Domingo 1, Outubro 2023

A SEGUNDA ONDA

por Rafael González García

SI, estamos na segunda onda, pero hai máis infectados que na primeira? É menor a mortalidade?  Son preguntas que só podemos respostar entendendo que na primavera a extensión da enfermidade foi moi forte porque non coñeciamos como se contaxiaba, nin a capacidade de propagarse, nin a súa letalidade, e tampouco o Sistema Sanitario estaba preparado para enfrontarse a algo descoñecido e novo. Por todo iso, o crecemento foi explosivo, un crecemento exponencial moi rápido, que só coas medidas de confinamento de marzo se puido dobrar e facer unha caída tamén rápida, o que en  Epidemioloxía se define como evolución en V investida.

O número de diagnósticos, con todo, era moi baixo, case un 10% do real, pero non podiamos diagnosticalos porque non había test PCR suficientes e ademáis eran máis necesarios nos hospitais. Con todo, a  R0, que é o número de reprodución e mide a velocidade de propagación, era moito máis alto que nesta onda de outono, peo está máis controlada porque coñecemos mellor as vías de contaxio e as medidas de protección, e os test diagnósticos (PCR e  antígenos) están amplamente dispoñibles achegando o número de diagnósticos ao real de infectados. Nesta onda a  R0 é menor, aínda que moito maior que cando se acadou a chamada “nova normalidade”, e iso lévanos a constatar que o crecemento da pandemia non é exponencial, senón máis pausado, de lento crecer, pero alcanzando máis extensión no tempo e creando un gran número de afectados e un elevado nivel de persoas mortas.

Na primavera, o confinamento foi rápido porque non coñeciamos outra forma de actuar. Porén, nesta nova onda epidémica non se explica a tardanza en tomar medidas severas e radicais que a maioría dos profesionais da Saúde Pública e da  Epidemioloxía consideramos que son necesarias. A aparente diminución da gravidade do virus, que se centrou despois do verán preferentemente nos ambientes sociais da noite, os encontros familiares e o mundo laboral, fixo crer que os casos eran máis leves, pero só era porque  os afectados eran dunha idade menor que os da primavera, o que xustifica unha aparente levidade ao non necesitar seren ingresados, pero xa non é así.

As Comunidades Autónomas, unas máis previsoras que outras, non puideron controlar a epidemia en fase de brotes por ausencia de  rastreadores suficientes para chegar a todos os contactos do caso 0; nin a Atención Primaria foi reforzada como necesita, en persoal e medios, continuando como a gran “cincenta” da Sanidade Pública . No mes de setembro, agás en Madrid, comunidade que coa súa descarada falta de  rastreadores se colocou como avanzada da pandemia outonal, a situación  foi  soportable para o Sistema Sanitario con valores de ocupación dun 16,84% en hospitalizacións e de ocupación de camas  UVI dun 16,84% (Madrid 38,28%, Ceuta 42,86% e Aragón 31,47%, datos de  CCAES 23 de setembro de 2020). Pero esa falta de presión, ao crear menos impacto social, supuxo á súa vez un rexeitamento para tomar medidas duras -lembremos os berros de “liberdade” nas manifestacións de Núñez de  Balboa-. En outubro,  contaxiáronse 47.000 persoas e o número de mortes foi de 4.460.

Pode alguén imaxinar este custo sanitario e humano? Podemos permitirnos, como sociedade, manter un número tan elevado de mortos ata que un tratamento ou unha vacina poñan fin a esta pandemia?. Tampouco é desdeñable que os aproximadamente 8.500 ingresados en hospital e 1.100 en  UVIs en outubro, e presumiblemente mais ou menos cada novo mes, ten un custo económico mensual para o Sistema Sanitario que os grandes defensores da economía fronte á saúde, como indicador de actuación, non teñen en conta. Pero aínda aceptando esa posición dos economistas e políticos neoliberais, podemos pensar que manter esta situación intermedia pode ser beneficioso para a Economía Produtiva?. Nin sequera o defende xa o FMI (Fondo Monetario Internacional), que no seu informe da reunión de outono indica que “os peches duros e limitados no tempo impoñen custos a curto prazo, pero poden conducir a unha recuperación económica máis rápida”. O contrario levaríanos a asumir unha mortalidade non  esperable duns 140 mortos/día se habemos de aceptar a media deste pasado mes de outubro, e sumar o custo económico do gasto sanitario de hospitalizados e ingresos  UVIs, como antes citei.

Parece que nin CCAA nin o Goberno central están dispostos a asumir o custo político de tomar medidas impopulares, aínda que en diferentes enquisas sae que as aprobaría o 53% da poboación. O retraso en tomar unha medida curta pero intensa só levará a que cando xa sexa imprescindible tomala, deba ser máis intensa e máis prexudicial para a sociedade no seu conxunto.

As medidas a tomar

Que medidas habería que tomar?. Non pretendo crer que as que vou expoñer sexan as únicas posibles. Outros profesionais sanitarios poden  propoñer outras que quizais as melloren. Entendo que só o confinamento domiciliario -coas excepcións de traballo, colexio, asuntos sociais ou sanitarios, compra de alimentos e coidado de persoas dependentes (Portugal así o decretou)- pode ter a eficácia que se necessita neste momento. Ao mesmo tempo, facer unha aposta decidida pola Atención Primaria e pola Saúde Pública, con maiores recursos de persoal e medios, para que tamén poidan seguir atendendo as patoloxías habituais e previndo aqueloutras que agravan a enfermidade pola Covid2 e que non desaparecen coa pandemia. Lembremos que, segundo a Sociedade Española de Oncoloxía, no que vai de 2020 detectáronse entre un 15% e un 20% de cancros menos, e segundo a Sociedade Española de Cardioloxía, o tratamento do infarto reduciuse un 40% e duplicouse a mortalidade por  IAM (Infarto Agudo de Miocardio).

Só con medidas avaladas con evidencias científicas podemos garantir que o Sistema Sanitario non se bloquee, que a mortalidade descenda, que a taxa a 14 días baixe de 50/100.000 casos, e que se poida retomar a economía produtiva normal. E mantendo cando iso se consiga os  rastrexadores que se necesitan para seguiren todos os brotes detectados ata un nivel alto de contactos co caso 0 ou caso inicial do brote.

Ou o afrontamos agora, ou de agardar mais tempo sem facelo, o custo sanitario e económico será moito maior.