O LADO ESCURO DOS EÓLICOS

| Sen categorizar

Tense constatado nos últimos meses a chegada de intermediarios, especuladores que ofrecen contratos abusivos aos propietarios de terras, incluso sen teren proxecto eólico ningún, segundo di o Observatorio Eólico de Galicia, co obxectivo de instalar ao largo e ancho do país infraestruturas que non só comportan a implantación das áreas que ocuparían numerosos muiños de vento, senón tamén a apertura de pistas con kilómetros e kilómetros de lonxitude e de máis de seis metros de ancho, e unha amplísima rede (centos de kilómetros) de tendido de alta tensión, imprescindible para o transporte da enerxía producida. A todo iso teriamos que engadir a realización de canteiras nesas zonas e as obras necesarias para construir as pavimentacións, realizar a explanación das zonas, dinamitar as estruturas rocosas que se atopasen meses enormes viais, etc. Como se pode deducir, de ir adiante esta invasión, todas esas obras afectarían fortemente e de maneira irreversible tanto a estrutura rochosa como os solos, os ríos, a flora e fauna, etc., tal e como concretaremos e describiremos neste informe. O “Así non” coreado polos milleiros de persoas que se manifestaron en Compostela contra o que evidencia ser unha pura operación especulativa, ten toda a súa razón de ser.

O negocio é seguro. Con datos do 2013, a facturación dos parques eólicos en Galicia superaría os 700 millóns de euros, cantidade que a día de hoxe se queda moi curta se temos en conta a subida experimentada desde o 2017 no prezo medio do producido, superando os 80 euros/Mw hora. Un negocio redondo, se ademais engadimos o financiamento pola UE de ata o 55% da inversión total realizada neses parques.

Todo iso sen que a normativa legal pola que se rexen actualmente esas infraestruturas coarte no fundamental esa carreira especulativa. Segundo o citado Observatorio, “a lexislación actual de fomento e automatización dos parques eólicos dálle ás comunidades rurais un papel marxinal fronte aos promotores eólicos (…) Non contan con capacidade de decisión e a súa participación limítase a uns poucos trámites administrativos”. É por iso que a distancia entre os muiños e as zonas rurais non se actualizou desde o 2002, a pesar de que as novas tecnoloxías fan que tanto a súa dimensión como a súa potencia sexan moitísimo maiores que os instalados ata entón. E as rendas polas comunidades locais están moi limitadas por mor do marco normativo e a posibilidade de expropiación. En vez de abordar esa actualización lexislativa, o goberno de Feijóo botou man do DOGA para activar unha lei que simplifica tanto a tramitación administrativa, que permite aprobar un complexo eólico en tan só 12 meses.

A sobreexplotación eólica do territorio execútase como se Galicia fose deficitaria en produción de enerxía renovable, e a Xunta quixera aproveitar o baleiro para poñela a producir sen perda de tempo, cando a día de hoxe xa é a comunidade do Estado con máis aeroxeneradores por kilómetro cadrado.

Como se Galicia fose deficitaria en produción de enerxía renovable, e a Xunta quixera aproveitar o baleiro para poñela a producir sen perda de tempo, cando a día de hoxe xa é a comunidade do Estado con máis aeroxeneradores por kilómetro cadrado. Esta sobreexplotación tamén a queren facer froitificar nas rías de Galicia, un auténtico disparate se temos en conta os centos de milleiros de persoas que viven nos seus ecosistemas litorais con vocación ao servizo da pesca, o marisqueo, os cultivos mariños, o turismo e actividades relacionadas con eles, ademais de contar cun intenso tráfico marítimo, e ser zona indispensables para o tránsito e migración de aves.

É o que entenderon no 2009 os deputados e deputadas do Parlamento galego cando por unanimidade rexeitaron a instalación de parques mariños nas costas do país. O actual goberno conservador, en cambio, non só non ten en conta ese solemne pronunciamento, senón que se convirte en actor fundamental á hora de impulsar entre nós a eólica mariña. Con rápida resposta por parte dunha das multinacionais do sector, Iberdrola, que xa presentou ante o Ministerio de Transición Ecolóxica varios proxectos para crear dous parques: o primeiro, San Brandan, a 12 kilómetros da liña de terra ao oeste de Cabo Ortegal, e o segundo, San Cibrao, ao leste deste mesmo cabo, a unha distancia de 13.5 kilómetros. Cada un deles tería unha potencia de 490 Mw producidos por un total de 34 aeroxeneradores ancorados a plataformas flotantes. E despois de Iberdrola virán máis co mesmo obxectivo.

