por Xosé Veiras
O 27 de setembro pasado foi unha xornada histórica para a defensa do clima desde o noso país. Por un duplo motivo. Por primeira vez, após décadas de apatía climática, e empurrada pola xente moza, Galicia saiu á rúa con forza para demandar solucións reais á crise climática global. No mesmo día, Endesa anunciou que deixa de queimar carbón na térmica das Pontes, a industria do sur da UE que máis contribúe ao cambio climático, xunto con outra central de carbón, a de Torrevaldaliga Nord, propiedade tamén do Grupo Enel, transnacional italiana cunha importante participación estatal que controla a outrora empresa pública estatal española Endesa.
A central térmica de carbón de Endesa volveu entrar nas axendas política, sindical e mediática nos últimos meses por causa dunha caída abrupta e continuada da súa actividade. Unhas axendas nas que nunca estivo por causa do seu descomunal impacto climático. Nin sequera ocupou un lugar destacado na axenda ecoloxista até hai un ano, a raíz de que Greenpeace decidise dar un pulo á loita contra o carbón tamén na nosa terra, actuando como motor da creación da plataforma “Galiza, un futuro sen carbón” (unfuturosencarbon.org).
O carbón é a maior causa da emerxencia climática
O carbón é o combustíbel fósil máis contaminante. En particular, é o máis intensivo en emisións de dióxido de carbono (CO2), o principal gas de efecto invernadoiro (GEI), o principal gas causante do quecemento global antropoxénico. Este é un contaminante global inherente ás combustións, non tóxico ás concentracións en que pode chegar a estar en ambientes exteriores, e cuxa emisión á atmosfera non se pode controlar con tecnoloxías anticontaminación, a diferenza doutros contaminantes, que si son tóxicos e teñen un alcance máis local ou rexional (dióxido de xofre, óxidos de nitróxeno, mercurio,…), emitidos tamén, e en grandes cantidades, polas centrais de carbón. Por outras palabras, a crise climática, provocada polas emisións de CO2 e outros GEI, e a calidade do aire son dous problemas diferentes, aínda que moi relacionados, e non só pola frecuencia con que son confundidos, sen ir máis lonxe, cando se fala da central de carbón das Pontes.
A queima de carbón é a maior fonte de crise climática. A escala global e tamén en Galicia, onde viña causando cada ano nada máis e nada menos que un terzo das emisións territoriais de todo o país, segundo os datos oficiais. Isto non é algo habitual, cando menos en Europa. Galicia foi até o ano pasado unha das rexións da UE con maiores emisións de CO2 orixinadas polo uso do carbón na xeración de electricidade. E non só en termos relativos, tamén absolutos. Sobre todo debido á actividade da central das Pontes, moito máis potente (1400 MW) que a de Meirama (550 MW), explotada por Naturgy. Ambas as dúas pecharán proximamente por decisión das súas propietarias, que alongaron as súas vidas todo canto puideron, facendo ouvidos xordos as alarmas climáticas que soan desde hai xa moito tempo.
Aínda que se fan a miúdo admirábeis malabarismos para tentalo, é moi difícil falar desde o noso país da emerxencia climática e das súas causas sen se referir ás centrais de carbón. Foron até hoxe, con moitísima diferenza, as maiores fontes de CO2. Até tal extremo que mesmo resulta difícil de crer. En 2017, último ano para o que se dispón de datos do Ministerio para a Transición Ecolóxica sobre as emisións totais de Galicia, as térmicas de carbón achegaron o 35% das nosas emisións de GEI: 10,5 millóns de t, máis que a suma do transporte e a industria non enerxética xuntas, responsábeis de 9,8 millóns de t. ¡Ter paradas as dúas centrais de carbón ese ano tería logrado un aforro de emisións equivalente ao de paralizar o transporte motorizado de persoas e mercadorías e deter a actividade industrial o ano enteiro!.
O peche das centrais de carbón é a mellor política climática
Por moi periférica que sexa Galicia no contexto estatal e europeo, a nosa achega ao maior problema socioecolóxico global é elevada, en termos relativos. En 2017, as emisións galegas de GEI superaron os 30 millóns de t, atinxindo as 11,2 t por habitante. As nosas emisións per cápita son practicamente iguais ás de Alemaña. E moi superiores ás emisións medias da UE (8,8) e do Estado español (7,7), que xa son moi altas.
