Venres 30, Setembro 2022

[A LIMIA DAS MACROGRANXAS] Peste na chaira

Un informe de Serafín González
Presidente de SGHN. Investigador Científico do CSIC

A finais dos anos 90, a empresa COREN levou a cabo a construción da primeira macro-granxa industrial na Limia: a do complexo “Altapedra”. En plena chaira da antiga lagoa de Antela, nuns terreos afectados por asolagamentos recurrentes que chegan ata as mesmas portas do complexo de 28 granxas, cunha capacidade total de 300.000 polos e 5.000 porcos -cunha produción anual de 1.650.000 polos e 15.000 porcos. Cunha carga gandeira de 2.250 UGM (unidade gandeira maior) esta macro-instalación de gandería industrial equivale por si soa, en canto a produción de excrementos a unha poboación de máis de 46.000 persoas. Daquela só ergueu a voz en contra desa instalación a Sociedade Galega de Historia Natural, alegando o inaxeitado da súa ubicación.

Granxas do complexo gandeiro Altapedra “sitiadas” por un dos asolagamentos invernais recorrentes.

Poucos anos despois, e estando xa en marcha a expansión do modelo a través do territorio, o “Estudo hidrolóxico-ambiental da Limia”, realizado pola entón Confederación Hidrográfica do Norte en 2006, xa documentaba sen lugar a dúbidas os problemas de altos niveis de nitróxeno e fósforo no río Limia, na estación de calidade das augas en Ponteliñares, ao final da chaira limiá. Os datos amosaban ademais uns niveis de osíxeno disolto moi baixos, chegando a ser incompatibles coa presenza de vida piscícola. Dito estudo documentaba tamén a saturación de carga gandeira en cinco dos oito concellos da chaira: Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Sarreaus e Vilar de Santos xa sobrepasaban o limiar de carga gandeira excesiva de 2,5 UGM/ha SAU (superficie agrícola útil). .

Empregando inicialmente os datos de dito estudo, aos que co tempo se foron engadindo outros recompilados de distintas fontes (Confederación Hidrográfica do Miño Sil, Consellería de Sanidade e publicacións en revistas científicas), nos últimos 14 anos, a SGHN dirixiu 65 escritos ás “autoridades competentes” (Consellería de Medio Ambiente, Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Fiscalía de Medio Ambiente de Ourense) advertindo dos riscos da proliferación de instalacións de gandería intensiva para o medio ambiente e a saúde das persoas na Limia.

Un Estudo hidrolóxico-ambiental da Limia xa documentaba no 2006 a saturación de carga gandeira en cinco dos oito concellos da chaira: Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Sarreaus e Vilar de Santos xa sobrepasaban o limiar de carga gandeira excesiva de 2,5 UGM/ha SAU (superficie agrícola útil).

Unha e outra vez, a citada entidade alertou de que a ampla maioría das granxas industriais están vencelladas ou impulsadas polo conglomerado de empresas de COREN, o que leva a pensar na existencia dun plano empresarial de intensificación gandeira na chaira da Limia nos últimos 25 anos. Dito plano nunca se someteu a avaliación ambiental no seu conxunto, ignorándose sistematicamente os efectos sinérxicos e acumulativos da concentración de industrias gandeiras nese territorio. Unha área, por certo, moi sensible dende os puntos de vista hidrolóxico, botánico e faunístico, con ata catro figuras de protección ambiental: Zona de Especial Conservación (ZEC) das Veigas de Ponteliñares, Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) de A Limia, Monumento Natural da Carballa da Rocha e Reserva da Biosfera Área de Allariz.

Augas abaixo atópase ademais a Baixa Limia – Serra do Xurés, outro espazo natural con catro figuras de protección: Parque Natural (Parque Nacional do lado portugués), ZEC, ZEPA e Reserva da Biosfera transfronteiriza. Lamentablemente, as autoridades competentes fixeron caso omiso ás advertencias, repetíndose en cada resolución de incidencia ou impacto ambiental unha frase sempre favorable ao concluír: “non é previsible que vaia producir impactos adversos significativos” e “é ambientalmente viable”.

