O argumento da seguridade alimenta os discursos neocon que claman por defender o sistema neoliberal nesta “guerra global permanente”. No mesmo barco, numerosos grupos de presión da industria da defensa e das tecnoloxías da seguridade conseguen facerse un oco nas axendas políticas europeas. O dereito á privacidade e as liberdades civís non semella contar neste debate.
por Comba Campoy
A actual obsesión dos gobernos occidentais pola seguridade vén conducindo a unha progresiva énfase no desenvolvemento de novas políticas de seguridade e defensa, apoiadas no perfeccionamento de novas tecnoloxías que permiten o seguimento individualizado e a detección de suxeitos ou grupos sociais “potencialmente sospeitosos”. Esta tendencia, acentuada a partir dos atentados do 11 de setembro, non fixo máis que acelerar un proceso que xa iniciara a súa marcha imparábel na década de 1970, centrada no ámbito penal. Nesta década, e de xeito paralelo, Estados Unidos e Europa emprendían o abandono progresivo de modelos penais resocializadores. Tal e como nos explica o profesor Iñaki Rivera, nos Estados Unidos a lexislación penal, invariábel desde 1877, promovía o papel das prisións como institución “curadora” do criminal, quen de reinserilo na vida social despois dun período de tempo indeterminado. De aí que até a reforma da Lei Penal, nos anos 70, os xuíces nunca especificasen a duración das penas nas súas sentenzas condenatorias. Tamén na Europa da II Posguerra mundial, e de xeito tardío no Estado
Este artigo forma parte do informe publicado no número 161 da revista TEMPOS NOVOS, outubro 2010.
Contén a opinión de Luz María Puente Alba e entrevistas a Iñaki Rivera, director do Observatori del Sistema i els Drets Penals, e a David San Martín Segura, filósofo do Dereito.
Descarga o pdf do informe completo facendo click aquí.
Español, as constitucións incidiran no papel resocialización do sistema penal. Mais este sistema, que Michel Foucault definira como “disciplinario”, non tardaría en amosar o seu fracaso. Nos Estados Unidos, as tendencias conservadoras que clamaban por unha visión economicista da lexislación, e cuxo discurso uparía a Ronald Reagan á presidencia do país, acabaron por imporunha cultura da “tolerancia cero”, que levaba aparellada unha concepción da cadea como institución inhabilitadora do criminal, así coma un negocio rendíbel se se puña en mans privadas. Paralelamente, o xurdimento de organizacións políticas armadas en Europa obrigaba aos estados a adoptar medidas penais de “excepcionalidade”, como cárceres de máxima seguridade, pavillóns de illamento, ou privación de garantías básicas para as persoas presas por causas de terrorismo.
Progresivamente, o endurecemento dos sistemas penais iría estendéndose a outras capas vulnerábeis da poboación, nomeadamente inmigrantes sen papeis, para pasar despois a outros colectivos que, dalgún xeito, levarían aparellada algún tipo de ameaza “ao modo de vida occidental”. Un exemplo recente témolo na resposta do inspector xeral do Departamento de Xustiza dos Estados Unidos ás acusacións da asociación americana polas liberdades civís (ACLU), de espionaxe por parte do FBI a organizacións civís como Greenpeace. Segundo o informe do Inspector, do 20 de setembro, “o FBI non estaba espiando estes grupos polas súas opinións políticas, senón porque eran sospeitosos de cometer crimes”. O argumento da excepcionalidade amósase coma a escusa perfecta para xustificar a deriva punitiva propia da sociedade de control cara á que camiñamos.
Control como xestión de riscos
Xunto ás cadeas e a súa función segregadora dos grupos sociais “non desexados”, as políticas de seguridade inciden no aspecto anticipatorio, na necesidade de localizar as ameazas antes de que poidan desenvolver a súa potencialidade destrutiva. Deste xeito, refórzanse os controis fronteirizos e desenvólvense técnicas de seguimento dos suxeitos a partir dos seus trazos fisiolóxicos, como as pegadas dactilares, o iris ou a voz. Son as técnicas de seguridade biométricas, en cuxo desenvolvemento é pioneira a industria da UE. Esta información podería ser almacenada e intercambiada polos servizos migratorios e policiais dos distintos estados, sen permiso das persoas afectadas, se estas tecnoloxías chegan a implantarse no marco das políticas migratorias da UE. Tal e como denuncia Ben Hayes no seu informe Neoconopticom, estariamos camiñando cara a un apartheid mundial, onde os movementos de persoas serán cada vez máis controlados. Tendo en conta que o cambio climático podería obrigar a unha de cada sete persoas a abandonar o seu fogar nos próximos 50 anos, o escenario perfilado por Zygmunt Bauman, cando falaba da era da globalización como a da migración de masas, onde se anima a facer turismo pero se condena a aqueles que viaxan para sobrevivir, non semella distante.
