por Manoel Barbeitos
O ascenso de Boris Yeltsin á Presidencia de Rusia (1991) ía comportar cambios moi relevantes a respecto da situación anterior. Por caso, no ámbito da economía: o novo goberno ruso apostaría firme e decididamente pola incorporación de Rusia á mundialización capitalista neoliberal. Tal incorporación adquiriría as formas e modos da coñecida como “terapia de choque”, que viña a ser a estratexia defendida polos organismos financeiros internacionais (FMI, BM, OMC), e cuxo modelo único eran os famosos Plans de Axuste Estrutural (P.A.E.): privatización, axuste fiscal e liberalización comercial.
Dada a relevancia dos activos públicos da antiga URSS que herdaba a nova Rusia (estimáronse inicialmente nun valor de 1.200 millóns de rublos), a súa privatización presentábase como unha operación de enorme envergadura. A que foi definida como “a maior transformación das relacións de propiedade da historia mundial” converteríase realmente, por mor tanto da inflación galopante como da corrupción crecente, nun enorme negocio para os que serían coñecidos como os grandes oligarcas (7), que se farían coa propiedade das empresas públicas mais rendibles a prezo de saldo, acumulando enormes fortunas e colocándose nunha situación de privilexio con relación ao poder político.
Ese proceso privatizador estivo acompañado dunha impoñente fuga de capitais –comprábanse empresas públicas a prezo de saldo que logo se vendían a prezos moi superiores para finalmente colocar os capitais nos paraísos fiscais-, e nunha corrupción crecente –os oligarcas conseguían das autoridades gobernantes, mediante prácticas corruptas, tódolos favores que demandaban-.
A liberalización comercial que facilitou que se dispararan as exportacións de materias primas (petróleo fundamentalmente) provocaría tamén que se disparara a inflación e caera o valor do rublo nos mercados internacionais. Paralelamente, produciuse unha brutal caída das producións agraria (cereais e oleaxinosas) e industrial. Dinámicas que provocarían efectos diverxentes: o empobrecemento dun número crecente de cidadáns canda o enriquecemento dunha minoría que actuaba de intermediaria nas obrigadas importacións ao beneficiarse da diferencial de prezos (internos/mundiais) que podía, como no caso do petróleo, alcanzar diferenciais de 1 a 100.
As consecuencias económicas e sociais da “terapia de choque” serían devastadoras: caos económico, empobrecemento masivo, desfeita dos servizos públicos máis fundamentais, caída da esperanza de vida e incremento da mortalidade infantil, aumento do consumo de alcohol, emigración crecente, corrupción galopante, extensión do crime organizado (mafias). Un panorama social e económico desolador que, para máis xudiada, tería como colofón unha enorme crise financeira (1998) que provocaría un colapso económico e unha bancarrota con empresas arruinadas, o estado nunha situación real de creba, millóns de traballadores en paro, suba de prezos, inflación galopante….
A nivel político, sucederíanse as crises polos enfrontamentos entre as elites: referendo convocado por Yeltsin co gallo de acumular poder (abril 1993), disolución do Soviet e o Congreso (setembro 1993), eleccións á Duna (decembro 1993), referendo constitucional (1994). Crises que configurarían un réxime cada vez máis presidencialista e máis autoritario que non faría máis que agudizar a crise sistémica: desastre da guerra de Chechenia (1994), novas eleccións da Duna (1995) e a Presidencia (1996). Crises que Yeltsin –un presidente alcohólico cada vez máis cuestionado- intentaría solucionar con reiterados cambios de xefes de goberno, e que rematarían temporalmente coa elección de Vladimir Putin (16 de agosto de 1999) como xefe de goberno: o quinto en 17 meses.
O ascenso de Vladimir Putin, o novo amigo ruso
O ascenso de Vladimir Putin ao poder en Rusia produciríase ao tempo que a figura de Boris Yetsin declinaba definitivamente -a un declive físico e intelectual indiscutible sumábanse as fundadas acusacións de corrupción que acosaban á súa familia- Os antigos aliados tanto internos (Parlamento, oligarquía, dirixentes locais) como externos (FMI) déronlle as costas definitivamente aínda que fora por razóns moi distintas.
Vladimir Putin, tenente coronel do exercito ruso e exdirixente da KGB, aparentemente un personaxe escuro e coase insignificante, ascendeu ao poder ao tempo que se recrudecía a guerra con Chechenia (1999). Unha guerra que paradoxalmente serviu de consagración para Putin como líder ruso. Un ascenso para o que inicialmente contou co apoio da televisión rusa e dos burócratas territoriais aos que posteriormente se sumarían os novos oligarcas e que lle ían permitir acadar a presidencia de Rusia (marzo do 2000) previa a dimisión de Boris Yeltsin (decembro de 1999) -segundo as elites rusas “nos máis de mil anos de historia de Rusia, poucos gobernantes conseguiron facer tanto dano ao seu país en tan curto espazo de tempo como Boris Yetsin”-.
Putin axiña confirmou que, contra o que pensaban os que o promocionaran inicialmente, viña para quedar e que non ía ser un moneco en mans das elites rusas. Iniciou o seu ascenso ao poder real establecendo a censura para aqueles medios de difusión que podían e se atrevían a criticalo, pasaría a enfrontarse directamente cos oligarcas -velaí o caso Mihail Jodorkovski, dono da grande petroleira Yukos que remataría na cadea ao tempo que a súa empresa era intervida e liquidada-, que rematarían aceptando o seu poder. Aproveitaría as vantaxes comerciais que lle concedían as enormes reservas enerxéticas fronte á dependencia da Europa, o que lle permitiría adoptar unha posición internacional de forza. Accións que, a nivel interno, lle procuraron un grande crecemento do apoio popular como se comprobaría nas sucesivas eleccións que o seu partido, Rusia Unida, ganou con comodidade.
Para unha mellor compresión do que estaba pasando compre subliñar que neste ascenso ao poder en Rusia de Vladimir Putin ademais dos factores anteriormente citados, tiveron a súa influencia non menor elementos externos. Vladimir Putin, como antes lle sucedera a Boris Yeltsin, foi considerado polas elites occidentais como un aliado: non se opuxo ás sucesivas ampliacións da OTAN ao leste (Estonia, Letonia, Lituania, Bulgaria, Romanía, Eslovenia e Eslovaquia ingresaron na OTAN con Putin xa no cumio do poder ruso, no 2004), foi un aliado na guerra que G. Bush (USA) emprendeu contra o terrorismo internacional, facilitou a alianza entre as grandes fortunas rusas (oligarcas) e as grandes fortunas occidentais que permitiría o aterraxe daquelas tanto nos grandes centros financeiros europeos (City de Londres por caso), e nos seus paraísos fiscais, como nos grandes grupos inmobiliarios (localizados, por caso, na Costa do Sol en España), e tamén nos grandes clubs de fútbol (Chelsea….). Alianza que permitiría que se enriqueceran xuntos.
Poucas desas elites políticas e económicas pensarían por eses anos que esa amizade se cambiaría polo divorcio actual.