por Enrique Sáez Ponte
Que o tsunami Tanxugueiras non encaixa na marca España viuse no festival montado por TVE en Benidorm para seleccionar a canción que nos representará en Eurovisión. Gañaron con claridade no voto popular, tanto no dos 350 cidadáns escollidos para emitilo telematicamente como no dos emitidos por internet. Foron as mellores, as máis orixinais e cos pés na Terra, título da canción. O Xurado tiña votos para cambiar o resultado e fíxoo; xa tentara eliminalas en semifinais para que colara mellor, pero non cargou a man o suficiente e viuse sorprendido polos votos do público. O sábado estaba advertido. Esmagounas.
Gañou SloMo, a proposta de Chanel (45 votos populares) grazas aos “expertos” conxurados en evitaren dixestións políticas complicadas. Quizais tamén consideraron que o espectáculo das galegas era “vulgar”, un prexuízo estendido sobre a nosa xente con raíces rurais. As propostas favoritas dos cidadáns ocuparon os dous seguintes lugares: Rigoberta Bandini, con Ay Mamá (46 votos populares), reivindicaba as tetas das mulleres e esquecía unha aga inicial e Tanxugueiras, con Terra, poñían en valor unha milenaria cultura que non é o flamenco nin a xota. As nosas obtiveron o máximo apoio posíbel do pobo español, 60 votos. Situáronse na estratosfera, moi lonxe dos demais.
A montaxe de TVE non está para experimentos. É coincidencia: o día do espectáculo de Benidorm lin en Tempos Novos unha entrevista ao presidente da Corporación de RTVE, J. M. Pérez Tornero, na que presume, entre outras cousas, da maior autonomía que teñen, de que van potenciar os “esquecidos” centros territoriais e a cultura. Tamén indica que están analizando, falando con expertos e estudando situacións doutros países para afinar a estratexia máis acaída para uns medios de comunicación públicos. O de Benidorm no alenta a pensar que eses medios, que pagamos entre todos, sexan quen de asimilaren a realidade dunha España plural con máis peso de ideas feministas ou culturas periféricas, que é o que lles piden os telespectadores co seu voto. Necesitan menos expertos do “correcto” e máis dos que saben o que desexa a xente.
Para protexerse do tsunami Tanxugueiras que anegou Benidorm, unha das presentadoras comentou que Bélxica chegou a seleccionar unha canción en idioma imaxinario, faltoulle engadir que as presenta normalmente en holandés ou francés, os seus dous idiomas oficiais. Nós debemos ser monolingües. Pero non, o galego, un idioma máis antigo que o castelán, permite comunicarnos cos 300 millóns de persoas que falan portugués. España volve ter unha representante estándar que non chegará lonxe, aínda que terá moitísimo apoio oficial despois da cacicada que a empurrou. Perdeu a oportunidade de presentar una canción mellor e de captar quizais o voto de Portugal, tentado por reminiscencias da Terra. Ningún outro país europeo fala español, pero si galego.
Este blog ten especial interese en analizar as dinámicas de fondo que portan noticias que logo se esquecen. Debemos agradecer a Tanxugueiras que nos lembren que a España uniforme, en defensa de intereses radiais, ten moito de falso. España ven de Hispania, o nome que lle deron os romanos á península, e Galicia é a única comunidade que mantén o nome daqueles tempos. Hispania e Gallaecia están agora incompletas porque liscou Portugal. Os galegos somos cada vez máis conscientes delo. No número de xaneiro, ademais de entrevistar ao presidente de RTVE, Tempos Novos inclúe un artigo en portugués e unha entrevista a unha portuguesa, catedrática dunha universidade inglesa e experta en patrimonio cultural, con preguntas en galego e respostas no idioma irmán.
Á España oficial, non ao pobo español como xa se viu, cóstalle moito asumir a diversidade, está aínda moi apegada a Castela e ao castelán. No seo dun mundo cada vez máis interconectado, debería apoiarse con naturalidade nunha cultura que comparte bases comúns con ese Portugal tan próximo e tan esquecido, que ata se borra dos mapas. Que unha nacionalidade histórica teña una lingua propia, compatíbel coa doutro Estado europeo e con proxección mundial, é indixeríbel para os doutores da Universidade do Simple que inflúen moito na nosa política.
O sucedido en Benidorm abre a porta da esperanza, demostra que os españois están máis avanzados e entenden mellor a sociedade do século XXI que unha casta dirixente demasiado afastada dos mares abertos.