por Anna R. Figueiredo
A rapazada sen vacinar malia ser o grupo social que de xeito máis estrito cumpriu coas normas sanitarias derivadas da pandemia, e que verdadeiramente creu que ao seguilas estaban a axudar para que a normalidade dos parques, das praias e dos amigos sen máscara volvese, volveu ás aulas en réxime de grupo de convivencia estable. Iso quere dicir que dependendo de en que centro escolar residan, os de menos de seis anos poden estar con máscara ou sen ela, e os que xa están nesa etapa dos maiores teñen que levala. Significa que nos corredores a distancia a manter é de metro e medio e que no tempo de recreo, no exterior, non se poderán falar e non poderán compartir espazos con individuos de fóra do seu grupo natural de convivencia.
Os que empezaron a se vacinar entran en igualdade de condicións, coa diferenza de que no recreo poden compartir espazos se son do mesmo nivel educativo, é dicir, primeiro da ESO A e B poden confraternizar na distancia, pero non poden bailar. Iso si que non.
En dalo todo, para as mulleres, cóntase con absolutamente todo. Porque nesa mañá xestiónanse as merendas, o rexistro de madrugadores na app da escola, os avisos das circulares, as tarefas pendentes de material escolar que queda por mercar, a roupa para as extraescolares, o horario dos pediatras que haberá que CHAMAR…
E pensaremos que estas medidas non crean clases e diferenzas, e que non frean o crecemento sentimental e interxeracional do alumando e que iso, cando pase a pandemia, non teremos que tratalo porque xa se arranxará só, porque ao final o que conta é soñar, e quen soña é dono do seu destino, e o importante é ter claro que somos persoas incribles e
marabillosas capaces de obrar milagres só coa forza da nosa vontade. Ao final vai ser que somos heroes e heroínas desas películas de despois de comer que fallan dúas veces e á terceira, despois de se sacrificaren moito fóra de pantalla, van e sáelles todo ben. Significa que nos comedores os irmáns non poderán sentarse xuntos nin xogar no tempo de lecer antes de que as unidades parentais correspondentes os recollan e tamén que por moito que queiramos reducir unha miríada de seres a un catálogo de caixas, a burbulla non inmobiliaria estoupará en canto soe o timbre e se boten á rúa.
Mentres tanto, as adultas deixamos que elas e eles aprehendan un presente distópico para vivir a verdadeira vida dos grandes. A do mundo marabilloso, a do Caribe.
Abre o día antes de que esas aulas existan, e nós deitamos o café nunha cunca de cores que marca o primeiro compás dun ritmo frenético, imparable e autoimposto “que cada día te pille dándoo todo” di, ou “es capaz do que te propoñas”. En dalo todo, para as mulleres, cóntase con absolutamente todo. Porque nesa mañá xestiónanse as merendas, o rexistro de madrugadores na app da escola, os avisos das circulares, as tarefas pendentes de material escolar que queda por mercar aínda a primeiros de outubro, a roupa para as extraescolares, o horario dos pediatras que haberá que chamar para que nos chamen para que nesa chamada poidamos explicar que os fillos teñen pendente unha revisión e que cando podemos ir, mellor en horario de tarde, a levala a cabo…Todo.
É posible que ante tanta información caendo a eito no espazo cerebral que imaxinamos tras a córnea da cabeza, apareza a necesidade de reiniciar o sistema e é posible que a única posibilidade de silencio sexa a traizón. Xaora a nai pode ser que de mañá entre no baño, bote o pecho e sinta a tentación de mirar se no móbil o mundo segue onde estaba. Deseguida unha nova crise internacional en forma de leite esvarando pola mesa, de deberes perdidos ou de teima adolescente acabada de instaurarse na cociña, fará que a idea de negociar a paz en Israel teña que agardar a que ela interveña no núcleo familiar e estableza algunha base de negociación que retarde o absoluto desastre. Pero non pasa nada, porque a verdade absoluta na era das fake news non reside nos medios de comunicación senón nas frases motivacionais das cuncas, bolígrafos, almanaques e axendas coas que a sociedade se ten deixado dogmatizar e a cunca, deusa todopodedosa e eterna, sentenciou claramente que ela é capaz de todo o que se propoña.
Nese convencemento a nai, por un momento, soña que os servizos sanitarios do lugar onde reside non están baixo mínimos e que, dado que imos mellorando, igual pode conseguir unha cita médica en menos de tres días. De feito vense arriba e pensa que igual podería conseguir unha cita médica presencial en menos de tres días. Incluso cavila que aqueles centros de saúde onde a COVID foi a escusa perfecta para eliminar servizos básicos como os PACs recupérano, porque son donos do seu destino. Ou que a ratio das aulas onde irán os seus fillos e fillas volve ser razoable e poden gozar dunha educación integral, pública e de calidade.
Como a axenda que ten tamén di que “hoxe pode ser un gran día”, repara nas posibilidades de que no futuro a palabra concilia non sexa o sinónimo de xerar máis espazos para que a rapazada estea entretida mentres a súa familia traballa constantemente e cun horario totalmente incompatible, ou incluso nun mundo onde a concilia non son os avós e avoas. E xa postos, vendo no almanaque iso de “cada día é unha festa”, permítese festexar o fin da distopía imaxinando un país que, efectivamente, lle prometa un futuro a esas e eses que hoxe están nas aulas, enmascarados.
Pero cando soa o timbre, a burbulla estoupa, e decatámonos de que malia ter a capacidade de cambialo todo nas nosas mans e nas nosas decisións, ficamos inmóbiles e sedadas na promesa do buenrollismo e na voráxine dunha vida sen ritmo na que avanzamos no tempo apagando incontables fogueiras. Ficamos non sendo exemplo para quen nos mira e aprende de nós, pero temos unha capacidade inmensa para sobrevivir e para avanzar. O caso é perder o medo. O caso é dar o paso adiante ou non dar máis pasos atrás, que non sendo o mesmo son todos necesarios.
O caso é deixar o camiño de baldosas amarelas e perderse nas dunas de Arrakis, e lembrar as palabras das decidoras de verdades do mundo de Herbert: “Non coñecerás o medo. O medo mata a mente. O medo é a pequena morte que conduce á destrución total. Afrontarei o meu medo. Permitirei que pase sobre min e a través de min. E cando teña pasado, xirarei o meu ollo interior para escrutar o seu camiño. Alí por onde pasara o medo xa non haberá nada, só estarei eu”.
Abrir o pecho da porta do baño e facer que a nosa voz e as nosas necesidades e dereitos conten.