Mentres se impoñía o negacionismo oficial dos problemas da calidade das augas na bacía do río Limia, os niveis de nitratos nos acuíferos da chaira limiá non deixaban de medrar. Así, o concello de Xinzo perdeu en moi pouco tempo o encoro que construíra no río Faramontaos para garantir o abastecemento de auga á poboación, e son moitos os veciños que xa non poden beber a auga dos seus pozos. Construído pola Deputación e o concello para abastecer de auga á poboación de Xinzo de Limia, o encoro de Guntín, no río Faramontaos, rematouse de construir en 1994. Un mes antes de cumprir dezaoito anos, no 2012, confirmouse que o encoro estaba moi eutrofizado. Ateigada de cianobacterias tóxicas, a auga xa non era potable, a súa depuración para o consumo humano tería un custo prohibitivo, acabando por proceder ao seu baleirado. Dende entón, o encoro de Guntín, con 16 metros de altura, 66 metros de coroación e 7,6 hm3 de capacidade, é un monumento á inutilidade. Tamén un monumento á estupidez humana: a de contaminar a auga potable por unha pésima xestión dos residuos da gandería industrial, e das augas fecais.

Para maior comprobación, nada mellor que constatar como o encoro do salto das Conchas reluce completamente verde polas cianobacterias; vese ata nas fotos de satélite ou do Sigpac (sistema de búsquedas progresivas). As cianobacterias, antes chamadas algas azul-verdosas, están directamente emparentadas cos primeiros organismos vivos que existiron na Terra, e a especie dominante nas Conchas é Microcystis aeruginosa que produce microcistina, unha toxina hepática 100 veces máis velenosa que o cianuro, mortal en caso de intoxicación aguda e asociada cun incremento da incidencia de cancro de fígado en caso de intoxicación crónica. Afortunadamente, o encoro das Conchas non se emprega para abastecemento a poboacións, pero a auga e os contaminantes que conteña van sempre cara abaixo… E 32 kilómetros augas abaixo está o encoro portugués de Touvedo, que chega a abastecer a 264.000 habitantes nos concellos de Arcos de Valdevez, Ponte da Barca, Ponte de Lima, Viana do Castelo, Caminha e Vila Nova de Cerveira.

O encoro do salto das Conchas reluce completamente verde polas cianobacterias da especie Microcystis aeruginosa que produce microcistina, unha toxina hepática 100 veces máis velenosa que o cianuro, mortal en caso de intoxicación aguda e asociada cun incremento da incidencia de cancro de fígado.

Malia que a meirande parte da información dispoñible e das noticias nos medios de comunicación se centran sobre o problema da contaminación por nitratos, cómpre deixar ben claro que o problema é dobre: hai un exceso moi importante de entrada tanto de nitróxeno (nitratos e amonio) como de fósforo (fosfatos). Ao fósforo de momento estáselle a prestar moita menos atención, pero é preciso salientar que, aínda que se eliminase totalmente a contaminación por nitróxeno, o problema de eutrofización do encoro das Conchas (ou o de Gudín) non desaparecería se non se controlan as entradas de fósforo. A razón é moi sinxela, as cianobacterias que ateigan o encoro precisan que as augas teñan fósforo, pero non que teñan nitróxeno, pois son capaces de obter do aire todo o nitróxeno que precisan.

Os rexistros da estación de calidade das augas en Ponteliñares indicaban xa en 2006 unha concentración media de fósforo 11 veces por enriba do limiar que se considera de risco de eutrofización, con picos que excedían ata 90 veces dito limiar. As consecuencias pagaranse durante bastante tempo: as cantidades de fósforo e materia orgánica acumuladas ao longo do último cuarto de século nos sedimentos do encoro das Conchas farán que o problema de eutrofización das súas augas persista durante anos dende que a sobrecarga gandeira na cabeceira do río Limia deixe de exportar o problema augas abaixo.

Encoro das Conchas totalmente tinguido de verde na foto do SIGPAC de 2011.
De quen son estes nitratos?

A principal empresa de gandería industrial na Limia é o grupo COREN, ao que segundo os seus propios datos pertencen o 80 por cento dos granxeiros limiaos, unha porcentaxe que é sen dúbida maior para a carga gandeira en UGM, pois as granxas de maior tamaño pertencen a ese grupo e aos seus socios. A asociación máis activa defendendo a gandería extensiva na Limia é ADEGAL, en boa medida sostida economicamente polas aportacións de Coren. Dende hai anos tanto esa empresa como a citada asociación veñen defendendo que a orixe da contaminación por nitratos na chaira da Limia e da eutrofización do encoro das Conchas non é a gandería intensiva, senón as augas residuais mal depuradas de vilas e pobos. Vexamos se teñen ou non razón.

