por Manoel Barbeitos
O ascenso de Vladimir Putin ao poder en Rusia, a súa consolidación como líder nacional ten lugar nun intre en que se producen tres fenómenos no sistema mundial que cambiarían as coordenadas da política internacional. O primeiro e o auxe de China que camiña imparable cara ao liderado económico e comercial mundial. O segundo, o inicio do acoso estadounidense a Rusia que supuxo o regreso da “guerra fría” como estratexia de contención do xigante asiático e de recuperación dun liderado que vai a menos. O terceiro que, aínda que tivo unha dimensión local, estase mostrando como relevante a nivel internacional, o auxe da ultradereita en Rusia.
O auxe imparable de China a o liderado mundial
Durante todo estes anos, terá lugar un proceso histórico dunha dimensión xamais coñecida: o ascenso ao liderado económico e comercial mundial de China. Un ascenso que terá un impacto brutal tanto na economía mundo como na xeopolítica internacional porque, entre outras razóns, porá en cuestión o liderado dos Estados Unidos saído da II Guerra Mundial e que parecía ampliarse coa desfeita dos estados socialistas de Europa do Leste.
A aposta pola liberalización comercial -certificada coa súa entrada na OMC-, a incorporación ao mercado capitalista dunha abundantísima man de obra moi disciplinada e a prezos moi competitivos, o férreo control do movemento de capitais, un tipo de cambio lixeiramente flexible pero ao servizo dos intereses comerciais, e un sistema bancario baixo tutela gobernativa serán algunhas das claves que expliquen o enorme auxe que a economía china vén experimentando nas últimas décadas. Un auxe que despertará enormes recelos na vella potencia imperial (USA) que ve como a súa hexemonía na economía mundo capitalista empeza a ser cuestionada.
As cifras das principais variables macroeconómicas non deixan lugar as dúbidas. O PIB, a prezos correntes, multiplicouse por 10 no presente século (2000/2000) pasando a converterse na segunda economía do mundo -representa o 18,8% do PIB mundial- con grandes posibilidades, de non producirse un cataclismo, de pasar a ser a primeira: pola súa produción China pasou a ser considerada como “a grande fábrica do mundo”. A nivel comercial China converteuse no maior exportador do mundo e o segundo importador cun saldo comercial positivo (unha taxa de cobertura do 125%) que supera de largo os 500.000 millóns de dólares anuais, o maior a nivel mundial. Un balance que lle permite presentar unhas contas saneadísimas: antes de estourar a pandemia China lideraba a nivel mundial a reserva global de divisas (3,2 billóns de dólares, unha cantidade equivalente por caso ao PIB alemán, que supón máis do dobre que o tesouro de divisas de Xapón e catro veces o de Suiza, os países que lle seguen con maiores reservas de divisas).
Podíanse utilizar máis variables macroeconómicas que servirían para confirmar este ascenso de China a elite económica mundial. Un ascenso que ten un dos puntos de apoio na entrada de capital estranxeiro (IDE) onde ocupa o liderado mundial chegando a duplicar, por caso, os valores dunha grande potencia comercial como Alemaña e superando aos Estados Unidos que pasaba por ser a primeira potencia receptora de capitais.
Unha dinámica que está cambiando as características estruturais da economía mundo capitalista e desprazando o escenario central do Atlántico ao Pacífico. Cambios que avalan as teses que sosteñen que a historia económica moderna do mundo divídese en dúas épocas, un antes e un despois de China.
Un auxe que está sendo observando con moita atención e preocupación por sectores moi influentes e poderosos dos Estados Unidos, por caso o Pentágono, que fronte aos que defenden a necesidade dunha cooperación global entre China e os Estados Unidos para garantir a paz e a estabilidade globais, son partidarios da confrontación e de illar a potencia asiática. Unha posición que lles leva a defender “o regreso da guerra fría”.
Unha estratexia política estadounidense que ten unha das súas xustificacións no cambio de clima nas relacións entre China e Rusia. Un cambio orientado a unha maior cooperación entre ambas potencias, pero que inclúe a outros países asiáticos e cuxo orixe está na Organización de Cooperación de Shanghai, creada en 1996, que integran China, Rusia, Kazajstan, Kirguizistán, Tayikistán, Uzbequistán, Pakistan e a India, e que ten como observadores a Afganistán, Belarús, Irán e Mongolia. Un proxecto chino/ruso de enorme envergadura se temos en conta que os membros e os observadores representan a metade da poboación mundial, e que forma parte dunha estratexia global orientada a intensificar a cooperación entre China e Rusia en aspectos tan relevantes como a enerxía -acordo de aprovisionamento de gas natural por parte de Gazprom a China por un período de trinta anos-, o comercio -creación do cinto económico da ruta da seda, a ruta de seda marítima…-, as infraestruturas e as finanzas -creación do Banco asiático de inversión e infraestruturas-, etc. Un modelo de cooperación internacional que efectivamente choca co que os Estados Unidos ten desenvolvido por medio do FMI e a OMC, que busca colocar o crecemento económico e o comercio mundial en mans das grandes empresas transnacionais estadounidenses. Dous modelos distintos que explican, non xustifican, o regreso á guerra fría. Unha marco xeopolítico no que se move, por caso, a actual guerra de Ucraína.
