Estado, pero cómpre sinalar que Galiza conta con máis de 30.000 núcleos de poboación (o 50 por cento dos do Estado). Coido que esta maneira de ocupar o territorio explica en parte a cifra tan superior do número de incendios forestais de Galiza/España. O envellecemento da poboación agro-rural, o peche de moitas vivendas rurais, trouxo consigo o abandono de moitas terras de cultivo que no presente atópanse ateigadas de mato e árbores, e en épocas de seca toda esta biomasa é altamente combustible. Calquera descoido pode orixinar un lume forestal.
Dende a túa experiencia como alto dirixente do goberno bipartito, que diferenzas atopas entre a política contraincendios –e forestal, en conxunto– daquel goberno e a que o do goberno de Feijóo está levando a cabo?
A principal diferenza radica precisamente en crer que a implementación real dunha política forestal que ordene o territorio, e poña en valor o monte e o medio rural en xeral, ten que ser o alicerce de calquera política contraincendios. A “non política forestal” leva á actual e anárquica acumulación de combustible, e o desligamento dos mundos agrario e forestal non fai senón incrementar o risco. No consellaría de Medio Rural de Suárez Canal apostouse pola profesionalización dos servizos de prevención e extinción, cunha posta a disposición do servizo da tecnoloxía –TIC– e os sistemas de información xeográfica, e coa desvinculación do dispositivo dos poderes políticos locais, que nin forman, nin equipan, nin pagan convenientemente aos traballadores, e poñen en cuestión permanentemente o principio de mando único cando non o torpedean directamente. A nivel lexislativo, prohibíronse as plantacións forestais nas terras agrarias, fíxose un traballo inxente, que non se fixera nos 15 anos anteriores, coa publicación do Decreto 105/2006 e posteriormente a Lei 3/2007 de prevención de incendios, e da Orde de 13 de marzo de 2009 de aprobación de prevención de incendios nos distritos forestais. E, como consecuencia do anterior, impulsáronse as UXFOR, Unidades de Xestión Forestal, co obxectivo de facer xestión en común da propiedade forestal, o cal, unido á posta en marcha do Banco de Terras e do Contrato de Explotación Sustentable das terras agrarias, permitiu sentar as bases dunha futura ordenación do territorio rural que constituiría, sen dúbida, a mellor prevención contra incendios forestais. A finais de 2008, estaban en marcha 12 UXFOR. Nos cinco anos de goberno do PP, despois de mudarlles o nome polo de SOFOR, non se constituíu ningunha. Tamén está hibernado o Banco de Terras, e desde o 2011 pecháronse as solicitudes dos CES. Loitar contra os lumes baseándose unicamente na súa extinción, cada vez con máis medios aéreos e de máquinas, a denominada industria do lume necesita que ardan os montes para a súa subsistencia. Que empresas obteñen beneficios desta industria do lume?
Unha das críticas máis fundamentadas á política de incendios do goberno conservador de agora é a de marxinar a participación cidadán e social na loita contra o lume. Cal era ao respecto a política do bipartito?
A autoorganización dos propietarios de montes, onde o concello de Cerdido –na comarca de Ortegal– pode servir de exemplo, veñen desde os anos 80 facendo quendas de vixilancia, especialmente pola noite, co fin de controlar os accesos de persoas alleas ás pistas forestais dos seus montes. Seguindo esta iniciativa, o que se fixo foi, de xeito ordenado, facilitar a participación de voluntariado en tarefas de vixilancia de lumes forestais. Esta participación tiña unha dobre finalidade: facilitarlle á poboación urbana o coñecemento da realidade dos nosos montes, e darlles participación aos grupos ecoloxistas, que estaban moi interesados en axudar a frear as vagas de lumes que arrasan unha e outra vez os nosos montes. A prevención dos lumes é cousa de toda a sociedade.
