Luns 2, Outubro 2023
HomeActivismo e SociedadeA insostíbel pegada da gandería industrial

A insostíbel pegada da gandería industrial

por Luís Ferreirím

No tempo en que tardes en ler este artigo, sacrificáronse en España uns 17.000 animais. Calculando que tardarás en lelo uns 10 minutos. Si, en España sacrifícanse para consumo humano uns 1.700 animais ao minuto, máis exactamente, en todo 2022 sacrificáronse 902.189.643 animais.

Como se chegou a isto? Moi sinxelo. Coa industrialización da gandería e coa posta en marcha de miles de macrogranxas. Este modelo funciona baixo tres premisas: producir moito, o máis rápido posible e ao menor custo económico, non importa as consecuencias. Ás cifras que liches antes só se pode chegar cun modelo de gandería industrial. Non hai outra forma.

A gandería industrial en España creceu nestes anos dunha forma desmesurada e totalmente descontrolada, e as súas consecuencias ambientais son cada vez máis visibles.

Este é o modelo que impera actualmente en España e en moitos outros países, aínda que algúns da nosa contorna xa viron as consecuencias e botaron o freo. En España, esas consecuencias son tamén cada vez máis visibles e, debido a varios factores que veremos a continuación e a un rexeitamento social cada vez maior, creo que aquí tamén tocou teito. Agora hai que dobrar a curva porque é absolutamente necesario reducir a cabana gandeira en intensivo. Xa non basta con frear a súa expansión, hai que reducir o número de animais.

Ademais, ante o contexto actual no que estamos inmersos en múltiples crises, unha escaseza cada vez maior de auga, así como da súa contaminación por nitratos, unha baixada das exportacións, o incremento dos custos de produción, unha maior esixencia cidadá en cuestións de benestar animal e a redución do consumo de carne, cada nova autorización de macrogranxa é empuxar a un gandeiro/a ao suicidio económico. A gandería industrial non ten futuro.

A magnitude do problema e consecuencias

Así de sinxelo. Pero de onde vimos e onde temos que chegar? Nos anos 60 había en España uns 70 millóns de animais censados. En 2020 – no que se estableceu o récord -, preto de 500 millóns. Si, unhas sete veces máis que nos anos 60. Neste período, os sectores que máis se intensificaron foron o porcino e o de aves de curral, pero destaca principalmente o porcino, polo seu brutal impacto. A aposta neste sector foi tan tremenda que somos xa os principais produtores e os segundos exportadores na UE. A intensificación tradúcese nunhas cifras que fundamentan estas palabras. Actualmente, o 93,7% da produción de carne de porco, o 94,2% da carne de aves de curral e o 80,6% do leite e outros produtos lácteos concéntrase en macrogranxas.

A gandería industrial en España creceu nestes anos dunha forma desmesurada e totalmente descontrolada, e as súas consecuencias ambientais son cada vez máis visibles. Hai sete feitos que o demostran.

As emisións de gases de efecto invernadoiro e de amoníaco, o elevado consumo de auga e a súa contaminación por nitratos, o uso masivo de antimicrobianos, e o enorme emprego de insumos externos néganlle futuro gandería industrial.

1. As emisións de gases de efecto invernadoiro. O sector agrícola foi o único sector que incrementou as súas emisións en 2020 (últimos datos dispoñibles) e en gran medida debido ás emisións que veñen da gandería. Actualmente é o responsable do 14% das emisións globais de España, e o 65% delas son provocadas pola gandería, principalmente a industrial. Pero as emisións de metano – o segundo gas de efecto invernadoiro con máis emisións en España – déixano aínda máis claro: o sector agrícola é o responsable do 63% das emisións totais de metano, e a gandería do 98% das mesmas. Estas son as cifras oficiais, que fan referencia unicamente ás emisións directas da gandería. Con todo, desde Greenpeace, analizamos as cifras totais de emisións tendo en conta todo o proceso. En 2019, a gandería foi a responsable da emisión de case 70 millóns de toneladas de CO2 equivalente, case o triplo das cifras oficiais. Por sectores, o porcino é o máis contaminante, sendo o responsábel dun 50% das emisións totais, o vacún do 34% e o de aves de curral dun 14%. O sector que menos emite é tamén o que conserva un modelo máis tradicional e que vén sufrindo moito pola intensificación dos outros. O sector ovino foi o responsable de apenas un 2,5% das emisións. Por comunidades autónomas, nese ano, as tres primeiras, que suman case un 53% das emisións do sector, foron Cataluña (case 30% das emisións), Galicia (12%) e Castela e León (10,5%).

2. O segundo feito son as emisións de amoníaco, sendo a gandería industrial responsable do 95% das emisións declaradas en 2021 (últimos datos dispoñibles). O 73% están xeradas polo sector porcino e 22% pola avicultura. Curiosa e inexplicabelmente, o vacún está exento de declarar as súas emisións, algo que a Unión Europa quere resolver coa revisión da Directiva sobre Emisións Industriais.