Porén, as tecnoloxías en desenvolvemento non só agrupan os colectivos en función das súas características étnicas ou da súa orixe xeográfica, senón que traballan con moi variados patróns, como a adscrición ideolóxica ou os hábitos de consumo. A través do cruzamento de numerosas bases de datos pódese proceder ao perfilado das poboacións e á súa distribución estatística en función dos seus comportamentos, permitindo así a categorización dos suxeitos e dos grupos en función do seu “perigo”. Segundo o investigador David San Martín, algúns destes programas, sustentados na técnica do data míning (aplicación de algoritmos propios das bases de datos para descubrir patróns e relacións que permitan a predición de resultados futuros), teñen sido implementados nos Estados Unidos a partir do 11-S. Algúns deles, como o TIA (Terrorism Information Awareness, que rastrexaba transaccións individuais de tipo financeiro, médico, de entrada ao país, ou de comunicación, co obxecto de atopar pegadas de actividade terrorista) suscitaron un intenso debate social e foron finalmente desactivados, grazas á presión exercida polas asociacións de dereitos civís norteamericanas. En Europa, pola contra, moitas das ferramentas tecnolóxicas de perfilado de datos e investigación biométrica están sendo desenvolvidas no marco dos programas de fomento da I+D da Unión Europea desde 2003, sen que até o momento se teña producido un debate político sobre a súa adecuación aos principios nos que se sustenta a Unión. Entre eles, o da libre circulación de persoas.
Panóptico liberal
Neste punto, resulta pertinente a vinculación que o autor do informe sobre as políticas de fomento da investigación en seguridade da UE establece entre a ideoloxía neoconservadora e os intereses da industria europea da seguridade e a defensa. Segundo Ben Hayes, investigador da organización británica Statewatch, os dous últimos programas de fomento da investigación en seguridade da UE (o European Security Research Program, continuado polo sétimo Programa Marco) foron modelados segundo os intereses das grandes empresas europeas da defensa e das tecnoloxías de seguridade. Por unha banda, este apoio a grandes corporacións europeas da industria armamentística como Thales, BAE Systems ou EADS, e ás industrias das novas tecnoloxías da información tales que Siemens ou Ericsson, viría xustificado pola importancia estratéxica que para Europa suporía constituírse en líder mundial no sector, por diante da competencia norteamericana, que tras o 11-S ameazaba
con impor os estándares tecnolóxicos. Os intereses empresariais representados por distintos lobbies ou stakeholders (persoas ou colectivos influídos polas decisións das empresas) exercerían unha importante influencia no deseño das políticas europeas de Xustiza e Asuntos Interiores por unha banda, e de Seguridade e Defensa Exterior, pola outra. En palabras de San Martín, “estámonos enfrontando ao imperativo tecnolóxico, que é o que está impoñendo o avance nisto”. Aínda que supoña un retroceso social. De aí que Ben Hayes fale do “Neoconopticom”, neoloxismo que alude ao beneplácito da ideoloxía conservadora respecto desta axenda marcada polos intereses da industria, e que ao mesmo tempo alimenta esta sociedade da vixilancia na que a ameaza permanente xustifica o endurecemento das políticas penais e das limitacións ao libre movemento de persoas, á custa de dereitos como a privacidade.
Aumento das medidas represivas
É evidente que a decisión de fomentar a creación dunha industria de seguridade europea é política, aínda que contase co aplauso da industria relacionada. A mesma industria que influíu no deseño dos programas de fomento da investigación participa activamente no deseño das futuras políticas de defensa da UE, enmarcadas dentro da óptica da sociedade da vixilancia ou do control da que falan os teóricos. A estratexia de defensa cara á que se dirixiría a Unión xiraría ao redor da idea do “dominio do espectro total”. En coherencia coa idea da xestión de riscos propia desta situación de ameaza permanente ou emerxencia, o dominio do espectro total buscaría o control constante sobre todos os elementos do “campo de batalla”, mediante o control policial permanente, e a “interoperabilidade” entre os sistemas tecnolóxicos. Este concepto, presente na meirande parte dos textos legais sobre seguridade da información dos estados da UE, fai referencia á necesidade de dispoñer libremente dos datos policiais e de integración entre os distintos sistemas de vixilancia dos estados, de modo que se poidan compartir, de xeito inmediato e sen necesidade de permisos dilatorios, datos sobre suxeitos ou grupos sospeitosos para anticiparse ás ameazas que encarnan.
