Martes 28, Novembro 2023
HomeActivismo e SociedadeA emigración do século XXI, unha aventura por necesidade

A emigración do século XXI, unha aventura por necesidade

Malia o cambio económico e social vivido en España nos últimos trinta anos, o Estado do sur de Europa segue a ser un país de emigración. A tendencia á diáspora invertírase desde finais dos 90 e España pasou de ser exportador a receptor de man de obra; pero no 2011, outra vez, o número de persoas que abandonaron o país superou ao dos que chegaron.Como na década dos sesenta, moitos dos que hoxe marchan son mozos que non atopan na súa terra mellores oportunidades de traballo, mais a diferenza daqueles, estes levan na súa equipaxe diplomas universitarios, idiomas e unha necesidade migratoria que ten máis que ver co enriquecemento persoal e profesional que co mero imperativo económico. Pero ademais, as mudanzas sociais, a famosa globalización, fomentan que a emigración das novas xeracións que saen de España non deixe nelas o pouso que deixaba nas anteriores.

O catedrático de Xeografía e Historia, Amancio Liñares Giraut, é autor e coautor de numerosos estudos sobre a emigración galega e española. En La emigración a Europa en el siglo XX e Hijos y nietos de la emigración española. Las generaciones del retorno, Liñares Giraut analiza xunto a outros expertos o fenómeno migratorio tradicional. A diáspora do século XXI diferénciase daquela en dous aspectos fundamentais: a mudanza nos medios de transporte e a formación académica. “Aqueles viaxeiros que se dirixían a Europa e que enchían as estacións de tren ou os autobuses, fan hoxe unhas viaxes moito máis rápidas e baratas, o que lles permite ir e volver con máis frecuencia”, salienta Amancio Liñares, que subliña tamén o perfil do novo emigrante “non só porque sexa unha man de obra máis cualificada, senón porque, dada a porcentaxe de paro xuvenil que hai en España (máis do 50 por cento), moitas veces acompáñase a emigración dun currículum moi atractivo”.

[quote style=”boxed” float=”right”]O emigrante actual encóntrase cunha sociedade como a súa, que funciona[/quote]

Actualmente, calcúlase que dous millóns e medio de españois viven fóra de España. As grandes correntes migratorias producíronse entre 1850 e 1939, cando catro millóns e medio de nativos deixaron o país, rumbo a América na súa maioría. Pero non menos importante foi a emigración a Europa nos anos cincuenta e sesenta. Tras a sinatura do Plan de Estabilización Económica, en 1959, miles de traballadores saíron cara a Francia, Bélxica, Suíza e Alemaña. Moitos acabaron volvendo ao termo duns anos. Outros ficaron para sempre, mudando a súa forma de vida e o seu sentimento de identidade.

Emigrantes retornados

Félix Ortega, economista e doutor en comunicación pola Universidade de Salamanca, fala do “desapego” que sufrían aqueles emigrantes. “A emigración daquela época era unha emigración de ida e de non volta, unha emigración do desarraigamento completo. O contacto directo limitábase ao intercambio epistolar de cando en vez. Actualmente, a tecnoloxía favorece os procesos de comunicación e fai que esa emigración non sexa tan amputadora”, comenta Ortega, que fai fincapé na globalización cultural e social europea: “O cidadán español que emigra a Europa encóntrase cunha sociedade como a súa, que funciona, que ten servizos públicos e médicos, con políticas sociais, etc. Ademais, hoxe en día, é unha emigración de clase media-alta, que se relaciona cos seus interpares europeos e globais na grande maioría das circunstancias”.

O enriquecemento do plurilingüismo

Iago Fraga é un estudante coruñés de 22 anos que encarna á perfección o prototipo de novo exiliado.Ten 22 anos e hai catro que marchou a Lyon estudar Telecomunicacións. É un emigrante do século XXI, que atopa fóra de España mellores oportunidades, pero que non perde o contacto permanente co seu país. “Gardas completamente a túa identidade -sinala Fraga-, viaxas frecuentemente e falas a túa lingua, tamén no estranxeiro, así que non te sentes para nada asimilado; simplemente, hai unha cultura que se engade”.

Iago Fraga

O pulo que está tendo o plurilingüismo nestes tempos é unha vantaxe coa que xoga a xente que marcha agora, pois como apunta o economista Félix Ortega, “hoxe en día, ensinar idiomas propios que son globais é un valor engadido que nunca é rexeitado pola familia. Nos anos cincuenta e sesenta podía ser unha identificación de pertencer a un estrato social diferente ou mesmo marxinal, pero iso non acontece na actualidade”.

