Domingo 24, Setembro 2023
HomeActivismo e Sociedade Solucións basedas na natureza

[Cambio climático] Solucións basedas na natureza

por Carmela García González

A miúdo, as medidas que o noso urbanismo, arquitectura e enxeñería adoptan para resolver os problemas xerados polas inundacións, o aumento excesivo das temperaturas ou as secas, e en xeral os fenómenos extremos que cada vez son máis frecuentes, non teñen en conta unha mellor estratexia: a de ir a favor dos principios naturais para obter os seus beneficios. Seguir esta estratexia é o que fan as denominadas “Solucións baseadas na Natureza” (SbN). Son moitas as vantaxes que nos aportan, pero deseguido imos referirnos tan só a aquelas que teñen que ver coa mitigación e adaptación ao cambio climático e o control do ciclo da auga.

O sexto informe do Panel Intergobernamental para o Cambio Climático (IPCC) do 2022 é rotundo: urxe tomar medidas ante a crise climática de orixe antropoxénica que xa estamos a experimentar. As dramáticas inundacións sufridas este inverno son unha mostra dos fenómenos extremos que se intensifican co cambio climático: máis inundacións, temporais máis intensos, subida do nivel do mar, períodos de secas máis frecuentes…

Este prognóstico obríganos a revisar o uso que facemos do territorio e a pensar na mitigación destes riscos, e é aquí onde as Solucións Baseadas na Natureza revelan un enorme potencial. Definidas así en 2009 pola Unión Internacional para a Conservación da Natureza, as SbN, cun gran éxito no ámbito teórico que non se reflicte na maioría das prácticas sobre o territorio, foron tamén propostas pola CE en 2020.

Este enfoque integra distintas disciplinas que comparten unha mesma idea esencial: traballar coa natureza e non contra ela; planificar as intervencións e os usos do territorio conservando o máis posible os sistemas naturais e a súa dinámica, en lugar de destruílos ou tratar de substituílos. Trátase de potenciar as funcións da natureza para resolver problemas; buscar “solucións verdes”, isto é, usar “enxeñería verde” e non depender exclusivamente de solucións convencionais do que podemos chamar “enxeñería gris”.

Este enfoque baseado nas SbN trata de conservar os ecosistemas, restaurar a natureza danada e recuperar as súas achegas minguadas por outros usos do chan anteriores; de convivir coa natureza para aumentar a nosa resiliencia ante os impactos ambientais.

As SbN achegan un punto de vista alternativo baseado no coñecemento que temos do funcionamento dos ecosistemas e os seus beneficios, e nas experiencias de moitas sociedades que integraron mellor a natureza, un saber que non podemos desprezar. Baséanse en obrar cos principios da natureza que, en moitas situacións, poden complementar ou substituír por completo ás intervencións tecnolóxicas convencionais máis duras sobre o territorio. Requiren unha xestión integral do que necesariamente ten que considerarse unha unidade: o sistema socio-natural, no que os elementos naturais teñen un papel esencial para o noso benestar que non debe ser minusvalorado. Este enfoque, trata de conservar os ecosistemas, restaurar a natureza danada e recuperar as súas achegas minguadas por outros usos do chan anteriores; de convivir coa natureza para aumentar a nosa resiliencia ante os impactos ambientais.

No que se refire á xestión do territorio as SbN poden implementarse con infraestruturas verdes, ou noutros casos con infraestruturas híbridas (convencionais e verdes), como fórmula que rende beneficios económicos e sociais, pois reducen riscos cun menor investimento que as infraestruturas que podemos chamar “grises” ou “duras”. As infraestruturas verdes empregan elementos naturais, como a vexetación e a auga, no deseño estratéxico dos usos do solo e na planificación urbana.

Deseñar infraestruturas verdes e empregar SbN significa integrar bosques, ríos e natureza nas nosas contornas vitais, na nosa sociedade; incluír nas contornas urbanas vexetación autóctona adaptada á zona, preservar os humidais, renaturalizar ríos e manter os procesos naturais non só porque aumentan a calidade da paisaxe, senón porque proporcionan enormes beneficios que, complementados co uso de materiais sostibles, favorecen a resiliencia e reducen a nosa vulnerabilidade.

O urbanismo que necesitamos: vilas baseadas na natureza

A adaptación dos espazos urbanos á urxencia climática -ondas de calor, crise enerxética, secas, episodios extremos de inundacións…-  require cambiar de modelo e avanzar no que ten que ser o urbanismo do futuro: reducir a infraestrutura “gris”, empregar “infraestruturas verdes” e recuperar os beneficios gratuítos que obtemos da natureza incorporándoa como un elemento imprescindible da planificación urbana.