As comunidades de veciños quéixanse de non teren información sobre o que se está cocendo. A Xunta deixouna sen asesoramento xurídico e sen información, e parece mirar cara outro lado mentres as multinacionais aproveitan para levar a cabo o atropelo. O mesmo que no pasado sucedera coa explotación dos ríos galegos, que comportou o espallamento de multitude de embalses especialmente nas provincias de Ourense, A Coruña e Lugo.

Os impactos: numerosos e alarmantes efectos negativos

  1. Efectos xeolóxicos e edafolóxicos

Unha vez alterado, o substrato rochoso, algo único e que levou millóns de anos en formarse, non se poderá rexenerar. Será destruído pola maquinaria pesada para construír pistas, torres de alta tensión, colocar os muiños etc. En Galicia hai substratos graníticos, lousas… e importantes xacementos paleontolóxicos (fósiles de enorme interese), de miles de milleiros de anos, que lle dan base á Historia Xeolóxica de Galicia, a cal constitúe algo único e irrepetible. Hai fósiles precámbricos, fósiles paleozoicos etc, en distintas zonas do territorio..

A lexislación estatal e autonómica obriga a respectar o Patrimonío Xeolóxico, abranguendo este o conxunto de recursos naturais, xeolóxicos, de valor científico, cultural ou educativo, xa sexan formacións ou estructuras xeolóxicas, formas do terreo, rochas, minerais, fósiles e outras manifestacións que permitan coñecer,  estudar  e interpretar a orixe e evolución da terra, os procesos que a modelaron, os climas e paisaxes do pasado, a orixe e evolución da vida. Eis polo que a Xunta ten a obriga de protexer ese patrimonio, polo que, de implantarse os novos muiños de vento, estaría a incumprir a lei.

A destrución de zonas de alto valor ambiental, natural e ecolóxico, especialmente soutos e carballeiras, en moitos casos con árbores centenarias, coa conseguinte deforestación e con efectos negativos na flora e fauna autóctona, faise irreversible alí onde se instalan os parques eólicos, como xa sucede na Serra do Suído, a Cova da Serpe, ou o Xistral.

Ademais, esa operación especulativa causaría a perda de extensas superficies de solo fértil e de solo forestal, que nunca máis volverán ser produtivos. E tamén adversos efectos edáficos, pois os solos teñen unha alta capacidade de retención de auga derivada do seu elevado contido en materia orgánica.

En definitiva, tódolos novos parques eólicos propostos polas eléctricas están enclavados en áreas xeolóxicas e dafolóxicas “sensibles”, áreas que cómpre protexer e conservar.  

  1. Efectos no medio ambiente, en ríos e acuíferos

”A enerxía eólica, ademais de resultar limpa, por no emitir gases á atmósfera contaminates, na súa implantación deberá ser extremadamente respetuosa cos valores ambientais ata o punto de non ocupar espazos de especial protección ambiental “. Lexislación a ter moi en conta á hora de avaliar os proxectos que se presenten.

É verdade que a Xunta impulsou en 2011 e en distintas áreas de Galicia novos espazos para incluilos dentro de Rede Natura, entre eles os de Serra do Suido e A Cova da Serpe. Constituían unhas 150.000 hectáreas. Trátase de ecosistemas fráxiles, de grande valor ecolóxico, con especies de fauna e flora amenazada e/ ou especies de interese. Porén, esta proposta de protección nunca se chegou a enviar ao goberno central, polo que estas boas intencións quedaron en nada.

Os datos son ben claros. Galicia ten só o 11,87% do seu espazo incluído na Rede Natura. É a porcentaxe de áreas protexidas máis baixa de todo o Estado -16 puntos por debaixo da media estatal-. Desde o 2011 ao 2021 pasaron dez anos, tempo máis que suficiente para que a Consellería de Medio Ambiente incluíra todas esas áreas dentro da Rede. A cerrazón da Xunta a ampliar estas zonas de protección choca coas esixencias da Unión Europea, que mantén aberto un procedemento de infracción contra España polo insuficiente número de espazos protexidos existentes nela.

