O pasado novembro pasado tivo lugar no Exipto a 27º edición do cumio climático anual (a COP 27). Concebida máis ben como unha COP de implementación de acordos previos, saldouse con algún logro e coa frustración de quen non renuncian á ambición que a emerxencia climática demanda. Mais o futuro do clima non se xoga só nos cumios da ONU, senón tamén dentro de cada país. En Galicia, o colapso do carbón na xeración eléctrica e a COVID-19 provocaron unha queda das emisións de gases de invernadoiro. Mais aínda estamos lonxe dos recortes necesarios para contribuírmos a non exceder os 1,5⁰C de quecemento global.
por Xosé Veiras García
Co paso dos anos, as expectativas depositadas nos cumios climáticos foron minguando, ante a incapacidade para atinxir neles consensos sobre accións contundentes. Naceron como resultado da Convención Marco da ONU sobre Cambio Climático de 1992, que pretendía estabilizar as concentracións na atmosfera de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) a un nivel que impedise “interferencias antropóxenas perigosas no sistema climático”. Máis do 40% das emisións de dióxido de carbono (CO2), o principal GEI, acumuladas desde 1850 producíronse entre 1990 e hoxe. E a concentración de CO2 na atmosfera pasou de pouco máis de 350 ppm (partes por millón) en 1992, nivel considerado seguro, a 410 en 2021.
Cada décima de grao importa
A COP máis importante dos últimos anos foi a de 2015. Dela saíu o Acordo de París, no que se plasmou o obxectivo de non superar os 2⁰C de quecemento global e, preferibelmente, os 1,5⁰C, este último desbotado en principio mais finalmente incluído grazas á teimosía dos estados máis vulnerábeis e do activismo polo clima.

Xa estamos perto dos 1,2⁰C, suficientes para desencadear mudanzas con impactos devastadores que sofren maiormente persoas empobrecidas con baixísimas pegadas de carbono que viven no Sur global. Por exemplo, as enchentes catastróficas que mataron máis de 800 persoas no oeste de África entre xuño e outubro deste ano están claramente ligadas ao quecemento global, segundo vén de concluír a iniciativa científica World Weather Attribution.
Cantos máis GEI se emitiren no futuro, máis aumentará a temperatura media global. E canto máis medre a temperatura, peores serán os impactos. Por iso, cada tonelada de CO2 emitida importa moito. Porque cada décima de grao máis implica uns custos adicionais enormes.
Os dous pilares da loita contra a crise climática foron até hoxe a mitigación (redución das emisións de GEI) e a adaptación (fortalecemento da resiliencia fronte aos efectos do cambio climático inevitábel). Mais, ao se agravar o cambio climático por unha mitigación insuficiente, as posibilidades de se adaptar a el diminúen e os danos dispáranse. Por iso, os países máis vulnerábeis reclaman a aqueles con maiores responsabilidades históricas na xeración do problema climático compensacións por perdas e danos.
O logro principal da COP 27 foi a decisión de crear un novo fondo destinado a compensar as perdas e danos. Haberá que ver como se concreta e canto consegue recadar, mais trátase dun avance considerábel en materia de xustiza climática.
O logro principal da COP 27 foi a decisión de crear un novo fondo destinado a compensar as perdas e danos. Haberá que ver como se concreta e canto consegue recadar, mais trátase dun avance considerábel en materia de xustiza climática.
É a enerxía fósil, estúpido
Un dos debates principais da COP 27 xirou arredor da referencia á enerxía fósil na declaración final. Por causa da oposición dalgúns “petroestados”, non se incluíu un chamado ao abandono canto antes de todos os combustíbeis fósiles. Apenas tería unha carga simbólica, mais suficientemente importante como para que o “lobby” fósil, ben representado na COP27, se mobilizase para o impedir.
O consumo de petróleo, gas e carbón é a principal fonte de emisións de GEI, o 70% das totais no caso galego. Países desenvolvidos como o noso deberían abandonalos antes de 2040 se de verdade quixesen contribuír de forma xusta ao obxectivo de non superar os 1,5⁰C. En 2040 tería que haber cero emisións de GEI de orixe fósil. O resto de emisións que non se puidesen eliminar totalmente, como as asociadas á gandería, deberían ser compensadas polos sumidoiros de carbono (bosques e plantacións forestais, zonas húmidas,…).
En Galicia, o uso de enerxía fósil atinxiu o pico en 2007. Na segunda década deste século estabilizouse, con oscilacións, en niveis aínda moi altos, refletíndose o “parón” no crecemento renovábel e o mantemento dun potente sector enerxético fósil. Practicamente abandonado xa o carbón, o desafío climático esixiría reducirmos de forma progresiva o uso de petróleo e gas fósil até abandonalos totalmente cara a 2040.
Maior compromiso climático da UE
O Acordo de París non é vinculante e deixa todo en mans da vontade dos estados asinantes. Nos cumios climáticos faise balanzo dos compromisos voluntarios de diminución das emisións de GEI e procúranse revisións á alza, para ir pechando a grande fenda actual entre os compromisos contraídos e as reducións necesarias para non excedermos os 1,5⁰C.
