por Luís Álvarez Pousa
A ministra Nadia Calviño cumpriu facendo da nova Lei do Audiovisual un escudo protector do sistema de comunicación vixente. O texto normativo limítase a unha trasposición conservadora e mercantilista da Directiva europea aprobada hai dous anos en Bruxelas. Os avances que tamén asume o articulado da lei española reforzan, si, os niveis de protección do cine e das series locais ante a expansión das grandes plataformas como Netflix, HBO e Disney+, que se verán obrigadas a incluir cando menos o 30 por cento de obra europea nos seus catálogos. Pero máis alá diso, non se ve no desenvolvemento da norma intención algunha por revalidar os dereitos da cidadanía neste ámbito, poñéndolle freo a todo o que desde hai xa anos -a lei do 2010 con Zapatero, sen ir máis lonxe- está comportando un ininterrumpido proceso privatizador do espazo público de comunicación.
Deixar que as plataformas dixitais internacionais e os grandes operadores da comunicación teñan a sartén polo mango é temerario. Estarán cada vez en mellores condicións para okupar definitivamente a esfera pública. Poñendo en risco a democracia.
Non indo nin un ápice máis alá do que a directiva europea lles impón aos países comunitarios, e que todo o mundo sabe que era de mínimos, o ministerio de Asuntos Econónimos e Transformación Dixital e o goberno no seu conxunto, paradoxalmente o máis progresista de cantos dirixiron a acción política do Estado dende a transición, abócannos a seguir sendo reféns dos intereses dos axentes que dominan o mercado privado da comunicación, e dos actores económicos a eles vencellados. De todos cantos interfiren, e aínda con maior capacidade nesta era dixital, condicionan e teñen a intención de okupar a esfera pública.
A última xogada nesa dirección executouna, con nocturnidade, o partido de Sánchez mediante unha emenda, coa que asegurou de paso a abstención do PP, que os produtores independentes calificaron de alta traizón. Con ela, a lei recoñece ás produtoras do duopolio televisivo español (Mediaset e Atresmedia) e plataformas como independentes. Serán pois as que, por teren detrás o músculo estrutural e financiero dunha televisión, se fagan máis facilmente coas bonificacións contempladas para compensar aos produtores nacionais que se vexan afectados pola aterraxe de grandes plataformas e servizos de streaming. En concreto, as bonificacións que derivan do 5 por cento dos beneficios obtidos en España por esas grandes plataformas e as que poideran instalarse nos vindeiros anos.
O ruído que se armou por ese gol entreguista e a destempo, que forzou por certo tanto a ruptura do voto na coalición de goberno como entre os grupos da investidura, enmarcou a polémica aprobación da lei no ámbito estrictamente partidario e electoral. Non no que uns medios de comunicación responsables e non polarizados como están deberan ter priorizado nas súas portadas e escaletas audiovisuais: se asegura ou pola contra restrinxe dereitos, niveis de concentración e pluralismo, a diversidade nun Estado democrático, as competencias das Comunidades Autónomas, o servizo público de radiotelevisión, a radiotelevisión comunitaria, ou a imparcialidade do órgano regulador que se responsabiliza da aplicación da lei…
Por non priorizar, nin sequera o fixeron os máis aguerridos representantes do nacionalismo mediático español coas concesións a prol das linguas minorizadas ás que se viu forzada no seu momento Nadia Calviño polo envite orzamentario de ERC. Calculo que porque algunhas garantías lles deron de que, pese ao da explicitación das porcentaxes, levalas á práctica non é tan doado. E sempre vai depender en todo caso da maior ou menor vixilancia que se exerza sobre os contidos das plataformas, por unha banda, e sobre o que se reserve para financiar de forma anticipada producións audiovisuais nesas linguas, pola outra. Porén, isto da vixilancia tamén ten gato encerrado.
Que a lei siga sen contemplar a existencia dunha Autoridade Audiovisual, independente do goberno e con competencias sancionadoras, da que dispoñen os restantes estados da UE, xa é para eses medios -e de maneira especialmente satisfactoria, para os de TV e Radio controlados polo duopolio privado, que o impediron até agora- unha garantía. Máis aínda. Comprobada a tendencia gobernamental a favorecer unha visión mercantilista da comunicación, eses mesmos actores dominantes nese ámbito seguro que aplauden a rabiar a forma na que o articulado da lei resolve o da obrigada vixilancia. A Autoridade Audiovisual (que estaba prevista na lei do 2010 e que Rajoy enviou a mellor vida) seguirá estando suplida pola Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC), cuxa operatividade -xa de por si limitada ao puramente comercial- queda opacada polas funcións de control que se reserva o Goberno a través do Ministerio de Asuntos Económicos.
Nós si estamos en condicións de responder á pregunta de se a lei asegura ou restrinxe. Abonda con subliñar algúns dos apartados máis lesivos a primeira vista para constatar como o segundo se sobrepón ao primeiro. O articulado dálle luz verde á concentración mediática vixente en radio, televisión (lineal e non lineal) e plataformas; ignora o dereito constitucional á participación; desabastece a capacidade dos medios públicos para reequilibrar o poderío que ostenta o duopolio de capital privado, obviando que RTVE sigue cun modelo de financiamento obsoleto e inestable, non recoñecéndolles ás canles das autonomías o dereito a participar do cambio dixital e das súas rendas -reserva de dominio público no 4G e 5G-, sen deixar de manter aberta a porta da súa privatización; e négalle á radiotelevisión comunitaria o pan e o sal para poder sobrevir. Polo demais, nunha clara invasión de competencias, limita a autoregulación audiovisual das Comunidades Autónomas.
Non se trata, pois, dunha lei garantista de dereitos dos usuarios, que non están precisamente no centro da normativa, nin é promotora de novos operadores e novos contidos que multipliquen os portadores de servizos en aras do pluralismo, senón só de sinalar unhas cantas obrigas para os operadores actuais. O que causa unha forte desazón. Porque non vén do PP senón do goberno máis progresista das últimas décadas. Feijóo e o dúo Sánchez/Calviño van revalidala no Senado, e está por ver se, como confían estes últimos, serán eles e non o líder popular os que reciban a recompensa por parte dos beneficiados.
Pero que lles quede clara unha cousa: deixar que as plataformas dixitais internacionais e os grandes operadores da comunicación teñan a sartén polo mango é temerario. Estarán cada vez en mellores condicións para okupar definitivamente a esfera pública. Poñendo en risco a democracia.