O encoro das Conchas -oito quilómetros augas abaixo da chaira da Limia- construiuse en 1949. Durante medio século, as súas augas mantivéronse limpas, malia soportar os vertidos das augas residuais do dobre da poboación actual e sen tratamento de depuración algún. A partires de 1989, a gandería industrial comezou a crecer de xeito espectacular e sostido na chaira limiá. O gando estabulado aumenta anualmente unhas 2.200 – 2.300 UGM. Tralo cambio de século, cunha poboación reducida un 40% respecto de 1950, pero cunha carga gandeira xa superior a 40.000 UGM, comezaron os episodios de proliferación de cianobacterias tóxicas nas Conchas.

Segundo os últimos datos oficiais dispoñibles, nos 8 concellos da chaira da Limia a poboación era de 17.371 habitantes en 2021. Pola súa banda, a carga gandeira era de 62.547 UGM no ano 2009 (na web do IGE non hai datos máis recentes), polo que tendo en conta o seu ritmo constante de crecemento, na actualidade estaría entre 80.000 e 85.000 UGM, que en produción de excrementos equivalen a unha poboación dun millón e medio de persoas. Noutras palabras: á metade de toda a poboación de Galicia concentrada en só o 1% da súa superficie. Aínda que todas as augas residuais urbanas na Limia estiveran pouco o nada depuradas (o cal non é o caso), teríamos 17.371 habitantes -persoas fronte a 1.500.000 habitantes- equivalentes en forma de gando: as augas residuais urbanas só poderían ser responsables do 1,2% de toda a contaminación por nitratos.

Nos últimos 150 anos, na chaira limiá diminuíron os habitantes (-25%), o gando vacún (-68%), ovino e caprino (-77%) e equino (-92%), mentres que aumentou a gandería de porcino (x 11) e avícola (x 40-45), responsables de que se triplicase a carga gandeira total.
Informe sobre o estudo do CSIC

O simple cálculo anterior -ao alcance dun estudante da ESO- debera ter sido suficiente para que as autoridades competentes, aplicando o principio básico de precaución, adoptasen medidas cautelares contra a proliferación de granxas industriais. Pero non o fixeron. Non conforme coas evidencias dos seus propios estudos e analíticas, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil decidiu encargar en 2012 un estudo ao Laboratorio de Bioxeoquímica de Isótopos Estables do CSIC en Granada, para averiguar a(s) orixe(s) da contaminación por nitratos nas augas do río Limia. O estudo baseouse tanto nas cantidades de nitratos nas augas como na composición isotópica do nitróxeno e o osíxeno dos nitratos (e de carbono na materia orgánica disolta), que varía segundo a súa procedencia.

Polas análises isotópicas, o Informe do CSIC desbotou acertadamente que os nitratos procedesen de fertilizantes inorgánicos sintéticos empregados na agricultura, salientando que, fóra de toda dúbida, a súa orixe son residuos orgánicos gandeiros e/ou humanos.

Se a orixe maioritaria da contaminación por nitratos na chaira da Limia fosen vertidos de augas residuais urbanas insuficientemente depuradas, cabería esperar que os niveis máis altos de contaminación estivesen asociados aos principais núcleos de poboación, especialmente ao núcleo urbano de Xinzo de Limia, que concentra máis dun terzo de toda a poboación da chaira. Os resultados do CSIC desbotaron esta posibilidade.

Se a orixe maioritaria da contaminación por nitratos na chaira limiá fose a mala xestión dos residuos orgánicos das granxas industriais, cabería esperar que os niveis máis altos de contaminación estivesen asociados a lugares nos que se concentra a produción (macro-granxas) ou o almacenamento (esterqueiras, fosas de zurróns inadecuadas) destes residuos. Os resultados confirmaron sen dúbida esta posibilidade para os dous puntos estudados que presentaban os niveis máis altos de contaminación: CSIC-6 e CSIC-13.

O punto de mostraxe CSIC-6 na canle de Antela situábase apenas 1 quilómetro augas abaixo do macro-complexo gandeiro Altapedra de COREN e da planta de tratamento de zurróns denominada “Centro Tecnolóxico Medioambiental” (CTM) que operou entre 2007 e 2014 a Sociedade Galega de Residuos Ganaderos (propiedade de COREN e Caixa Galicia), queimando gas natural para secar 100.000 toneladas/ano de zurróns e reducilas a 15.000 de abono orgánico para o seu uso agrícola, producindo ao mesmo tempo un fertilizante inorgánico (sulfato amónico) e electricidade que comercializaba.

A principal empresa de gandería industrial na Limia é o grupo COREN, ao que pertencen o 80 por cento dos granxeiros limiaos, unha porcentaxe que é sen dúbida maior para a carga gandeira en UGM, pois as granxas de maior tamaño están en mans dese grupo e nas dos seus socios.

