BANDA DESEÑADA
Se busca Lucky Luke
Matthieu Bonhomme
Ediciones Kraken
Madrid, 2021
68 páxinas
por Manu Barreiro
Lucky Luke e Jolly Jumper atópanse coas irmás Angie, Bonnie e Cherry que viaxan atravesando o perigoso territorio apache. Luke ofrécese a acompañalas e escoltalas. Sen embargo, axiña descubrirán que alguén puxo prezo á cabeza do vaqueiro. O camiño troca entón nun desafío inzado de perigos que o grupo terá que superar unido e aprendendo a confiaren nos outros.
No actual mercado de banda deseñada francobelga hai dúas tendencias ben diferenciadas en canto a como continuar cos personaxes clásicos. Por unha parte, a dos editores de Astérix que optan pola vía de imitar do xeito máis semellante posíbel os orixinais, tanto no aspecto gráfico como nas historias. Pola outra, a de editores de personaxes como Spirou, Blueberry, Corto Maltés ou Lucky Luke que abrazan a outra vía posíbel, a contraria: buscar autores que os reinterpreten, que os leven ao seu estilo cambiando todo o necesario, tanto nos personaxes como nas historias, mesmo permitindo cambios radicais nos deseños ou no tempo da diéxese, como no último Corto de Martin Quenehen e Bastien Vivès.
Se busca Lucky Luke é, precisamente, paradigma desta última tendencia. Mathieu Bonhomme ofrécenos aquí a segunda entrega da súa propia versión do pistoleiro, e faino coa solvencia e o bo facer que xa amosara no anterior, El hombre que mató a Lucky Luke (historia de evidente inspiración fordiana). Bonhomme leva o personaxe a unha zona moito máis adulta e, valga a expresión, realista. Achégase á imaxe hexemónica dos vaqueiros das películas, busca esa referencialidade nos western clásicos, e insire a Luke nunha liña temporal que o conecta cos universos fílmicos de Hawks e Ford.
Este cambio séntalle de marabilla a Luke, explorando deste xeito todas as posibilidades dun personaxe de tanto éxito, e demostrando que se poden armar distintas liñas de narración sen perder esencias nin depauperar o legado clásico da obra de Morris.
Bonhomme fai gala dun estilo máis ben clásico pero adaptado aos tempos, sen dúbida moi debedor do máis canónico do francobelga adulto. Ese estilo pulcro e elegante de liñas moi definidas encaixa á perfección nesta nova visión.
Esta banda deseñada fará gozar a quen goste das películas máis paradigmáticas do xénero, xa que non agocha a súa referencialidade nin a inspiración nas historias dos filmes da era dourada do cinema de vaqueiros. Unha relectura do personaxe moi interesante e que sen dúbida é un acerto, e semella que traerá aínda moitas máis boas aventuras no futuro.