[MÚSICA] Unha ponte entre o antigo e o novo

| Sen categorizar

MÚSICA

Anthony Moore. Out. Drag City. Novembro, 2020

 

por Carlos Rego

Non hai ano no que o pasado non nos dea unha sorpresa. Semella que aínda queda música por descubrir non só ao afeccionado medio, senón incluso ao especialista máis dedicado. Non importa que os arquivos das discográficas e os caixóns de discos esquecidos veñan sendo escrutados durante décadas por ducias de buscadores de tesouros ocultos, cun empeño e atención digna dos investigadores da vacina do Covid 19. Por suposto, na meirande parte dos descubrimentos non aflora nada extraordinario, pero entre tanto cascallo de cando en vez asoman verdadeiros diamantes.

Anthony Moore fíxose un nome no underground dos anos 70 en grupos como Slapp Happy, singular formación entre o pop, o cabaret e a vangarda que andou en tratos con nomes míticos da experimentación sonora como os alemáns Faust ou os británicos e radicais Henry Cow. Quizais farto de tanto experimento e rigor ideolóxico, Moore decidiu dar saída a súa cara máis tradicional. Fichou por Virgin, casa de miras abertas e desprexuizada, xuntou un grupo de músicos de altura e gravou unha ducia de cancións. Para a súa sorpresa, Virgin decidiu non publicalo cando xa estaba lista ata a cuberta, e o disco morreu antes de nacer. Parece que se editou case secretamente CD a mediados dos 90, pero ninguén se enterou.

Por que merece hoxe a nosa atención unha obra predestinada á invisibilidade? Simplemente porque é un gran disco, e porque se fora editado por un autor contemporáneo, o recoñecemento sería instantáneo. As cancións son magníficos exemplos desa tradición que empeza en Dylan (non hai máis que escoitar «The River» para comprobalo), pero que a forza de deturparse remata emparentada cos grandes excéntricos británicos. O John Cale menos rabudo e máis lírico axiña ven á cabeza, como tamén o Brian Eno máis centrado na composición de cancións. Pero é sobre todo a sombra elegante e despreocupada de Kevin Ayers a que se proxecta con máis forza sobre o disco, quizais porque colaboraron adoito, e de feito toca o baixo nalgunhas destas cancións, ou porque David Bedford, o seu orquestrador, pon uns finos arranxos de corda. Porén, a personalidade de Moore gánalle a calquera comparación e as semellanzas máis ben nacen desa inefable capacidade, común a todos eles, de manter un pé no clasicismo e outro non se sabe moi ben onde.

O final dos anos 70 do século pasado foi un tempo convulso no musical no que a vella garda non remataba de adaptarse ao terremoto que se aveciñaba coa chegada do punk. Out si puido tender unha modesta ponte entre o antigo e o novo, pero non se lle deu a oportunidade. Nel sobresae a guitarra de Andy Summers, outro veterano que, el si, sabería reconverterse e triunfar con Police. Anthony Moore mantivo un tempo unha discreta e moi interesante carreira, foi letrista de Pink Floyd e desapareceu da escena para dedicarse ao ensino. Parece de xustiza, logo, recuperar un disco ao que o paso do tempo non lle restou ningún dos seus atractivos.