Luns 6, Xullo 2020
Home Activismo e Sociedade SAÚDE PÚBLICA, SISTÉMICA E XEOPOLÍTICA

[COVID-19] SAÚDE PÚBLICA, SISTÉMICA E XEOPOLÍTICA

Por Xulio Ríos

Ao maxín viñeron as imaxes do anterior episodio similar de 2002-2003, con foco na provincia de Guangdong. A alarma agrandouse á vista da enorme progresión dos contaxiados, que rapidamente foron detectados por todo o territorio da China e varias ducias de países, se ben a mortandade confirmouse como menor. Aínda así, cóntase que serán superadas con creces as cifras da crise do SARS (Síndrome Respiratorio Agudo Severo).

Cómpre ter en conta que Wuhan é un dos principais motores do crecemento económico do país. Antes da crise, a urbe prevía un crecemento superior ao 7,8 por cento. A cidade, onde residen 11 millóns de persoas, xera un volume de negocios equivalente ao 4 por cento do PIB chinés. Situada na rexión central da China, Wuhan é un cruce vital no sector da loxística, a produción de automóbiles e a industria siderúrxica. Considerada a “Detroit chinesa”, acolle factorías como Renault, PSA, Nissan, Smart ou Valéo. A súa produción de autos equivale á de Francia. A parálise que impón a crise actual desorganiza o conxunto da produción na China e afecta á cadea global.

A reacción oficial

China adoptou medidas sen precedentes para conxurar esta grave crise de saúde pública. Resolveu máis rapidamente e de forma máis aberta que en 2002 e non dubidou á hora de impoñer medidas radicais (corentena de cidades enteiras, alargamento das vacacións, pospor o inicio do semestre escolar e da apertura das empresas, peches temporais de espazos públicos, detección de temperatura en mil e un lugares, asombrosa construción de grandes hospitais nun tempo récord…) en paralelo ao libramento de considerables recursos para encarar este desafío.

Tamén aumentou a transparencia. Aínda así, semellan fundadas as denuncias sobre falta de información e silencios mantidos por demasiado tempo antes de lanzar a alarma. Ao parecer, os primeiros casos xurdiron a comezos de decembro e os avisos foron desprezados cando non tratados como problemas de orde pública (caso do doutor Li Wenliang, contaxiado e falecido). Ese control da información levou á ralentización na declaración da emerxencia. Nesa circunstancia influiría tamén a excesiva centralización na toma de decisións, pois requírese a aprobación previa de Beijing. O propio secretario do PCCh en Wuhan, Ma Guoqiang, recoñeceu que se retivera información ata finais de decembro e que se actuou con menos da celeridade debida. Foi removido do seu cargo ao igual que o xefe do Partido na provincia, substituído polo alcalde de Xangai, Ying Yong.

Como aconteceu na crise do SARS, o escándalo do leite contaminado en 2008, os brotes de gripe aviar e o de peste porcina africana en agosto de 2018, por citar só algunhas crises deste teor, a resposta instintiva dos gobernos locais e Beijing foi a negación e acoso e arresto dos denunciantes, seguido do intento de minimizar o problema e reiteradas declaracións de que todo está baixo control e que pronto terminará.

Pero a alarma cívica cundiu nas redes sociais facéndose eco das críticas pola xestión da emerxencia, especialmente contra os funcionarios locais na provincia de Hubei, máis preocupados en proxectar estabilidade que en responder ao brote cando comezou a súa expansión incontrolada. Igualmente, denunciouse a falta de material médico. O desconcerto inicial foi grande, pillando ao país nas celebracións da Festa da Primavera e con millóns de persoas fóra dos seus lugares de residencia habitual.

Dende o primeiro momento, a Organización Mundial da Saúde (OMS) amosou o seu apoio a China e a súa confianza na capacidade para controlar a epidemia. O 30 de xaneiro optou por declarar a emerxencia de saúde pública internacional que supón a adopción de medidas de prevención e coordinación a escala mundial. Dende o primeiro momento tamén, tampouco faltou quen quixo tirar tallada da crise. O secretario de Comercio dos EUA dixo que o virus podería axudar a levar empregos de volta ao seu país. Xusto cando a OMS dicía que non recomendaba as restricións de viaxe, o Departamento de Estado emitía un aviso no que elevaba ao nivel de advertencia máis alto as recomendacións de viaxe para China, semellante ás establecidas para Iraq e Afganistán.

Segundo China, Washington non brindou ningunha axuda substancial, pero foi o primeiro en evacuar ao persoal do seu consulado en Wuhan, o primeiro en suxerir a retirada parcial do seu persoal na embaixada e o primeiro en impoñer unha prohibición integral aos viaxeiros chineses, segundo a portavoz de Exteriores, Hua Chunying. Todo iso e a “infodemia” axudou a estimular a sinofobia por todo o mundo.

Impactos económicos

Se ben aínda é demasiado pronto para avaliar o impacto desta crise sobre a economía chinesa, é evidente xa que non será menor. A epidemia supón un dano directo en tres sectores principais: (1) o sector servizos, especialmente as industrias de consumo como o turismo, a restauración, o entretemento e a loxística (en particular para as pequenas e medianas empresas); (2) o sector manufactureiro, normalmente nas industrias de telefonía móbil, automobilística e electrónica, debido ao tempo indefinido para o regreso á operación, que pode interromper nalgunha medida as cadeas industriais mundiais; como centro de fabricación en China, a cidade de Wuhan está baixo un forte impacto económico; e (3) o sector comercial, debido a posibles cortes ou incluso ao peche de compañías aéreas, rutas marítimas e fronteiras por algúns países como resultado do pánico ou consideracións xeopolíticas.