Pola súa banda, o catedrático de Xeografía e Historia Xosé Amancio Liñares Giraut desmitifica a idea de que a globalización beneficia a permanencia do sentimento de identidade. “Se falamos de emigracións individuais onde o que viaxa é o cabeza de familia, que deixa muller e fillos na terra de orixe, quizais non se produce ese desarraigamento e ese inmersión lingüística e cultural no país de acollida”, pensa Liñares Giraut, quen cre, pola contra que se se trata de emigracións familiares conxuntas non mudaron tanto as cousas “porque aínda que as viaxes de retorno sexan máis frecuentes, os anos que pasan no novo país obríganos a integrárense no seu sistema educativo, na lingua, nos valores culturais”.

Unha emigración dual

Que España teña a máis do 50 por cento da súa poboación nova no paro semella un motivo de abondo para xustificar a emigración. Pero insistimos en que o perfil do novo emigrante é o dunha persoa con cualificación, que son, por outra parte, quen menos sofren o desemprego. Ademais, este fenómeno dáse desde mediados dos 2000, cando aínda o Estado estaba en período de crecemento. Por outra parte, a maioría dos españois que saen do país son inmigrantes que adquiriron a nacionalidade recentemente, pero que non naceron en España.

España nos últimos anos viviu un proceso de nacionalización de fillos de españois, sobre todo de cidadáns de países de América Latina

Plantexámonos se se nos está vendendo quizais unha imaxe distorsionada desta nova diáspora, pero os expertos matizan a importancia da situación económica. O economista Félix Ortega fala dun proceso dual: “Si é certo que España nos últimos anos viviu un proceso de nacionalización de fillos de españois, sobre todo de cidadáns de países de América Latina onde existen acordos de dobre nacionalidade, e tamén a través dos procesos de regularización por traballo ou por permanencia dentro do propio Estado”. Moita desta xente chegou a España na procura de emprego na construción e no sector servizos, ámbitos que sofren especialmente a crise e que están impulsando a estas persoas a marchar outra vez. “Pero tamén é certo -destaca Ortega- que existe un fluxo de universitarios cara a fora” e que o problema non só está na crise dos últimos anos, “senón na calidade que as empresas públicas ou privadas españolas ofrecen para reter aos mellores”.

Escasa ou nula, poderíamos pensar á vista da experiencia de moitos expatriados. Iago Fraga, estudante de Telecomunicacións residente en Lyon, sinala como efecto chamada, ademais da falta de traballo, os salarios e o nivel de vida. “Un enxeñeiro en Francia pode encontrar primeiros empregos que superan os 30 mil euros; en España, se chegan aos 24 mil xa é raro”, di. Como novidade positiva, a nova diáspora pode aportar á economía do seu país os seus coñecementos en sectores máis especializados. “Aquí en Francia -comenta Fraga- estou traballando con ferramentas que en España me situarían en vantaxe, porque non é unha tecnoloxía moi empregada. Isto poderíame permitir á volta crear unha empresa a partir de técnicas que aquí teñen moi desenvolvidas”.

[quote style=”boxed” float=”left”]Un enxeñeiro en Francia pode encontrar primeiros empregos que superan os 30 mil euros; en España é raro que cheguen aos 24[/quote]

Pero en tanto non volten, a estrutura poboacional do Estado reséntese. Cunha taxa de natalidade de 1,2 fillos por muller, España vai ter que encontrar a fórmula para atraer man de obra de substitución perante a falta de relevo xeracional. Porque aínda que marchen os máis preparados, tampouco faltan os que emigran movidos por unha necesidade máis primaria e real, a meramente económica. O catedrático de Xeografía e Historia Xosé Amancio Liñares resalta que se volve ver nestes tempos moita xente, galegos e españois, “durmindo nos coches en Suíza para non pagar unha pensión mentres buscan traballo”.

Nesta época posmoderna, de redes sociais e movemento continuo, tendemos a ver a mobilidade migratoria como un fenómeno enriquecedor, que o é, e netamente positivo. Pero con frecuencia esquecemos que detrás desas oportunidades hai unha urxencia que onte e hoxe condiciona o camiño: a necesidade de buscar a vida.