Entre as moitas alternativas, compre salientar o aumento da superficie de parques e zonas verdes con especies vexetais autóctonas adaptadas ao clima, a renaturalización (rewilding), os corredores verdes interconectados, o deseño de barrios con arboredo, rúas e medianas con arbustos e árbores, teitos e paredes das vivendas con vexetación, a herba e a terra como pavimento. Son todos eles exemplos de actuacións que favorecen o secuestro de CO2 e modulan o clima urbano. Incluír os ríos e drenaxes naturais -fronte á cimentación ou impermeabilización de todo tipo de solo-, a xestión sostible das augas de escorrenta e integrar os humidais como elementos vivos esenciais na cidade é o selo dun urbanismo que mira ó futuro.

Unha cidade baseada na natureza concibe a vexetación como unha prioridade en todos os espazos públicos, incorpora a natureza como un elemento dun espazo socio-natural imprescindible para vivir mellor con menos investimentos.

A cobertura vexetal amorna a temperatura da cidade. Un estudo do Instituto de Ciencias Atmosféricas e do Clima en Suíza ofrece en Nature Communications datos moi significativos: as árbores poden reducir a temperatura nas cidades en Europa entre 4°C e 12 °C no verán. Durante as ondas de calor conséguese deste xeito un nada desprezable aforro en enerxía para refrixerar os edificios. Existen proxectos (LIFE- My Building is Green) moi interesantes para dotar aos edificios de refrixeración natural con paredes e cubertas vexetais  que tamén actúan de illante térmico no inverno. O aforro enerxético pode chegar a 40 e 25 kW día segundo a estación.

Ademais, a vexetación é un aliado na loita contra a causa principal do quecemento global, pois absorbe CO2 para facer a fotosíntese, actuando como un sumidoiro deste gas. Por outra parte, as infraestruturas verdes e os ecosistemas son un aliado na redución da polución pois melloran a calidade do aire. Por exemplo, os sebes baixos nas veiras das vías e as árbores reducen o impacto da contaminación dos vehículos. Nas cidades máis verdes redúcense sensiblemente as enfermidades respiratorias e outros problemas médicos da poboación máis vulnerable. É importante mencionar tamén o efecto de illamento acústico: pódese reducir o nivel de ruído nun 50 %. Cidades máis silenciosas, melloran a calidade de vida.

Outros exemplos de medidas que favorecen a resiliencia das nosas vilas son o uso de materiais sostibles na construción, que diminúen o emprego do cemento, reducen o impacto de pegada de carbono para a súa obtención, facilitan a permeabilidade do chan e actúan como illantes.

En resumo, unha cidade baseada na natureza concibe a vexetación como unha prioridade en todos os espazos públicos, incorpora a natureza como un elemento dun espazo socio-natural imprescindible para vivir mellor (menos riscos e vulnerabilidade, menos doenzas, máis calidade e confort e protección contra a urxencia climática entre outros efectos) con menos investimentos.

SbN e o ciclo da auga

Unha das máis interesantes propostas das SbN diríxese á xestión dos recursos hídricos baseada na conservación dos sistemas naturais e na potenciación dos procesos naturais do ciclo da auga, das que nos podemos beneficiar enormemente. Trátase dunha diversidade de solucións que se apoian no ciclo da auga, restablecen os procesos naturais dos sistemas fluviais para complementar, reducir ou mesmo chegar a substituír ás intervencións convencionais baseadas en custosas obras de infraestrutura gris.

Estas infraestruturas hídricas de enxeñería convencional como presas, diques, muros e canalizacións de ríos ou plantas potabilizadoras, requiren grandes investimentos para a súa construción e un considerable gasto enerxético e de mantemento, sen esquecer que adoitan deteriorar a contorna natural e con frecuencia anular as súas achegas.

En contraposición a isto, trátase de devolver aos ríos o seu territorio e, con elo, as súas beneficiosas funcións. A restauración dos bosques de ribeira e dos humidais, a naturalización dos leitos deteriorados, o manexo das augas de escorrenta urbanas favorecendo os procesos naturais e sostibles, son exemplo de SbN eficaces especialmente na protección fronte a inundacións, na recarga de acuíferos e abastecemento de auga, ademais de favorecer a conservación da biodiversidade. Poden ser un apoio decisivo que reduza a necesidade de solucións convencionais máis duras. Vexamos algúns exemplos.

