POLÍTICA, TOGAS E INDULTOS

| Sen categorizar

por Luís Álvarez Pousa

A actualidade política mistura conflitos de natureza ben distinta, pero difundidos mediante unha semellante estratexia comunicativa. Utilizando para iso técnicas propagandísticas que fan da linguaxe un artiluxio cirúrxico co que dramatizar ou no seu caso enmascarar os excesos. Así, para a maior parte dos medios os misís e os drons cos que Israel esmagou por terceira vez edificios e vidas inocentes en Gaza son un instrumental defensivo e os cohetes de Hamás en cambio son un instrumental terrorista. Todo vale no afán por descontextualizar a cronoloxía da violencia que desde 1948 veu facendo de Palestina e dos palestinos un obxetivo a aniquilar.

Mantendo activado o mantra do golpismo é como o nacionalismo político, xurídico e mediático español forzou tamén entre nós un relato hiperdramatizado co que xustificar unha sentenza de marcado instinto patriótico contra os líderes do independentismo catalán. Coa idea, cabe pensar, de obviar a realidade facendo que un problema de natureza política quede para sempre atrancado no patio traseiro do Poder Xudicial. É ao que obedece que eses sectores sigan negándolle o carácter de presos políticos a quen, como é o caso dos Jordi, foron condenados por idénticos motivos que en Venezuela o fora Leopoldo López, neste caso co agravante diferencial da violencia, ao que reivindicaron en cambio por esa súa suposta condición.

O conflito palestino e o conflito catalán sobreviven en contextos moi diferentes, pero ningún deles poderá saír do círculo vicioso no que entraron sen antes renunciaren os actores con máis poder ás prácticas de obstrución, violencia (física ou institucional), represión e manipulación comunicativa. Eis polo que, tras asumir á fin o presidente Sánchez que o de Catalunya é moito máis ca un problema de convivencia, e aprestarse por iso a darlle canle política rescatándoo definitivamente das togas, un ve con certo optimismo ese porvir, á inversa do prognóstico que un fai para o dos palestinos.

Calquera fórmula que se utilice para chegar a unha solución política pasa porque os presos volvan antes ás súas casas. É a hora da política, non a dos tribunais. Cousa que seguen sen entender os maxistrados do Supremo, que xulgan inaceptable esa posibilidade. Xa non a través dunha amnistía, da que se beneficiou no 36 e en circunstancias semellantes o goberno da Generalitat, mesmo a través dun indulto, que repara só en parte o desproporcionado (e vingativo) castigo por convocar un referéndum ilegal. Outros famosos indultados —o golpista Alfonso Armada do 23-F, os socialistas Barrionuevo e Vera condenados polos crimes do GAL, medio cento de torturadores policiais…— tiveron no seu momento o respaldo de tan alto tribunal.

Pode que indultar aos presos políticos do procés, e en medio do ruído que o nacionalismo político, xudicial e mediático vai xerar por elo, teña un alto custo para o Goberno. Pero hai razóns de xustiza, de equidade e utilidade política que o xustifican. Como o xustifica que non quede asentada a idea, tan perigosa en democracia, de que sacar os tanques á rúa sae moito máis barato que poñer urnas nela.