3. Outro problema é o elevado consumo de auga da gandería española. Anualmente, consome o equivalente ao que consumirían todos os fogares españois durante máis de 21 anos, máis de 48.000 millóns de metros cúbicos de auga. Nun país altamente castigado polo cambio climático, con secas cada vez máis graves, e que o van a ser aínda máis no futuro, é impensábel que un sector que xera tantos problemas leve unha parte tan grande deste ben tan prezado.

4. O cuarto feito é a contaminación da auga por nitratos, que a pesar de non haber datos específicos para España, segundo a Comisión Europea, na UE a gandería é a responsable do 81% das achegas de nitróxeno aos acuíferos. A inmensa cabana gandeira existente xera unha cantidade de excrementos que contribúen de forma determinante a este problema. É tan grave, que a Comisión Europea abríu en 2018 un procedemento de infracción contra o noso país e, ante a inacción do Goberno español, decidiu o pasado decembro levar a España ante o Tribunal de Xustiza da UE. A combinación co feito anterior é demencial, xa que as augas subterráneas, as máis castigadas por esta contaminación, son as nosas reservas do futuro. Ante un escenario de escaseza, non poder utilizar as augas subterráneas porque están contaminadas, é un auténtico absurdo.

5. O quinto feito é o uso masivo de antimicrobianos na gandería española. España é país de Europa con maior uso de antimicrobianos, antibióticos incluídos, na gandería (en 2020, 22% das máis de 5.000 toneladas vendidas en 31 países europeos vendéronse aquí). Estes produtos terminan no medio ambiente, afectando os ecosistemas e contribúen tamén á resistencia das bacterias a estes medicamentos.

6. Cabe destacar tamén o enorme emprego de insumos externos, como a auga – cada vez máis escasa – e a dependencia de pensos, en moitos casos asociados coa deforestación, co emprego de agrotóxicos ou provenientes de cultivos transxénicos.

7. Por último, mencionar a inmensa superficie agrícola que se destina a producir alimentos para animais (con todos os recursos que se utilizan para iso, auga, praguicidas, fertilizantes, combustibles…). En España o 66% da superficie cultivada destínase a este fin e no mundo está entre o 75 e o 80%.

As vitorias do activismo social

Mirando cara antes e agora – a pesar de que queda moito por facer -, creo que non nos equivocamos nas nosas denuncias e en poñer o foco na gandería industrial e as súas macrogranxas. Non hai dúbida de que é o principal problema dun sistema agroalimentario que está a

esgotar o planeta. Se nos houbéramos equivocado, creo que en Cataluña, Castela-A Mancha ou Navarra non se porían en marcha medidas contra a gandería industrial. A Rioxa tamén quere materializar unha moratoria e a Comunidade Valenciana tamén o expón. Máis recentemente, a Confederación Hidrográfica do Ebro dixo hai só uns meses que non darán «concesións nin autorizacións a novas instalacións gandeiras intensivas ou á ampliación das existentes» na conca do Ebro.

Macrogranxas como a que se conseguiu paralizar en Noviercas (Soria), con capacidade para 24.000 animais, non ten cabida no contexto de crise climática, da auga e de biodiversidade no que vivimos.

Por último, quero rematar cunha gran noticia, unha gran vitoria para o medio ambiente e mesmo para o planeta: a paralización da que houbese sido a maior macrogranxa de Europa e que estaría entre as cinco máis grandes do mundo: a macrogranxa de Noviercas (Soria). A empresa Valle de Odieta, SCL, propietaria da problemática macrogranxa de Caparroso (Navarra), ofertou un proxecto faraónico. Neste pequeno pobo de Castela e León, duns 150 habitantes, quería poñer en marcha unha macrogranxa cunha capacidade para uns 24.000 animais, tres veces maior que a de Caparroso. Con todo, tras anos de traballo, aprobouse en decembro do ano pasado unha normativa estatal que lle puxo fin.

Ningún proxecto como este, nin calquera outro de macrogranxa, ten cabida no contexto de crise climática, da auga e de biodiversidade no que vivimos. De saír adiante, sería unha auténtica fábrica de cambio climático. Houbera emitido unhas 574.200 toneladas de CO2 equivalente ao ano. Isto é o que emiten preto de 122.000 coches circulando nun ano! Ademais, sería tamén un motor de destrución da biodiversidade (importación de pensos provenientes de zonas como a Amazonia), de consumo desmesurado de auga (consumiría ao día o mesmo que unhas 16.000 persoas) e de contaminación (produción inxente de excrementos). Tamén podería provocar o peche de pequenas explotacións que se atopan á súa redor, xa asfixiadas polo actual modelo de negocio, xerando máis desemprego do que promete crear.

Pero parece que a industria cárnica e láctea quere seguir negando a realidade, e segue sen recoñecer a súa responsabilidade. No caso de Valle de Odieta, decidiu recorrer a normativa estatal ante o Tribunal Supremo. Parece que encher os petos de diñeiro segue valendo máis que poder respirar aire limpo, beber auga ou que as xeracións futuras poidan seguir producindo alimentos e gozar dun planeta verde e en paz. Darnos conta de que somos parte da natureza, e de que todas as demais especies teñen o mesmo dereito á vida que nós, é cada vez máis importante.


Luís Ferreirím é responsable de Agricultura de Greenpeace/España.