A UE anunciou na COP27 a intención de aumentar do 55 ao 57% o seu obxectivo conxunto de redución das emisións netas para 2030. Un avance insuficiente, pois xa en 2030 cumpriría chegar polo menos ao 65% de recorte das emisións brutas (sen considerar os sumidoiros).
A UE, representando aos seus estados membros, anunciou na COP27 a intención de aumentar do 55 ao 57% o seu obxectivo conxunto de redución das emisións netas (incluíndo os sumidoiros) para 2030, con respecto a 1990. Un avance insuficiente, pois xa en 2030 cumpriría chegar polo menos ao 65% de recorte das emisións brutas (sen considerar os sumidoiros). En 2020, ano con datos máis recentes, foron un 32% inferiores. A ampliación da infraestrutura gasística para reemprazar o gas ruso (por exemplo, o posíbel gasoduto Barcelona-Marsella) é incongruente cunha elevada ambición climática. O que cómpre é un forte decrecemento do consumo enerxético e máis un despregamento masivo de enerxía solar e eólica.
Semella que o Goberno estatal tamén vai incrementar proximamente a súa meta de redución das emisións, que hoxe é tan só do 23%, aínda que supón un esforzo nada desprezábel para a presente década, na que é preciso recuperar o moito tempo perdido por anteriores gobernos. Para iso, é chave acelerar e democratizar a transición enerxética. Con ese fin, é preciso remover algúns obstáculos e un non menor semella a oposición social a parques eólicos e fotovoltaicos, que ten tanto de positivo, pois contraría excesos e abusos propiciados por unha mala regulación e planificación que urxe mudar, como de negativo, xa que está a derivar nun rexeitamento total baseado a miúdo en falacias. Por moito que se reducir a demanda e se desenvolver o autoconsumo, son precisos grandes parques para baixarmos rapidamente as emisións de GEI.
O “liderado climático” de Galicia
No noso país, o teito das emisións de gases causantes de cambio climático produciuse en 2001-2007 grazas ao desenvolvemento eólico. A crise económica posterior, a entrada en operación das centrais eléctricas de gas fósil (menos intensivas en emisións de CO2 que as de carbón) e un pequeno crecemento adicional da potencia renovábel baixaron as emisións. Estas acabaron por se estabilizar en niveis similares aos de 1990 durante a maior parte da década pasada, até 2018.

Ao longo de case tres décadas, Galicia non foi capaz de reducir as súas emisións territoriais con respecto a 1990. Entre este ano e 2020 as emisións acumuladas de CO2 ascenderon a uns 780 millóns de toneladas. Seis veces e media máis que o orzamento de carbono que nos resta: tan só uns 120 millóns de toneladas máis de CO2 é o que podería emitir Galicia, de acordo coa súa poboación, se quixese contribuír ao obxectivo dos 1,5⁰C. En 2019, último ano pre-COVID, as emisións totais de GEI sumaron 21,5 millóns (16,7 de CO2). En termos per cápita, igualaron practicamente as do conxunto da UE, despois de teren ficado sempre por riba desde 1992.
Tan só uns 120 millóns de toneladas máis de CO2 é o que podería emitir Galicia se quixese contribuír ao obxectivo dos 1,5⁰C. En 2019, último ano pre-COVID, as emisións totais de GEI sumaron 21,5 millóns (16,7 de CO2).
En 2019, a Xunta dotouse dunha estratexia climática que procuraba baixar as emisións nun 24,5% en 2030 con respecto a 1990. O aumento do prezo do CO2 no mercado europeo de emisións xa comezara a provocar unha queda da produción eléctrica con carbón, até entón a maior fonte de emisións de GEI. Estaba claro que a ambición da estratexia de Feijóo veríase axiña superada pola realidade debido á perda de competitividade do carbón. Confirmouse dous anos despois, ao se coñeceren as emisións de 2019: descenderan xa o 25,6%.
Obxectivo sen plan
O decrecemento económico desencadeado pola COVID-19 fixo que en 2020 as emisións baixasen até o 35,9%, sempre en relación a 1990. Agora, a mesma Xunta que tanto traballou para evitar o declive acelerado do carbón gábase de estar na vangarda do combate á emerxencia climática.
A conselleira do ambiente, Ánxeles Vázquez, anunciou na COP do ano pasado que incrementaba o obxectivo galego de redución de emisións até o 55%, en liña coa UE. Este ano, após regresar do Exipto, e logo da revisión anunciada pola UE, subiuno outros dous puntos, sen asumir tampouco o 65%. Porén, a estratexia climática autonómica aprobada en 2019 aínda non foi modificada. Hai novo obxectivo mais non hai folla de ruta para o acadar. Nesa folla non deberían faltar unha transición enerxética rápida e xusta, a redución da mobilidade motorizada e o fortalecemento do transporte colectivo e do tren en detrimento do privado e da estrada, ou un recúo na intensificación da gandaría.
Xosé Veiras García é fundador do Observatorio Galego da Acción Climática (www.ogacli.org).