A escala industrial, a eficiencia do proceso químico para fixar en ácido sulfúrico o amoníaco (producindo así o sulfato amónico) non supera o 95%, polo que un 5% do nitróxeno dos zurróns (é dicir, unha cantidade equivalente ao nitróxeno dunhas 5.000 toneladas/ano de zurróns), sairía pola cheminea xunto cos óxidos de nitróxeno liberados durante a combustión do gas natural. A deposición de amoníaco e óxidos de nitróxeno emitidos polo CTM contribuiría a un incremento nos niveis de nitratos en solos e augas da contorna e, ademais, podería explicar a repentina mortalidade dos piñeiros da sebe cortaventos a carón do CTM. Segundo COREN, a viabilidade económica do CTM estaba supeditada ao cobro das primas á produción eléctrica neste tipo de plantas, e pechou en 2014 ao desaparecer ditas primas (as análises do CSIC realizáronse no periodo 2012-2013).

Macro-complexo gandeiro de COREN na Pedra Alta (chaira de Antela).

Pola súa banda, o punto de mostraxe CSIC-13 estaba situado nunha charca areeira, en boa medida rodeada por outras explotacións mineiras, lonxe de aldeas e sen conexión cos cursos fluviais (polo que non está afectada por vertidos de augas residuais urbanas), e cunha reducida actividade gandeira e agrícola na contorna, pero a 400 metros dun xigantesco depósito de esterco de galiña (galiñaza) ao aire libre e directamente sobre a terra. Na tempada baixa de demanda agrícola destes abonos orgánicos, nas 2 hectáreas desta esterqueira chegaban a amorearse ata 600-800 toneladas de galiñaza, segundo as imaxes do SIGPAC e estimacións in situ.

As saudables coníferas da sebe cortaventos a carón do “Centro Tecnolóxico Medioambiental” de COREN esmoreceron despois da súa construción. Casualidade ou consecuencia de emisións de amoníaco e/ou óxidos de nitróxeno pola cheminea?

O problema ambiental agravábase porque boa parte da tempada baixa coincide cos meses máis chuviosos e sucedía o esperable: a choiva infiltrábase polos montóns de galiñaza que fermentaban á intemperie, orixinando negros lixiviados cargados de nutrientes (seguramente tamén de antibióticos e hormonas) que pasaban directamente á rede de drenaxe e así ás augas superficiais e subterráneas, comezando polas charcas areeiras máis próximas.

Despois de máis dunha década á vista de todos, a macro-esterqueira desapareceu nun par de semanas dende que SGHN fixo público o seu informe.

 

Imaxe do SIGPAC coa situación da mega-esterqueira.

Unha vía obvia para intentar avanzar na identificación da orixe do problema (residuos gandeiros ou augas residuais urbanas) sería comprobar se as variables analizadas presentan ou non algunha relación coa poboación humana e a carga gandeira existente augas arriba de cada punto de mostraxe. Por iso, a SGHN aproveitou unha interesante oportunidade que brinda a chaira da Limia, pois pódense diferenciar dúas sub-bacías hidrográficas con poboación moi diferente (relación 2,6 a 1) pero cunha carga gandeira case idéntica: a do río Antela e a do río Limia augas arriba da confluencia de ámbolos dous ríos.

Se a orixe maioritaria da contaminación por nitratos na chaira da Limia fosen vertidos de augas residuais urbanas insuficientemente depuradas, cabería esperar que os niveis máis altos de contaminación estivesen asociados aos principais núcleos de poboación, especialmente a cabeceira comarcal en Xinzo de Limia que concentra máis dun terzo de toda a poboación da chaira limiá. Os resultados desbotan esta posibilidade.

No 2009, a carga gandeira era de 62.547 UGM, polo que tendo en conta o seu ritmo constante de crecemento, na actualidade estaría entre 80.000 e 85.000 UGM, que en produción de excrementos equivalen a unha poboación dun millón e medio de persoas.

Se a orixe maioritaria da contaminación por nitratos na chaira da Limia fose a mala xestión dos residuos orgánicos das granxas industriais, cabería esperar que os niveis máis altos de contaminación estivesen asociados a lugares nos que se concentra a produción (macro-granxas) ou o almacenamento (esterqueiras, fosas de zurróns inadecuadas) destes residuos. Os resultados confirman sen dúbida esta posibilidade para os dous puntos estudados que presentan os niveis máis altos de contaminación.

