por Miguel Anxo García Álvarez
O sufrimento é inseparable da experiencia de existir. Ao longo da vida será unha experiencia afectiva-emocional que sentiremos moitas veces e pode que, en ocasións, non a deamos soportado sós e quizais pidamos axuda para sobrelevalo. O sufrimento non é en si mesmo temible nin destrutivo. O sufrimento non é un trastorno . En non poucas ocasións será a súa presenza a que nos force, individual e/ou colectivamente, a realizar cambios nas nosas condicións de existencia.
Ao longo da vida, durante as súas primeiras etapas e en especial nos períodos de crise, aprendemos a identificar esa experiencia e como soportala e resolvela. O valor que lle damos ao sufrimento, e as propostas de solución ao mesmo, cambia cos tempos, coa conciencia (histórica) que as sociedades humanas desenvolven sobre a súa existencia, as determinantes da mesma e o seu sentido. E así tamén mudarán as vivencias individuais de soportabilidade, capacidade de solución, significado e causalidade dese complexo afectivo-emocional.
A venta e compra masiva do engano ilusorio dunha vida sen sufrimento e da existencia de remedios eficaces para non sentilo é unha das señas de identidade da nosa sociedade. É así que canto máis se anima ás persoas a escapar del e se lles infunde máis temor ao mesmo, a máis dano se as deixa expostas, menos aprendizaxe obterán da súa experiencia, e máis incapaces de soportalo se sentirán cando aquel teña que ocorrer. E ocorre inevitablemente cando se producen graves ameazas á estabilidade e á integridade, perdas de alta significación individual e/ou grupal, incertidume ameazante na proxección cara o futuro, e desmoronamento das expectativas e presupostos, nos que as persoas sustentamos a nosa visión sobre o funcionamento da sociedade e as relacións humanas.
Pero unha cousa é que parte da vida tamén sexa o sufrimento, e outra é que tan só se adopte unha actitude “soportante” do mesmo como forma de integralo no noso existir.
Porque hai vida non inevitable, condicionada, limitada, magoada, destruída, sufrida… como consecuencia da relación coas persoas, como efecto da posición social e da explotación, como resultado da carencia de poder. Este sufrimento de orixe humana é o que está ao noso alcance previr. Só é útil cando é motor da súa propia superación ao actuar como impulsor das accións cara a redistribución do poder.
O sufrimento de orixe humana, enraizado na desigualdade de poder entre persoas e/ou grupos, non engade nada máis que dano ao desenvolvemento humano se non alcanza a ser motivo de cambio das relacións que o xeneran. E iso require lucidez na atribución de causa por quen o sinte ou, o que é o mesmo, de conciencia do que lle ocorre; porque do significado que a persoa lle dea ao que lle estea pasando vai depender a súa vivencia de normalidade ou non, de capacidade ou impotencia, e tamén a opción que fará por unhas solucións ou outras.
Neste mesmo senso debemos considerar que nos tratamentos sanitarios que se nos ofrecen a este tipo de sufrimento vai a miúdo implícita a explicación do que nos pasa. E a explicación e tratamento dominantes individualizan causa e solución. Así, millóns de persoas con síntomas similares, nun momento histórico que comparten, buscan alivio do seu malestar unha a unha sen alcanzar a ver o que teñen en común, e sen poder así darse a posibilidade de construción dunha visión compartida do seu mundo, dos seus intereses e da súa capacidade para mudalo.
O efecto obxectivo desta resposta é a alienación e o illamento dos individuos, e a cronificación da bolsa humana de sufrimento evitable redefinido como problema de saúde mental. Imposibilítase a solidariedade (a mellor base do apoio social efectivo) e nin se fala do poder. E así todo sigue igual.
A construción da conciencia do que nos está a pasar é unha compoñente da resposta á COVID-19.
COVID-19 e saúde mental
Dende o mesmo inicio da pandemia inicidiuse no seu efecto na saúde mental da poboación, destacando a previsible necesidade de atencion sobre intervintes de primeira liña na resposta, afectados directos (contaxiados, familiares), afectados polo confinamento, persoas que viven soas, persoas maiores, infancia, adolescencia, e así sucesivamente ata considerar a toda a poboación en xeral como afectada na súa saúde mental.
“Todo el mundo en Wuhan padece un trauma”, rezaba un titular de El País do 10-4-20, profetizando o destino que parecía esperarnos a quen estabamos ao principio do confinamento.