A demanda de auga de calidade vai en aumento e obtela e potabilizala supón un gran investimento. Por iso hai cidades, como é o caso de New York, que está a renaturalizar e restaurar os bosques nas concas das que obteñen a auga en orixe, porque reducen así gastos de potabilización. Os bosques e as zonas húmidas actúan como un filtro que limpa a auga, favorecen a súa infiltración no chan; as reservas de auga melloran a súa calidade, de forma que se precisan menos tratamentos para o seu consumo.

Resaltamos o papel dos humidais no ciclo da auga, especialmente na recarga de acuíferos e na depuración das augas, porque son un dos ecosistemas que máis están a retroceder en todo o mundo e que precisan máis esforzos de restauración. O Institut Català de Recerca de l’Aigua, nun estudo do papel do bosque de ribeira do río Llobregat, estima que a súa conservación pode aforrar 150.000 euros anuais no tratamento da auga. Trátase, pois, de aproveitar o potencial dos sistemas naturais e evitar os investimentos necesarios para substituílos.

Compre salientar que o deterioro dos sistemas fluviais intensifica os danos por inundacións nos períodos de choivas intensas. As inundacións deste inverno son unha mostra dun problema agravado polo mal uso que facemos do territorio: invasión das chairas de inundación con infraestruturas e edificios, redución da vexetación de ribeira, mala xestión das augas pluviais urbanas, urbanización mal planificada… Temos que desbotar a idea de que a única solución é a de enxeñería gris, que soe resultar mais custosa con efectos colaterais non estimados. Dispoñemos de alternativas. As SbN son de indiscutible axuda cando non a solución definitiva.

Medidas como a liberación das chairas de inundación ocupadas, a restauración dos bosques de ribeira, o emprego de infraestruturas verdes para estabilizar as marxes e naturalizar as drenaxes poden evitar case un 50% dos danos dos asolagamentos.

Medidas como a liberación das chairas de inundación ocupadas, a restauración dos bosques de ribeira, o emprego de infraestruturas verdes para estabilizar as marxes e naturalizar as drenaxes e a xestión sostible da escorrenta superficial deben incorporarse á axenda de actuacións xa que poden evitar case un 50% dos danos dos asolagamentos. Os parques inundables son unha destas interesantes solucións. Concibidos para reter o exceso de auga durante as grandes precipitacións, almacénana e reducen a velocidade do fluxo de auga e con iso minoran os danos das cheas. Ademais, facilitan a infiltración da auga no chan, absorben CO2 e permiten un uso recreativo do territorio para goce das persoas. Só temos que por en práctica esta idea: darlle ao río o seu territorio, evitar invadir o chan no que o río disipa a súa enerxía durante as choivas intensas.

A mencionada restauración dos bosques de ribeira é outra medida esencial. Ao respecto hai que ter en conta que as árbores absorben unha gran cantidade de auga, e na súa función de fotosíntese usan o CO2, empregan entre 300-500 litros de auga para fixar 1 kg de C. Ademais, evaporan unha cantidade moito maior de auga que lanzan á atmosfera na transpiración, ata 1000 veces máis auga que a usada na fotosíntese.  Reducen, por tanto o fluxo de auga e a súa velocidade, e reteñen o terreo, evitando a erosión do chan, reducindo o arrastre de materiais; en suma mitigan os danos das inundacións.

De aí que a conservación das ribeiras ao longo do sistema fluvial e a creación de desviacións naturais para absorber as inundacións evita moitas custosas infraestruturas, máis duras, destinadas a reducir erosión e amortecer inundacións, e que en moitos casos, como os muros e canalizacións, non solucionan o problema senón que o desprazan a outras zonas da ribeira.

Nas cidades hai outras moitas posibles actuacións para favorecer o ciclo natural da auga: espazos e chans verdes en zonas urbanas para reter a auga e aumentar a infiltración e captación de auga, pavimentos permeables en zonas urbanas, tellados verdes para a captación de auga, restauración de paisaxe e reforestación.

Vemos, pois, que a vexetación e a auga non son meros elementos mais ou menos valiosos desde un punto de vista estético ou de simple comodidade e deleite, senón que representan dispositivos esenciais para resolver moitos dos urxentes problemas que estamos a sufrir. Son, pois, esenciais na planificación do territorio e no deseño das nosas vilas, e os seus valores e funcións deben ser conservados e potenciados. Noutras verbas, incorporar a dinámica natural na nosa axenda.