O custe global do novo brote de coronavirus podería ser tres ou catro veces maior que o brote do SARS, que minguou a economía mundial nuns 40 mil millóns de dólares, dixo o profesor de economía da Universidade Nacional de Australia, Warwick McKibbon. O crecemento real do PIB no primeiro trimestre podería “caer materialmente” desde o ritmo do 6 por cento no cuarto trimestre do ano pasado, quizais incluso máis da desaceleración trimestral de 2 puntos porcentuais observada no segundo trimestre de 2003, segundo economistas de Nomura.

No momento do SARS, o PIB de China era o sexto do mundo, equivalendo ao 4 por cento global. En 2020, a súa participación aumentou ata o 18 por cento. O PIB da China está hoxe en segundo lugar. As importacións chinesas representaban daquela o 5 por cento do total mundial. China é hoxe o principal exportador e importador mundial, representando a cuarta parte das exportacións mundiais. Pesa máis e está máis encaixada na economía mundial mediante o intercambio de servizos e bens. Se atendemos ao turismo, por exemplo, que é a cadea principal de transmisión da epidemia no mundo, en 2003, 20 millóns de chineses saíron ao exterior, e en 2019 foron 150 millóns.

Todo iso significa que o impacto global da crise e da caída do crecemento de China será indubidable. A epidemia ameaza tamén a fráxil estabilización da economía mundial, que esperaba beneficiarse da tregua na guerra comercial entre EUA e China.

Chega, ademais, nun momento complexo para China. A economía medrou en 2019 un 6,1 por centro, a cifra máis baixa dos últimos 30 anos. Se China logra en febreiro manter a situación baixo control, o impacto xeral na taxa de crecemento anual do PIB será limitado, quedaría reducido ao corto prazo e podería non deixar cicatrices na economía chinesa nin levará a un aumento substancial dos riscos económicos. Pero todo apunta a que podería estenderse aínda por varios meses máis.

Impactos políticos

O primeiro día do Ano Novo chinés, o 25 de xaneiro, Xi Jinping presidiu unha reunión extraordinaria do Comité Permanente do Buró Político do PCCh, monográfica sobre o coronavirus. Dous días despois chegaba a Wuhan o primeiro ministro, Li Keqiang, posto á fronte dun grupo dirixente central do PCCh para lidar con ela. No epicentro, Wuhan e a súa contorna, semana a semana, centos de funcionarios e autoridades foron removidos nunha operación que visaba responsabilizalos da crise salvagardando a eficiencia das autoridades centrais que, pola contra, enviaban funcionarios e médicos civís e militares por miles. As sesións anuais do Parlamento chinés, previstas para primeiros de marzo, poderían suspenderse.

Esperábase que Xi Jinping tomara o temón da crise e sorprendeu o seu silencio nos primeiros días. Foi o seu primeiro ministro Li quen deu a cara de primeiras. Pero o 2 de febreiro, a axencia oficial Xinhua despachaba un longo comunicado exaltando o papel de Xi na crise. Nin unha soa mención a Li nos seus 25 parágrafos. Sería esta crise un novo escenario de confrontación entre os partidarios e contrarios á apertura da China? Podería este coronavirus converter a Xi Jinping na súa gran vítima política? Os rivais de Xi nas pugnas internas do PCCh coidaranse de poñer en corentena a imaxe de único salvador da China.

Alén diso, a centralización extrema do poder ao seu redor suxire vulnerabilidades e disfuncións que cumpriría corrixir. O Partido tense esforzado moito por controlar a economía, a vida cotiá, alenta o sistema de crédito social, propicia a aplicación da intelixencia artificial e o big data para dar cobertura a unha sociedade apegada aos seus propósitos e sen fendas, pero todo ese inmenso poder era abaneado por un virus, paradoxalmente, incontrolado.

Canto afectará esta crise á confianza da sociedade no PCCh? O bloqueo da discusión e a destrución da capacidade de contrapoder da sociedade civil e dos medios de información pode ser o caldo de cultivo para outras crises doutra natureza. A construción dunha reputación de eficiencia como base da lexitimidade (aínda asumindo como prezo o desprezo polos dereitos individuais) resulta en extremo vulnerable se é construída sobre un artificio.

En mal momento

Difícil de comprender o contexto desta crise sen mencionar as circunstancias. Non provocar alarma e configurar un dispositivo para conter a poboación uns días antes de Aninovo non é tarefa doada. A outra escala, a epidemia do coroavirus chegou nun momento complexo para China… É o derradeiro ano do XIII Plan Quinquenal e véspera do primeiro centenario do PCCh. Os grandes obxectivos centrábanse na duplicación do PIB e do PIB per cápita, o logro da sociedade modestamente acomodada, a eliminación da pobreza extrema, etc. A guerra comercial cos EUA tivo custes para China e as tensións políticas en Hong Kong evidenciaron os desafíos do “soño chinés”. Agora, o PCCh tenta dar a volta a esta crise, o maior desafío de Xi desde 2012, mostrando que goza aínda dunha saúde de ferro.

___________

Novidades