por Manoel Barbeitos
Resulta un erro moi inxenuo analizar a situación actual en Ucraína desde a óptica da “guerra fría”. Así, a un lado estarían os malos, os que queren a guerra, e no outro estarían os bos, os que queren a paz. Segundo esta visión maniquea, os primeiros serían os antigos soviéticos (Rusia), os segundos serían os occidentais (liderados por Estados Unidos). Abondaría con facer un repaso do sucedido no mundo logo da II Guerra Mundial para desmontar unha tese tan infantil. Porque, que papel desempeñou en todo este tempo (oitenta anos) os Estados Unidos? E cal foi o papel desempeñado por Rusia (antes a URSS)?.
Durante todos estes anos, as continuas intervencións militares que Estados Unidos tivo no exterior, así como os seus impactos (militares, políticos, económicos, comerciais, humanos, ambientais…), poñen en evidencia que na maioría o obxectivo central non foi a procura da paz ou a defensa da democracia. Todo o contrario, foron guerras imperialistas que combinaron intereses comerciais (apoderarse dos recursos endóxenos dos países invadidos: petróleo, gas, minerais, alimentos, materias primas…..), con intereses xeopolíticos (crear zonas de influencia). Obxectivos para cuxa consecución non dubidaron, utilizando o seu enorme poderío militar, en derrubar réximes elixidos democraticamente (Guatemala, Honduras, Santo Domingo, Panamá, Peru, Brasil, Uruguai, Arxentina, Chile, Corea, Indonesia, Malasia…), e instaurar terribles ditaduras militares que provocaron enormes masacres, auténticos xenocidios, torturas e violacións continuadas dos dereitos humanos, ademais de pobreza e miseria para a maioría das poboacións deses países. Incluso cando as intervencións se realizaron en estados con réximes despóticos (Iraq, Afganistán, Libia….) aquelas deixaron tras si unha situación terrible a nivel humano e uns réximes falidos e antidemocráticos.
Intervencións que demostran que a política exterior dos Estados Unidos (e o seu brazo político-militar, a OTAN) tivo sempre un carácter imperialista tal que desmonta calquera argumento que intente presentar a ese Imperio como defensor da paz, a liberdade, a democracia e o progreso no mundo.
As cinzas dun imperio que resiste a deixar de selo
Algo parecido sucede con Rusia, antes URSS, aínda que en moito menor escala por mor de ter un potencial político e militar claramente inferior. Durante máis de coarenta anos a URSS impuxo na Europa oriental (Alemaña, Polonia, Hungría, Checoslovaquia, Romanía, Bulgaria) gobernos monicreques, autenticas ditaduras que negaron aos seus pobos a liberdade e a democracia. Cando algúns destes países quixo saírse dese círculo de ferro (Hungría, Checoslovaquia..) e instaurar un réxime democrático, impedíronllo os tanques rusos.
Pero chegaría o ano 1990, e de maneira aparentemente imprevista, o sistema soviético derrúbase estrepitosamente. O 9 de novembro de 1989, unha revolta popular tiraría abaixo o muro de Berlín -signo de división das dúas Europas- e a partir desa data iníciase un proceso histórico marcado pola crise terminal das repúblicas socialistas do leste e o derrubo do Pacto de Varsovia, a alianza militar que competía coa OTAN.
Un tras outro, os países da antiga alianza renegarán do seu pasado e integraranse no que durante varias décadas fora considerado o inimigo principal: a OTAN. Deixando a Rusia practicamente soa. Así, no ano 1999, Polonia, Hungría e Chequia -que formaba parte da antiga Checoslovaquia- integráronse na OTAN. Alemaña Oriental xa estaba integrada tras a incorporación á Alemaña occidental . Pasos que seguirían inmediatamente despois Romanía, Bulgaria e Albania. No interludio, a antiga URSS desintégrase, e moitas das antigas repúblicas tamén pasan a formar parte da alianza militar occidental: as Repúblicas bálticas (Estonia, Letonia e Lituania) e Georgia.
