por Alba Nogueira
Que queremos? A Galicia das loitas exitosas contra a nuclear de Xove, a mina de ouro de Corcoesto e do Xurelo contra os verquidos radiactivos na foxa atlántica? Ou a Galicia de Ence, Reganosa, dos encoros e parques eólicos sen planificación e en espazos naturais, Alcoa, As Pontes ou Meirama?
É propio de economías pouco dinámicas e innovadoras especializarse en industrias de enclave que fan un uso intensivo e pouco sustentable dos recursos naturais, e que deixan moi pouco retorno económico. Tódalas empresas que estiveron nos titulares xornalísticos nos últimos tempos caracterízanse por facer un consumo inxente de recursos naturais (enerxía, territorio, auga) e por absorber recursos públicos en forma de axudas ou bens públicos sen practicamente custe (auga, vento).
Tamén por estragar o ambiente coa complicidade da Xunta, que unha e outra vez cambia o ordenamento xurídico nunha carreira entolecida por compracer as insaciables demandas empresariais. O catatónico Parlamento de Galicia, en coma inducido polo Partido Popular sen practicamente acción lexislativa nos pasados anos, modificou compulsivamente a lexislación de minas, eólica, solo ou emprendemento nos poucos textos legais aprobados. Nove leis na última década para baixar a participación cidadá nos procedementos de autorización e avaliación ambiental, reducir a esixencia e control ambiental a industrias, minas ou eólicos (2010, 2011, 2013, 2015, 2016, 2017 [3 leis], 2021).
Ás veces, nun mesmo ano cambiouse unha norma ata tres veces. Cada dous anos, unha lei de “reactivación” con flexibilización do control e unha alfombra vermella para as empresas (expropiacións urxentes, axudas, acurtamento de prazos, supresión do control urbanístico municipal). Tódolos anos, coas leis de medidas de acompañamento aos orzamentos inclúen cambios na lexislación sectorial (minas, espazos naturais, enerxía…) para conseguir o mesmo. E as industrias non veñen, senón que pechan as que hai. Algo falla na estratexia do goberno Feijóo. Por máis que teima en favorecer o insustentable e desfasado modelo industrial imperante, a competencia hoxe non está xa en desbaldir recursos senón en ter un tecido produtivo innovador noutros ámbitos de negocio.
A nula preocupación ecolóxica do Partido Popular dependente dos consellos de administración onde ten colocados aos seus militantes (de Isabel Tocino a Beatriz Mato) ten que ser contrarrestada polas forzas políticas da oposición ofrecendo un novo modelo de país e de economía. Non vale falar de transición ecolóxica e despois compartir co PP mocións contra o peche das centrais térmicas que producen un terzo das emisións estatais; non é compatible cun novo modelo enerxético abaratarlle o recibo da enerxía a unha empresa como Alcoa que consume o 3% de toda a electricidade do estado; non é coherente querer a Ence fóra da ría e coincidir co PP na pelexa contra a Lei do Cambio Climático estatal porque busca controlar as concesións privativas na zona costeira. Tampouco se poden defender as enerxías renovables e pelexar contra cada parque eólico que se quere instalar.
Preparar o país para o cambio climático e a transición ecolóxica require, como nos acaba de dicir o Panel intergubernamental contra o cambio climático, medidas decididas e inaplazables. A lóxica clientelar do PP e o negacionismo climático que enraiza no seu discurso non van levar a Galicia a estar preparada para os cambios que hai que facer. Tantos anos de mirar para outro lado cando as empresas facían emisións e verquidos sen control e permitindo prácticas depredadoras do territorio, dificultan un cambio que precisa de concienciación social. Por iso é preciso que o activismo social e a resposta política organizada elaboren discursos coherentes, propostas alternativas e fagan pedagoxía ecolóxica nas decisións industriais, no uso do territorio e nos pequenos xestos de cada día.
Os encendidos de luces de Nadal en agosto, a subvención de peaxes e non de desprazamentos en tren, o reemprazamento de bens en estado de uso (teléfonos, computadores, mobiliario público…) son condutas que tamén temos que modificar para que todo cambie. Porque o Partido Popular vai seguir mirando para outro lado cando empresas como Jealsa ou Ence fagan vertidos contaminantes, cando non se restauran as minas ou cando se fragmentan peticións de parques eólicos para eludir as avaliacións de impacto ambiental que corresponderían se se pediran unidas. Pero a alternativa política ten que dicir e actuar consecuentemente, sinalando que sabe como facer algo distinto para que Galicia sexa realmente un país que fai da sustentabilidade unha bandeira. Máis alá dos eslogans e coa urxencia que o momento require.