Por outra parte, en moitos casos as zonas lindantes cos espazos de Rede Natura son áreas bioloxicamente sensibles, polo que deberán formar parte tamén dela. Por caso, o entorno do Bosque do Sobreiral do Arnego (na comarca do Deza), ou tódalas áreas con turbeiras (ecosistemas húmidos), ás que aludiremos neste informe. E hai moitos máis. Como quera que non están incluidas na Rede, as empresas enerxéticas aproveitan para solicitar instalarse nelas.

Dáse ademais o paradoxo de que existen espazos incluidos en Rede Natura que son tamén zona LIC (de interese comunitario) e ZEPA (de especial protección de aves). É o caso de Baldaio, cun extraordinario humidal, que está sen embargo moi humanizado: os veraneantes que asentan nos cámpings alí levantados campan polos seus fueros especialmente nas fins de semana do periodo estival. Nesas zonas realízanse a diario prácticas de vó a motor que emiten un enorme ruido, afectando gravemente ás aves, faise uso de parapentes malia estar terminantemente prohibido, apárcanse caravanas e coches enriba das dunas (Areal do Medio), hai motos e coches que suben por riba de zonas que deberán estar protexidas (Areal do Medio e Monte das Saíñas), fanse barbacoas…

Xa que logo, por non estaren protexidas ou por non o estaren debidamente dentro de Rede Natura, ese 11,87% queda aínda máis reducido. O que leva a que nos preguntemos pola inacción da consellería de Medio Ambiente, que é a que ten competencias e responsabilidade ao respecto. E non será porque non se teñan presentado denuncias!.

Se os efectos negativos sobre a flora son alarmantes, serano tamén en relación coa fauna. Mamíferos -lobos, corzos, morcegos, lebres…-, aves, reptís, insectos…etc corren un grave risco de extinción. Algunhas das especies, como sucede coa dos morcegos e os reptís que habitan nos cumios de montaña, son as vítimas máis propicias.

Por mor desa inacción, a Xunta atópase agora coas reclamacións das multinacionais eléctricas que pretenden instalar máis aeroxeneradores precisamente nas zonas que deberan estar protexidas por lei e non o están. De permitirllo, acabarán destruindo de maneira irreversible zonas de gran valor ecolóxico e paisaxístico. Un deses casos témolo no Xistral, que está moi dañado pola implantación das eólicas nel. Nada menos que 30 parques eólicos, con 600 turbinas e dúas decenas de subestacións. A magnitude da desfeita podémola apreciar ao constatar que esta zona ten máis potencia de producción que Asturias, Euskadi e Rioxa xuntas.

Ao dito súmanse os efectos sobre os cumios de moitos montes galegos, nos que as empresas eléctricas solicitan instalar os seus artefactos eólicos, sabedores de que é neles e nas zonas costeiras onde o vento sopra con maior intensidade. As montañas constitúen a reserva híbrida de primeira magnitude para o resto dos ecosistemas que están situados debaixo deles. Asemade, os ríos nacen precisamente neses lugares, véndose por iso tamén moi afectados. Outros efectos destrutivos padéceo a vexetación desas zonas, como as matogueiras e toxeiras, que malia non dárselles polo xeral un valor especial, son as encargadas de reter a humidade existente, algo indispensable para o bo funcionamento dos ecosistemas. Coa instalación deses parques eólicos, a auga deixa de infiltrarse e de conservarse nos cumios, pois que será canalizada, producíndose unha enorme escorrentía e unha grande erosión.

Tamén teñen consecuencias negativas para os acuíferos e as augas do subsolo. Por caso, as que se darían co proxecto de alta tensión entre a subestación Orrea e a subestación de Mesada, en A Golada/Vila de Cruces, onde se está vulnerando a normativa marco da auga por mor da ausencia dun estudo hidrolóxico previo á súa aprobación. E para nos ríos das zonas afectadas, pois que o aporte hídrico dos cumios vai ser moi escaso ou nulo, como  xa se dixo. Vanse producir por iso cambios nos ecosistemas que dependen do líquido que chega das zonas altas, sufrindo as consecuencias directamente as poboacións humanas, a agricultura, as masas forestais, etc.

É en base a eses efectos negativos polo que a Directiva Marco da Auga (DMA) afirma que en situacións deste tipo é imprescindible preventivamente un estudo hidrolóxico e hidroxeolóxico que garanta en todo caso que yanto os acuíferos como a calidade das masas de auga, tanto superficiais como soterradas, non resulten afectadas.