A renovación da guerra fría
Realmente o regreso á guerra fría xa se tiña producido antes do ascenso de Trump á presidencia dos Estados Unidos. O “acoso” a Rusia empezou a tomar forma cando a OTAN decide estenderse deica as fronteiras rusas en pleno mandato do demócrata Obama (1998). Un acoso que adoptaría formas diversas.
A máis relevante sería a xa sinalada de estendelos frontes da OTA coas extensións xa subliñadas en artigos anteriores (https://temposdixital.gal/outros/ucraina-iii-a-guerra-que-europa-puido-evitar/). Pero non sería a única forma de acoso pois veuse acompañada de intervencións indirectas no interior das antigas repúblicas soviéticas como, por caso, en Georgia e Ucraína, buscando desestabilizar os gobernos elixidos democraticamente e substituílos por gobernos autoritarios e prooccidentais.
Un acoso que se apoiou en gobernos realmente reaccionarios (Polonia, Hungría, Ucraína……) que desprezan os dereitos humanos pero que aceptan a instalación no seu territorio de equipamento militar (mísiles, acoirazados, armas pesadas…) orientados a cercar militarmente a Rusia. Un cerco xustificado polos altos responsables de Defensa e do Pentágono dos Estados Unidos en base a que “Rusia significa unha ameaza para os Estados Unidos”. Unha trola (fake-new) que non se mantén en pé: se o gasto en defensa dos Estados Unidos (2021) é de 768.200 millóns de dólares, o de Rusia e de 61.000 millóns.
Esta volta a “guerra fría”, este acoso a Rusia, provocaría que este país optara por modernizar e ampliar o seu armamento nuclear, o que implica que a seguridade e a paz no mundo estean cada vez menos aseguradas e que os riscos dun gran conflito nuclear -que suporía a desaparición da vida no planeta- sexan maiores que nunca: Estados Unidos ten un arsenal que conta con 5.100 cabezas nucleares, Rusia 4.500.
A Rusia de Putin
Vladimir Putin era un gobernante moi popular en Rusia antes da guerra de Ucraína. No seu cuarto mandato consecutivo como xefe de estado, apoiado nunha retórica nacionalista que apela ao orgullo dos rusos, cun férreo control dos medios de comunicación e co apoio dos oligarcas, conseguiu gozar dun enorme apoio popular e que, en datas inmediatamente anteriores á guerra de Ucraína (febreiro 2022), os medios mais fiables cifran nun 70% os rusos que apoiaban a súa xestión. Un apoio que, todo parece indicar, non ten diminuído significativamente coa invasión de Ucraína, pero que debera facer reflexionar a Occidente e moi especialmente a Unión Europa si está realmente interesada na paz e en evitar as guerras.
Rusia cun PIB (1,3 billóns de euros) pouco superior ao de España (1,2 billóns), pero con catro veces máis poboación, non é hoxe por hoxe unha ameaza para Europa a pesares do seu potencial nuclear. Se a guerra de Ucraína se prolonga, a economía e xa que logo a sociedade rusa van sufrir e moito. Pero o que non vai conseguir é cambiar o réxime ruso nin tampouco romper as sólidas alianzas que Rusia ten establecidas con China (e que sinalamos ao principio deste artigo) porque ningún dos dous países vai dar marcha atrás.
Vladimir Putin é un nacionalista non moi diferente, por caso, de Donald Trump, Silvio Berlusconi, Marie Le Pen, Viktor Orban, ou Lech Kaczynski, lideres políticos cos que mantén algún tipo de relación -as sospeitas de que axudou a financiar algunha das súas campañas teñen sólidos fundamentos-, ao igual que estes V. Putin é un feroz anticomunista, antibolchevique. Por tales motivos, como antes pasara con Boris Yeltsin, para aplicar a súa particular “terapia de shock”, contou co asesoramento a apoio financeiro de Occidente (FMI, OMC).
Todo parece indicar que Vladimir Putin o que quere é recuperar a antiga Unión Soviética, pero agora non comunista senón liberal. Na práctica, o que realmente está conseguindo con movementos como este de invadir Ucraína é que unha organización como a OTAN, que estaba moi desprestixiada e á baixa, recupere protagonismo. todo un éxito.
Este é o escenario internacional no que hai que situar a invasión de Ucraína. No seguinte e último artigo intentarei explicar por que penso que, a pesar de que a primeira e máis grande responsabilidade sexa a de Rusia, Europa puido evitar esta guerra.