[CINEMA] Sentimental: o riso no ano das fiestras

| Sen categorizar

CINEMA

SENTIMENTAL (España, 2020)

Dirección e guión: Cesc Gay; Produción: Marta Esteban; Fotografía: Andreu Rebés; Montaxe: Liana Artigal; Dirección artística: Liliana Artigal.

Intérpretes: Javier Cámara, Griselda Siciliani, Belén Cuesta, Alberto San Juan.

.

por Yolanda López

Foi un ano tan estraño, de proxectos en suspenso, de iniciativas adiadas, que as fitas que chegaban ás salas e reunían a un público fiel na cadeira deberían gabarse como pequenos milagres. Isto non exime que a selección das candidaturas dos Goya entregados a comezos de marzo fose tan anodina coma desacertada (o das 13 posibilidades de Adú, de Mediaset, é para repensalo todo). As miñas preferencias recaían nos documentais El año del descubrimiento, Anatomía de un dandy ou My mexican bretzel (ao que xa dedicamos aquí unha valoración), e nun tempo onde procuramos fuxir da realidade semellaba máis que significativo.

Porén, podo recoñecer certa querenza por Sentimental. Os conflitos de parella protagonizados por personaxes de clase media-alta, con marcado carácter urbano e a miúdo reparto coral, caracterizaron o cinema de Cesc Gay desde os seus comezos. O último traballo do director catalán adaptaba un texto teatral propio, Els veins de dalt, estreado en Barcelona en 2015 e versionado ao castelán ao ano seguinte. Conta a historia de Julio (Javier Cámara) e Ana (Griselda Siciliani), unha parella estable que levan xuntos o tempo suficiente para ter perdido a paixón e que o aburrimento gañase terreo. Unha noite convidan a cear aos veciños do piso de arriba, Laura (Belén Cuesta) e Salva (Antonio San Juan), unha parella máis nova e ruidosa nas prácticas sexuais, que esperta fondas antipatías en Julio.

O filme non oculta a súa orixe teatral, e esa conxunción de dúas parellas afrontando roces e tensións entre as paredes dunha casa lembroume a Un dios salvaje de Yasmina Reza (adaptada ao cinema polo propio Polanski). Iso si, desta volta o enfoque de Gay constrúese desde o prisma da comedia onde, de feito, o drama existencial como tal non chega a estoupar, e aí pode radicar unha das feblezas da película. Sobresaen os acertos na construción de personaxes, a calidade do guión, dos diálogos escritos con descaro e credibilidade que desembocan nunha montaña rusa verbal tan hilarante coma absurda. Con planificación clásica, na cinta latexa o convite ao sorriso e ao riso, e as interpretacións do cuarteto protagonista están á altura: o cinismo de Cámara, a arrogancia de Cuesta, o descaro de San Juan e a rebelión (e revelación) de Siciliani.

Sentimental é entretida sen chegar a sonar ridícula, algo que a priori non semellaba doado. Unha volta de torca sobre iso das relacións humanas, das mesquindades, das frustracións e dos desexos equiparados cos dos outros. Algo mesmo acaído no ano que pasamos máis tempo en pixama.