A OMS (Organización Mundial da Súde) advertiu da importancia de atender á saúde mental , focalizándose inicialmente no efecto da pandemia sobre os sistemas asistenciais. Máis tarde chamaría a atención sobre novos riscos derivados dos danos psicolóxicos causados pola mortandade, o confinamento, a resposta de gobernos, as secuelas da enfermidade, o empobrecemento de amplios sectores e o efecto negativo sobre os dereitos humanos.
A ONU, nun informe presentado á Asamblea Xeral do 16 de xullo de 2020, fai constar que “…o impacto do coronavirus está determinado en gran medida pola política de saúde pública, o liderado, a desigualdade socioeconómica, o racismo sistémico e a discriminación estrutural, máis que por factores biolóxicos”; e máis adiante engade: “moitas das causas principais dos problemas de saúde mental e física radican na violación doutros dereitos humanos, como os dereitos á igualdade, á dignidade, á seguridade e á participación social equitativa”. (1)
Tamén a OCDE se manifestou preocupada por esta cuestión (a da saúde mental, sen nin sequera facer mención á cuestión dos dereitos humanos).
Diferentes investigacións atoparon efectos psicolóxicos relacionados coa pandemia: ansiedade, temor ao futuro, redución de sentimentos de optimismo, expresións emocionais de aflicción. Dentro delas, a do CIS constatou o malestar psicolóxico da poboación, os efectos específicos sobre poboación infantil, e o tipo de acceso a recursos de atención psicolóxica e de saúde mental, así como o consumo de psicofármacos.
Tamén se incrementaron os programas de atención á saúde mental no ámbito empresarial en relación coa xestión dos recursos humanos, sendo de destacar para nós o implementado no SERGAS (contestado duramente polo MGSM). (2)
En síntese: a COVID-19 vén acompañada dun efecto moi importante de sufrimento nas poboacións, fixo patentes as carencias xerais na atención sanitaria e en particular na saúde mental e na atención primaria de saúde, provocou incremento de riscos en saúde mental, e probablemente ocasionará maior demanda de consulta neste subsistema sanitario. En especial en grupos determinados: infancia-adolescencia, persoas xa en tratamento, intervintes de primeira liña, persoas que tiveron perdas afectivas pola COVID 19 con potenciais complicacións nos dós, persoas con hospitalizacións prolongadas e/ou secuelas pola enfermidade, vítimas de violencia e en especial a de orixe machista, persoas que viron empeorar gravemente as súas condicións de vida con carencia material e inseguridade cara o futuro.
A situación en Galicia era xa antes da pandemia deficitaria de recursos, e fora denunciada por iso publicamente na rúa e no Parlamento, aínda que a Xunta sempre a negou, malia acabar presentando Feijóo o Plan de Saúde Mental en plena campaña electoral. Ese plan, presentado por Feijóo, tan só prevé a catro anos a metade de incremento dos recursos definidos como necesarios xa hai 20 anos pola Comisión Asesora de Saúde Mental do Conselleiro de Sanidade (tamén do PP naquelas datas). Ata o Defensor del Pueblo, nun dato referido á dotacións de psicólogos/as, salienta que Galicia cun 3,5 cada 100.000 habitantes está de penúltima CCAA neste recurso profesional, lonxe da media do Estado Español con 6 e moi lonxe de Cataluña con 18.
Que necesitamos?
A causa e significado do sufrimento relacionado coa COVID-19 mistifícanse cando se redefine como cuestión de saúde mental.
A anterior crise financieira ensinounos o que estaba detrás de moito do dano persoal que causou. Reclamamos daquela medidas económicas, sociais e sanitarias como principais medios de prevención do sufrimento insoportable e do dano á saúde mental, e déronsenos recortes en servizos públicos e dereitos e maltrato gubernamental.
A fame, o medo, a pobreza, a desinformación, a violencia, a desigualdade inxusta… están detrás do dano que causa a COVID-19 na saúde mental, e non se resolven só coa atención sanitaria.
Nesa atención á saúde mental, á que se ten dereito, se a/o profesional que a presta non contribúe á distorsión das causas do sufrimento da persoa e se sitúa ao seu lado co seu saber, cos seus remedios e tratamentos, e cun respecto e apoio xenuínos, poderá contribuír a facer soportable o sufrimento de quen pide axuda, e quizais así a que poida solucionalo.
Miguel Anxo García Álvarez é psicólogo clínico no Hospital Universitario de Santiago e membro do Movemento Galego da Saúde Mental.