O derrubo do antigo imperio soviético deu paso a unha nova orde mundial marcada pola desaparición do antigo Pacto de Varsovia e a ampliación da antiga OTAN a practicamente toda Europa -agás Rusia, os Países escandinavos, Suiza…-. Un cambio histórico de enorme dimensión, pero cuxos efectos Rusia intentou e segue intentando amortecer. Un cambio que os Estados Unidos, a través da OTAN, intenta aproveitar no seu obxectivo de ser o único e incontestable imperio mundial. Unha situación da que Alemaña tamén intenta sacar o mellor partido para os seus intereses comerciais.
Pero retrocedamos uns anos para así mellor entender os cambios habidos e os seus efectos, asi como o novo escenario internacional que se está abrindo.
Gorbachov e os intentos falidos de salvalo imperio ruso
En marzo de 1985, un mozo membro do Politburó soviético pero practicamente descoñecido en occidente chamado Mihail Gorbachov era elixido secretario xeral do PCUS, o que na práctica significaba que pasaba a ser á máxima autoridade soviética.
Un Mihail Gorbachov que deseguida entendería que a URSS non podía nin manter un gasto militar tan elevado (15% do PIB), nin tampouco unha política imperial, con axudas aos países do Leste europeo e a outros do terceiro mundo, que supoñían un custo inmenso (40% do orzamento) para unhas arcas públicas cada vez más minguadas. A solución pasaba, segundo Gorbachov, por grandes reformas a nivel interno e por unha nova relación entre as dúas grandes potencias baseadas na distensión e o desarme a nivel externo.
Pero se ben no nivel de política internacional M. Gorbachov colectaría grandes éxitos combinados con importantes fracasos, no nivel de política interior (“glasnot”, “perestroica”) iría de fracaso en fracaso. Fracasos que tiveron especial transcendencia nos ámbitos económico e territorial.
A retirada das axudas e os subsidios, así como do apoio militar aos países de Europa do Leste, disparou a recesión económica nestes últimos, agudizando a inestabilidade dos seus réximes totalitarios. Unha inestabilidade que se transformaría nun auténtico desmoronamento cando en Alemaña, froito da presión popular, se produce a caída do muro de Berlin (9 de novembro de 1989). Un fito histórico que puxo en evidencia como Alemaña Oriental, en contra das aparencias, non so atravesaba unha crise política senón que economicamente estaba practicamente en creba. Esa creba abranguerá a tódolos países do socialismo real, que non fixeron se non poñer aínda máis en evidencia as políticas de Gorbachov. Constatábase que non eran quen de sobrevivir sen as axudas económicas da URSS e o apoio militar das súas tropas.
As fichas do dominó empezarían a caer unha tras outra a partir de 1989. A primeira sería Polonia, seguiríanlle Hungría, Bulgaria, Checoslovaquia e Rumanía. A humanidade, e moi especialmente os cidadáns destes estados, vían como caían os vellos réximes ditatoriais sen que tiveran moi claro que era o que os ía a substituír. O único seguro era que Europa estaba asistindo (1989/1990) ao “fin do socialismo realmente existente” que adquiriría definitivamente o carácter de fito histórico coa reunificación das dúas Alemañas -realmente sería unha absorción da Oriental pola Occidental-. Un fito histórico que tiña os trazos dunha auténtica chapuza política, tanto polas formas como porque ninguén tiña claro o futuro.
Porque en occidente nin as autoridades estadounidenses nin as autoridades europeas -fundamentalmente as alemanas- souberon calibrar na súa xusta medida a dimensión do que estaba pasando. Algúns dos seus principais líderes (por caso o presidente dos Estados Unidos, G. Busch, e o chanceler alemán H. Kolh) temían que M. Gorbachov sacara adiante as súas reformas e saíra triunfante dos seus retos, polo que contribuíron decisivamente ao seu fracaso. Non souberon ver as consecuencias de tal resultado, tanto para a URSS como para Occidente. Só pensaron nos “supostos beneficios” que o final da guerra fría podía traer coa expansión da OTAN e a UE ao leste europeo.
Unha cegueira, consecuencia dunha visión cortoplacista, que como tratarei de explicar nos seguintes capítulos, trouxo non poucas traxedias. A última, polo de agora, a traxedia ucraniana cuxo final, hoxe por hoxe, non é previsible.