Luns 27, Xuño 2022
HomeActivismo e SociedadeA GALICIA QUE DEIXA FEIJÓO. Exportamos un modelo de protección social neoliberal?

A GALICIA QUE DEIXA FEIJÓO. Exportamos un modelo de protección social neoliberal?

por Albino Prada

O conxunto de España pode volver a ser gobernada pola dereita neoliberal que leva facéndoo en Galicia  dende hai moito tempo. Paga a pena facer balance da súa xestión en Galicia para que por España adiante teñan un espello no que mirarse. Non todo vai a ser imaxinar a Galicia co Xacobeo, a Cidade da Cultura, as regatas de Sanchencho ou a Next Generation.

Sobre a calidade da protección social en Galicia no contexto español contamos cun balanzo anual (ano 2020) moi preciso, elaborado pola Asociación Estatal de Directores e Xerentes de Servizos Sociais, sempre con datos de fontes oficiais.

Ímonos centrar aquí na situación de tres colectivos con altos riscos de exclusión social: persoas en risco de pobreza, mulleres con malos tratos e persoas dependentes.

Protección da poboación en risco de pobreza

Galicia non anota unha poboación en risco de pobreza por riba da media do conxunto de España. Asturias está algo por riba e Cantabria algo por baixo de nós.

Pero cando avaliamos que parte desa poboación recibe unha renda mínima de inserción (o que agora se pasou a complementar como ingreso mínimo vital) resulta que en Galicia só 6,3 de cada cen persoas en risco de pobreza reciben esa axuda, mentres que en Asturias é o 17,4 e en Cantabria son 18,4. O triplo.

Fonte: Asociación Estatal de Directores e Xerentes de Servizos Sociais

Galicia está por baixo da media española en protección social ás persoas en risco de pobreza, un ranking no que destacan Navarra e o País Vasco. Cataluña e Madrid tamén superan a Galicia na porcentaxe de persoas protexidas.

Protección das mulleres vítimas de violencia de xénero

En Galicia hai máis de mil trescentas mulleres con orde xudicial de protección pero só oitenta e catro prazas en centros de acollida. Isto supón que apenas seis de cada cen mulleres nesa situación teñen posibilidade de acollerse nun deses centros.

Fonte: Asociación Estatal de Directores e Xerentes de Servizos Sociais

De lonxe o País Vasco é a Comunidade Autónoma mellor dotada para protexer a este colectivo, seguido a distancia por Cantabria. Galicia está por baixo da media española (6,3 fronte a 9,5) e debera duplicar as prazas de acollida para mulleres con orde de protección.

Protección da poboación dependente

A poboación potencialmente dependente está conformada por aquela que é maior dos 65 anos e máis aquela que ten recoñecido algún tipo de discapacidade. Neste caso Galicia conta cun colectivo importante (máis do sete por cento do total español) debido ao seu grao de envellecemento.

Cando esa cifra se pon en relación cos beneficiarios recoñecidos do sistema de axuda á dependencia (SAAD) o resultado é que en Galicia algo menos de 8 de cada cen dependentes contan con axuda. Por baixo do 9,7 medio de España. E moi por baixo de Castela-León (15) ou o País Vasco (11,4) que son as Comunidades con mellor cota de protección en España.

No caso das residencias públicas a situación de Galicia para as persoas maiores non é mellor como observamos neste recadro.

Fonte: Asociación Estatal de Directores e Xerentes de Servizos Sociais

A porcentaxe de prazas por cada cen maiores é do 1,2 o que supón menos da metade da media española (2,6) e, de novo, moi lonxe das Comunidades mellor dotadas: Castela-León e Castela-A Mancha, pero tamén Aragón ou o País Vasco.

Vemos que Galicia conta con 8.331 prazas en residencias públicas. Si acadase a porcentaxe media española tería que dispor de case 18.000. O que quere dicir que fallan nada menos que dez mil prazas públicas de residencias en Galicia.

Non mellora a situación na chamada axuda a domicilio como alternativa ao ingreso nunha residencia pública. En Galicia só a reciben o 3,3 por cento dos maiores, mentres que no conxunto de España se acada o 4,9. E neste caso Madrid, A Rioxa ou Aragón van en cabeza.

Só nas prazas nos chamados centros de día Galicia supera a porcentaxe de beneficiarios medios de España respecto da poboación maior. Pois na tele asistencia de novo Galicia ten unha cota moi por baixo da media española (2,2 fronte a 10,1): cinco veces menos. Madrid ou Cataluña superan o 15 por cento segundo as fontes que manexamos.

As prazas residenciais para persoas con discapacidade existentes en Galicia só cobren a 1,2 de cada cen persoas, mentres que no conxunto de España a cifra chega ao 1,5. A mellor cobertura témola en Castela-León cun 4,2. En Galicia hai 2.335 prazas para case douscentos mil discapacitados. Si a dotación acadase a rateo de Castela-León en Galicia debera haber 8.092 prazas: fallan nada menos que 5.757 prazas para este colectivo de discapacitados.

Fonte: Asociación Estatal de Directores e Xerentes de Servizos Sociais
Conclusión

Do conxunto de indicadores e políticas revisadas nesta análise dedúcese que a situación de Galicia está moi por baixo da protección social media existente no conxunto de España, e non digamos das Comunidades Autónomas que marcan a mellor dotación para esa protección social.

Como quera que estas políticas de protección social son competencia das Comunidades Autónomas e como fose que a Xunta de Galicia ven estando gobernada polo Partido Popular sendo presidente Alberto Núñez Feijoo (2009-2022), vai de seu cualificar a súa xestión como de escaso interese nos dependentes, maiores, vítimas da violencia de xénero ou das persoas en risco de pobreza.

O seu interese durante eses anos semellou máis pro activo para políticas como o Xacobeo, a Cidade da Cultura, … ou os concertos con empresas privadas que cubran -para quen os poida pagar- esas situacións.  Tal que así se resume o prestixio de Núñez Feijoo como xestor (neoliberal) do sector público.

Non é de estrañar que o IBEX35 vexa nel un axeitado inquilino da Moncloa. Outra cousa é o que deberan decidir, si fosen ben informados, os votantes.


 

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]