Tal filosofía, implícita en moitas das políticas desenvolvidas no marco da UE nos últimos anos, leva aparelladas non poucas consecuencias nas liberdades civís. Xunto coa vixilancia fronteiriza (un intento de atallar a entrada de “ilegais” provenientes de “estados fracasados”, a incómoda constatación do propio fracaso de Occidente) e a vixilancia á poboación interior xustificada pola loita contra o terrorismo e o crime organizado, os dereitos democráticos fraquean. A lei militar imponse nunha situación de conflito inminente. Deste xeito, os movementos “antisistema”, constitúen un novo foco de perigo e son obxecto de control e represión policial, tal e como se puido comprobar no cumio do G20 en Londres ou na cimeira do Clima de Copenhagen. Segundo o informe de Ben Hayes, a UE deseñou un protocolo de actuación e de cooperación entre os corpos policiais dos distintos estados, o seu “manual de orde pública en acontecementos internacionais”.“Desde entón –cita Hayes–emerxeu un patrón segundo o que os cidadáns da UE que desexen exercer o seu dereito democrático a protestar (e a asistir a protestas no estranxeiro) se enfrontan a controis policiais paramilitares, negación de entrada, detención preventiva, control e dispersión das protestas e mesmo a ser expulsados do país, en ocasións con prohibicións de reentrada bastante duradeiras”. Por sorprendente que pareza, este protocolo, asinado en 2006, non só se centra en concentracións de grupos antisistema (equiparados á ameaza terrorista), senón que considera tamén escenarios de risco eventos deportivos ou culturais, tales como concertos de pop ou finais da Champions.
Un mundo de zonas vermellas e verdes
Deste xeito define Naomi Klein o novo escenario mundial, que atoparía o seu exemplo perfecto no ocorrido tras a catástrofe do Katrina en Nova Orleáns. A lenta resposta do goberno de Bush ao furacán consternou os espectadores de todo o mundo. O goberno federal e a Axencia de control de emerxencias federal (FEMA) tardaron días en responder, e cando o fixeron foron acusadas de tratamento racista. En moitos casos, priorizouse a vixilancia das vivendas desaloxadas dos barrios ricos fronte aos posíbeis asaltos da poboación máis desfavorecida, amoreada en pavillóns e cuxas casas anegadas tardaron en ser rescatadas.
As políticas de Protección de Infraestruturas Críticas da OTAN, e as definidas pola Comisión Europea nunha directiva de 2008 e nas súas medidas sobre seguranza química, biolóxica e nuclear, van nesa dirección. Máis que a protección da poboación, a seguridade encamíñase á protección dos alicerces do sistema económico e político dominante. As zonas vermellas, que supoñen unha especial ameaza, xa non están, como advertía Klein en A doutrina do shock, concentradas no Sur do sistema, en África ou Afganistán. Suporían un novo xeito de establecer barreiras interiores entre excluídos e incluídos, onde todo e todas as persoas serían susceptíbeis de vixilancia. A zona vermella constituiría un espazo metafórico non definido polos seus límites espaciais, senón polo estado de emerxencia que nel prevalece. Calquera lugar pode devir zona vermella en calquera momento, e a intervención dos axentes da seguridade debe ser inmediata e eficaz. Aínda que iso supoña a militarización do espazo público e a conxelación das garantías e dos dereitos cidadáns.
A fin do esquecemento
O panorama deseñado por Hayes no seu informe chama á necesidade dunha toma de conciencia da sociedade europea perante as ameazas que representaría a implementación dalgúns dos sistemas en desenvolvemento dentro do Sétimo Programa Marco da UE. Algo complicado, tendo en conta a naturalidade con que asumimos a convivencia con sistemas tecnolóxicos aos que cedemos, conscientemente ou non, moita información sobre as nosas vidas. O uso das novas tecnoloxías na nosa vida cotiá supón unha serie de comodidades e permítenos establecer novos tipos de relación, horizontais e distribuídas, que en moitos casos serven para subverter ou navegar á marxe do pensamento único. O problema segue a ser o almacenamento desa información, por parte de plataformas, enormes empresas, que poderían facer un uso fraudulento (mais non ilegal) dos datos sobre as nosas mercas, os nosos comentarios e gustos nas redes sociais, ou as nosas visitas a páxinas “sospeitosas”. Hayes alerta de que esta sociedade do “non esquecemento”, onde non poderemos esixir que eses rastros sexan borrados, terá difícil volta atrás. E de que as políticas que a Comisión Europea podería aprobar nos próximos anos, sen pasar polo Parlamento Europeo para evitar un debate social, poderían conducirnos a un contexto escasamente democrático, onde o estado non consulta a cidadanía, reprime. Supostamente, polo ben do noso modo de vida.