Consecuencias para saúde humana

Despois de tantos anos sobrepasando os límites ambiental e sanitariamente razoables de carga gandeira, as análises oficiais da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil indican que a concentración media de nitratos nas augas subterráneas da chaira limiá aumentaron un 39% entre 2014 e 2017.

Pola súa banda, as analíticas realizadas pola Dirección Xeral de Saúde Pública en 2017, 2018 e 2019 nas augas subministradas para consumo humano polos sistemas municipais de abastecemento na chaira da Limia amosan un incremento dun 28% na concentración media de nitratos. Pero o máis preocupante é que os datos da Dirección Xeral de Saúde Pública para os abastecementos de seis poboacións xa superaban na metade das ocasións o valor de alerta de 30 mg/litro de nitratos, e moi especialmente, que nun 25-71% das ocasións os valores excedían o límite legal de 50 mg/litro de nitratos nas augas de consumo humano nos abastecementos de cinco poboacións.

Investigadores das Universidades de Vigo e Santiago analizaron augas de 76 pozos particulares e 26 mananciais na Limia, observando que nun 58% dos pozos (44 dos 76) as concentracións de nitratos disoltos exceden o límite legal para as augas potables (50 mg/l), con algúns niveis tan escandalosos que chegan a superar os 329 mg/l.

Despois de anos ignorando o principio elemental de precaución e facendo caso omiso ás advertencias reiteradas de SGHN, o deterioro do recurso auga (en calidade e cantidade) na Limia xa non só é un problema ambiental, tamén o é de saúde pública que as administracións competentes teñen que afrontar. Polo de pronto, o concello de Sandiás viuse obrigado a cortar temporalmente o subministro de auga ata instalar un equipo para reducir a niveis legalmente aceptables as concentracións de nitratos nas augas da súa captación en O Texiño, cos correspondentes custes engadidos de adquisición, funcionamento e mantemento.

Auga non potable en A Limia por exceso de nitratos (máis de 50 mg/l; celdas en vermello) e augas de baixa calidade (celdas en amarelo).

Nun recente artigo publicado nunha prestixiosa revista científica (Rodriguez et al. 2020. Food production link to underground waters quality in A Limia river basin. Agriculture, Ecosystems & Environment 2020; 297: 106969) investigadores das Universidades de Vigo e Santiago de Compostela analizaron augas de 76 pozos particulares e 26 mananciais na Limia, observando que nun 58% dos pozos (44 dos 76) as concentracións de nitratos disoltos exceden o límite legal para as augas potables (50 mg/l), con algúns niveis tan escandalosos que chegan a superar os 329 mg/l.

Unha sentenza demoledora do TSXG

Malia o coñecemento do problema, ata o de agora ningunha das administracións competentes abordou a súa raíz, a proliferación insustentable de granxas industriais, a pesares das reiteradas alertas de SGHN e outras ONGs á Consellería de Medio Ambiente e á Fiscalía de Medio Ambiente de Ourense.

Pero nunha demoledora sentenza do pasado mes de novembro, os tres maxistrados da Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) veñen de anular a declaración de impacto ambiental da Consellería de Medio Ambiente para unha granxa en Rairiz de Veiga, aceptando os sete motivos de nulidade plantexados polo avogado duns veciños. Na aceptación de cinco deses sete motivos de nulidade xogou un papel decisivo a información aportada por SGHN durante as testemuñas no período probatorio, e así se recolle na sentenza:

  • Ao non respostar ás alegacións de SGHN, a Xunta infrinxiu o dereito de información e participación no procedemento de avaliación ambiental.
  • Os documentos aportados para a ampliación da granxa incumprían o artigo 45 da lei de avaliación ambiental, ao non valorar no seu conxunto o impacto das granxas existentes e a proxectada.
  • Non se avaliaron axeitadamente as repercusións nos espazos Rede Natura 2000 (ZEC Veigas de Ponteliñares; ZEPA de A Limia).
  • Non se avaliaron axeitadamente as repercusións medioambientais sobre os recursos hídricos.
  • A declaración de impacto ambiental contraveu o principio de precaución ou cautela.

Despois desta sentenza, cómpre preguntarse que farán as empresas e as autoridades competentes para resolver o problema na súa orixe. A cuestión é moi importante, pois ninguén fala de que, logo de varias advertencias, a Comisión Europea decidiu levar a España diante do Tribunal de Xustiza da Unión Europea por non tomar medidas suficientes contra a contaminación por nitratos, con moitas probabilidades de que o noso país sexa sancionado e que, entre todos, teñamos que pagar os pratos rotos por uns poucos.


 

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]