Acompañaron ao presidente da asociación limiá, Delfín Caseiro, o coordinador do museo Antón Jardón, a secretaria Sabela Rodríguez, e a vogal Mercedez Veites, que tamén é presidenta da asociación de artesáns Limiar.
Xuntamente coa reportaxe documental fixéronlle entrega ao representante da RAG dun exemplar do libro Antoloxía poética de Antón Tovar, editado por Xerais (Vigo, 2023), do que é coordinador e autor da biografía que se inclúe na mesma, o propio presidente do museo e catedrático de Lingua e Literatura Galega, Delfín Caseiro. Esta antoloxía, promovida polo Museo da Limia para divulgar a obra e a vida do escritor, conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, inclúe un prólogo do académico e profesor, Xesús Alonso Montero, 67 poemas do autor e ilustracións do artista Xosé Lois Carreira.
O expediente entregado na RAG comprende noticias xornalísticas referidas á exposición e actos celebrados polo museo no ano 2021, con motivo do centenario do seu nacemento, varios artigos de opinión, asinados por Alonso Montero, Delfín Caseiro, Antón Jardón e Xosé Lois García, así como as acreditacións da asistencia masiva ás tres presentacións da Antoloxía poética no Museo da Limia, Liceo de Ourense e Libraría Cartabón de Vigo.
Entre as adhesións e sinaturas, solicitando a dedicación do Día das Letras Galegas do ano 2024 a Tovar, hai alcaldes e alcaldesas da comarca (Rairiz de Veiga –onde naceu o escritor–, Vilar de Santos, Xinzo de Limia e Trasmiras); parlamentarios; asociacións culturais (Padroado do Museo da Limia, Asociación Limiar, Grupo “Pedro González de Ulloa” de Estudos Históricos da Limia, Centro de Cultura Popular do Limia e Liceo de Ourense –entidade coa que estivo moi relacionado o autor–); escritores (Antón Riveiro Coello, Luis Álvarez Pousa (Director da revista Tempos Novos), Ramón Nicolás, Isaac Alonso Estraviz, Xosé Antón Pérez Bouza (residente en Barcelona), Manuel Fontemoura, Carmen Agulló (Presidenta de la Societat d´Historia de la Educació dels País de Llengua Catalana, filial de l´Institut de estudis Cataláns), Rafael Laso, Federico Cocho, Gonzalo Iglesias Sueiro, Cándido Paniagua, Manuel López Martínez, Xoán C. Domínguez Alberte, César Cunqueiro e Manuel Seoane); investigadores e estudosos (Xosé Carlos Sierra, Antonio Rodríguez Colmenero, Edelmiro Martínez Cerredelo, Antía Quintana, Ramón Quintana, Manuel García Valdeiras, Álex de los Ríos, Avelino Muleiro, Xosé González Martínez, presidente da A. Funcionarios Lingua Galega; Xosé Manuel García Díaz, director UNED Ourense e artístas Plásticos (Xosé Lois Carreira, Baldomero Moreiras).
[ANTÓN TOVAR BOBILLO (Rairiz de Veiga, 1921 – Ourense, 2004) é unha das voces líricas máis importantes da literatura galega na segunda metade do século XX. Poeta maiúsculo, en palabras do académico Xesús Alonso Montero, Tovar é autor de sete poemarios, que van de Arredores (1962) a Cadáver adiado (2001). Creación existencial na procura de entender e explicar a condición humana, que se acrecenta con dous radicais libros de memorias –Diario sin datas (1987) e Diario dun vello revoltado (2001)– e cun sorprendente conxunto de relatos, A grande ilusión e outros contos (1990).]