INFANTIL E XUVENIL
Soños de Cajamarca. VV.AA. Antela Editorial, 2020. 150 páxs.
por Tamara Andrés
Cajamarca é unha localidade do Perú. Son varias as teorías sobre a súa etimoloxía: se cadra ten relación cos cactos; se cadra, coa característica de ser unha poboación xeada; se cadra remite a Catequil, deus do raio. Cajamarca é tamén un topónimo que nos congrega nesta ocasión arredor dunha iniciativa solidaria: Antela Editorial vén de dar ao prelo dous volumes de literatura infantoxuvenil —Soños de Cajamarca, en galego, e Sueños de Cajamarca, en castelán— que contribúen a financiar o proxecto que desenvolve a asociación Aulas Abiertas Comedores Escolares, dirixida por Pilar Muñoz, na rexión andina: facer posible que as crianzas poidan levar á boca, polo menos, unha ración de comida ao día.
Respecto ao título galego, son catorce as autorías que desembocan neste mar de soños e que van desde as sinaturas da LIX máis consagradas ata aquelas que irromperon con forza no panorama literario dos últimos tempos. Aparece tamén unha voz inédita en galego, a de Rebeca Álvarez, que deita nestas páxinas tanto a forza como a serenidade que poden caracterizar o mar. As achegas narrativas (An Alfaya, Rebeca Álvarez, María Canosa, Paula Carballeira, Xavier Estévez, Antonio M. Fraga, Iria Misa, Pere Tobaruela e Antía Yáñez) combínanse coa poesía (Miguel Ángel Alonso, Concha Blanco, Ramón Caride, Antonio G. Teijeiro) e mais co teatro (Carlos Labraña).
Cada un dos textos revela os universos particulares das autorías: desde o explosivo enxeño de An Alfaya ata as distopías cheas de humor propias de Antía Yáñez pasando pola astucia narrativa de Paula Carballeira, o lirismo sensorial de Xavier Estévez ou as disparatadas aventuras de Carlos Labraña. O máis notable desta obra, xunto ao fin solidario, é a riqueza froito da diversidade e a gran capacidade imaxinativa que verten nela as escritoras e escritores. Entre os personaxes atopamos, por exemplo, unha gata e unha rata tan amigas coma soñadoras; un axente extraterrestre que, durante a súa estadía na Terra, ten claro que os {DIRIXENTES SUPREMOS} son as crianzas; unha tía Cléonica fumadora de puros, testana e muller de palabra; unha rapaza chamada Greta tremendamente empática; unha nena muda que debuxa círculos de area ou unha estrela azul que seica ten que aparecer mais non hai xeito de atopala.
Escribir adoita ser un acto solidario e o mundo pode semellar ás veces ben hostil. Soños de Cajamarca emerxe, porén, desde unha perspectiva distinta: o acto de escribir pode
equipararse neste caso con tender a man, con bosquexar sobre un talo novo unha inflorescencia ben fermosa e creativa, con ir de viaxe sobre unha raspa de peixe co fin de subtraer as espiñas, de combater o frío, de invocar a Catequil para pedirlle unha chisca da luz do seu raio. Sería estupendo, xaora, que vos sumedes á travesía.