Nada determinou máis até agora o noso contributo á crise climática que a actividade das centrais de carbón, nomeadamente a das Pontes, responsábel ela soa dun cuarto das nosas emisións de GEI. Desde a década de 1980, a traxectoria das emisións das centrais de carbón foi paralela á das emisións territoriais do país. O descenso da actividade das térmicas de carbón durante este ano fará que en 2019 as nosas emisións totais caian a mínimos históricos. A clausura definitiva das centrais de carbón recortará notabelmente as nosas emisións, achegándoas ás medias europea e española en termos per cápita, sobre todo na medida en que a súa xeración eléctrica sexa substituída polo aforro e as renovábeis e non polo gas natural queimado en centrais de ciclo combinado como as de Sabón e As Pontes, esta última situada ao lado da de carbón e tamén propiedade de Endesa.
A decisión repentina de Endesa de pechar xa a central das Pontes non é o resultado dunha política enerxética desordenada e “ultraecoloxista” por parte do Goberno de España, como sostén a Xunta. O Goberno de Pedro Sánchez non se atraveu a incluír na proposta de “Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima” (PNIEC) un calendario de peche das centrais de carbón, sendo España o único estado de Europa occidental que non o fixo.
A propia Endesa, ao xustificar “a discontinuidade da produción” da térmica de carbón das Pontes, indicou que foron determinantes para iso o crecemento pasado e previsto das enerxías renovábeis e as novas condicións de mercado, derivadas dos prezos do carbón e o gas natural e dunha importante alza no prezo da tonelada de CO2 emitida, un “recurso” que algunhas industrias están obrigadas a adquirir no mercado europeo de emisións. Este mercado de emisións creouse en 2005 para penalizar especialmente industriais extremadamente intensivas en emisións de CO2 como as centrais de carbón. Porén, até hoxe, en poucos períodos ten sido minimamente eficaz. O PNIEC prevía que cun prezo de 35 euros por tonelada de CO2 as centrais de carbón españolas veríanse forzadas ao peche. No caso das Pontes abondaron uns meses coa tonelada de CO2 a 25 euros.
Un peche súbito propiciado pola irresponsabilidade de Endesa e gobernos
Naturgy decidiu no último momento, en xaneiro deste mesmo ano, non investir na adaptación da central de Meirama á nova normativa europea que limitará máis, a partir de xullo de 2020, as emisións tóxicas das centrais de carbón (que non as de CO2 causantes de cambio climático), optando polo peche antes desa data, a pesar das críticas da Xunta, secundadas polo PSdG, o BNG e até discretamente pola parte das “mareas” que non se puxo de perfil. Pola contra, Endesa, co aplauso e a indiferencia dos mesmos, apostou por investir 217 millóns de euros na reforma da central de carbón das Pontes para tentar alongar a súa vida por algúns ou moitos anos máis, e con ela a súa pesada herdanza de crise climática acumulada ao longo de catro décadas. Porén, e de xeito repentino e inesperado para todo o mundo, vén de decidir que xa non hai máis futuro no carbón. Con case todos os 217 millóns xa investidos e perdidos. Que, por certo, virían moi ben para enfrontar o novo escenario que se abre agora.
A forma de negacionismo climático que nega a necesidade urxente de abandonar o carbón e mais a ilusión na posibilidade de alongar, até ben entrado este século, a vida da central das Pontes, partilladas por Endesa, institucións, partidos políticos e sindicatos, saldouse con máis crise climática e cunha decisión precipitada de peche que complica unha transición xusta. Os que, desde hai 20 anos e até onte mesmo, fixeron todo o posíbel para manter indefinidamente a actividade das centrais de carbón, obviando alegremente a crise climática, e non quixeron nin souberon prepararse para o escenario actual, deberían facer hoxe todo o posíbel para minimizar e compensar os efectos negativos de tanta irresponsabilidade e imprevisión.
Os mesmos axentes deberían tamén comezar a tomar en serio dunha vez a loita contra a emerxencia climática, mais alá das declaracións retóricas sobre a cuestión á que nos teñen acostumados desde hai décadas e que nos trouxeron até onde estamos. Talvez algo mude, agora que hai presión social. Porén, hai quen teima en fuxir cara adiante. O mantemento da actividade da central térmica das Pontes, substituíndo o carbón por residuos orgánicos e/ou biomasa forestal, non suporía ningún avance. Queimar a grande escala biomasa (talvez en parte importada, como o carbón desde a década de 1990) sería insistir no desatino ecolóxico. Pero xa nolo queren vender como un prodixio da economía circular, o slogan sustentabilista do momento. Como antes nos vendían “unha central eléctrica eficiente e de baixas emisións”.
______________
Xosé Veiras é biólogo e activista ecoloxista.