Moitos expertos e técnicos sinalan que as características estruturais do monte galego especialmente o elevado minifundismo– dificulta enormemente a loita contra os incendios. Estás de acordo con esta apreciación? Como se pode superar este problema, que vén de lonxe?
En Galiza hai máis de 3.000 montes veciñais en man común que abarcan unha superficie de máis de 750.000 Ha son os grandes latifundios galegos, moitos deles explotados con convenios entre os veciños e a Xunta. Sofren incendios igual que os montes de titularidade individual. É certo, o minifundio e a excesiva parcelación son a característica máis destacada dos montes de particulares, somos máis de 600.000 propietarios para unha superficie de pouco máis de 1.650.000 Ha. Para facer rendible a explotación destes montes, é necesaria a súa reparcelación. O proceso de concentración parcelaria público resulta moi custoso, polo que haberá que fomentar a concentración privada –o concello de Trabada é un bo exemplo para imitar–, ou fomentar a constitución de SOSFOR. Os montes que proporcionan riqueza aos seus propietarios non son terras abandonadas, e neles o número de lumes é escaso.
Unha das particularidades máis sobresaíntes, e tamén máis preocupantes, dos lumes nos derradeiros anos é a de que están chegando ás casas. A que se debe este fenómeno? Como protexelas do lume?
Ao comenzo da entrevista falaba da existencia de 30.000 núcleos rurais. No libro da tese doutoral do francés Abel Bouhier “Galicia: Interpretación dun vello complexo agrario”, descríbese como asentaban no territorio as casas de labranza destes núcleos. Arredor das vivendas estaban as terras labradas, os prados e os pastos, que as separaban das terras incultas ou a monte. Ao producirse os grandes éxodos rurais, este cinto, que impedía que os lumes forestais fosen un perigo para as casas, desapareceu. O mato e as plantacións forestais chegan ata as fiestras das vivendas. Esta situación coido que, agás os lumes escaparate, explican o que me preguntas. Na normativa lexislativa establecida en tempos de Suarez Canal, esixíaselles aos propietarios do monte ter limpo ou con plantacións de caducifolias unha franxa de 50 metros arredor das casas. A Xunta gobernada polo PP rebaixou esta distancia a 30 metros, e na práctica non fai nada para que se cumpra esta norma.
O ano 2006 –no que ti formabas parte do equipo dirixente da Consellería de Agricultura– foi un exercicio moi duro e especial para Galicia dende o punto de vista dos incendios forestais. Coa perspectiva que dá o tempo, como ves agora aquela praga de lumes?
A vaga de lumes que tivo lugar entre o 4 e o 14 de agosto de 2006 explícase, como a problemática do lume en Galiza en xeral, facendo confluír diversos factores. En primeiro lugar, produciuse a confluencia de circunstancias meteorolóxicas (temperatura, humidade e vento) excepcionalmente adversas nunha época moi complicada, na que nin as noites daban tregua. Cómpre subliñar que a daquela secretaria de organización provincial da Coruña, do PP, Sra. Faraldo Botana, muller da corda política de Romay Becaría, enviara unha carta aos alcades do seu partido convidándoos a que “non admitan en ningún caso as presas e os prazos que está dando a Consellería de Medio Rural”. Tamén que unha vez aprobado o convenio fosen “especialmente celosos” á hora de seleccionar o persoal. Trataba de atrasar a constitución e a operatividade das brigadas locais. Sobran comentarios.
A industria da transformación da madeira aparece algunhas veces como sospeitosa por considerar que sae beneficiada dos lumes. Que pensas?
No senso de incitar ou participar en prender lumes para queimar os montes, non o acredito en absoluto. Indirectamente, ao desvalorizar o prezo que pagan pola madeira de piñeiro, carballo, castiñeiro, e en xeral de toda a madeira, agás o do eucalyptus globulus, favorece o monocultivo desta especie pirófita. Esta situación debería mudar, entre outras razóns porque os monocultivos, a medio prazo, sempre rematan por ser ruinosos.