  1. Efectos moi negativos e irreversibles na paisaxe

As eólicas nunca se instalan en zonas degradadas, ou en áreas industriais: interésanlle ás electricas os cumios de montaña, zonas altas e ventosas. Isto trae como consecuencia un enorme impacto na Paisaxe. Con evidentes repercusións no turismo.

Eis polo que se pode afirmar que a instalación de eólicas é incompatible co turismo.  Como é sabido, o turismo xera 150.000 postos de traballo directos e moita riqueza en Galicia. Unha paisaxe alterada implica zonas ás que a xente que nos visita acaba non acodindo. Nesa situación temos xa as zonas do Camiño de Santiago, as rutas ata Fisterra e toda a franxa costeira ou mariña  -por caso, os Penedos de Pasarela e Traba, Carnota, Lira, Laxe, Razo,Traba, Trece etc-, así como, entre outras, as montañas orientais galegas, que deberían estar exentas de parques eólicos. A preocupación polo impacto sobre esas e outras paisaxes territoriais está ausente en tódolos proxectos eólicos que pretenden instalarse en Galicia.

Os parques devalúan as economías locais e, en consecuencia, a calidade de vida das xentes do rural. É o que pode chegar a contecer, por caso, en Mesía, onde se pretende instalar o de Gasalla, a un kilómetro tan só da Casa Grande de Xanceda, que xa se convertiu no primeiro produtor ecolóxico (lácteos e derivados) de Galicia, dándolle emprego directo a medio cento de persoas.

E non será porque non existan normativas para a protección da paisaxe. Por caso, a que lle dá contido ao convenio europeo de protección aprobado no ano 2000, e ratificado no 2007. Alúdese nel á existencia dun procedemento para a participación pública. Pero, claro, ao non proporcionarlles a Xunta a información que necesitarían ter para analizala e no eu caso enxuiciala, as asociación veciñais e a cidadanía galega en xeral nunca van poder acollerse a esa normativa para participar activamente nos procesos públicos de solicitude e concesión dese tipo de proxectos. O goberno de Núñez Feijóo incumpre o lexislado, e mantense á marxe, como se esa enorme problemática non lle incumbise.

  1. Efectos na biodiversidade (flora e fauna)

A destrución de zonas de alto valor ambiental, natural e ecolóxico, especialmente soutos e carballeiras, en moitos casos con árbores centenarias, coa conseguinte deforestación e con efectos negativos na flora e fauna autóctona, faise irreversible alí onde se instalan os parques eólicos. Faise inviable a recuperación da biodiversidade, incumplíndose así a Directiva 92/437CEE relativa á Conservación de Hábitos Naturais, Flora e Fauna. Por caso, na Serra do Suído, A Cova da Serpe, Xistral, entre outras.

Os efectos sobre a flora son, en efecto, moi negativos. Especialmente no caso de algunhas especies ubicadas en zonas de alta montaña. Trátase dunha vexetación en moitos casos endémica que só medra a certa altitude nos nosos montes. Co desbrozamento dos terreos elimínase toda a cuberta vexetal existente dun xeito irreversible, e alimínase xa que logo toda a fauna asociada a ela.

É o que comporta tamén a destrución das turbeiras, transformándoas de humidais en pastizais, coa conseguinte desaparición dun bo número de especies. As turbeiras son humidais de montaña que funcionan como escudos naturais contra o cambio climático, pois captan unha maior cantidade de CO2, e forman ecosistemas moi fráxiles, polo que as autoridades comunitarias veñen adventindo sobre a súa desprotección. Con maior razón cando se trata das turbeiras de Galicia que, segundo o grupo de investigación Ciencia del Sistema Tierra da USC, son as que máis carbono secuestran a nivel mundial. Abundan no Xistral (zona na que a Xunta permitiu que se instalasen no seu día numerosos parques eólicos). E son zonas precisamente nas que as compañías eléctricas, aproveitando a desidia do goberno galego actual, pretenden ampliar os parques existentes con outros oito novos proxectos. Se os xa instalados alteraron gravemente ese ecosistema, a súa ampliación destruiríano definitivamente, tendo en conta como xa quedou descrito que á montaña de muiños hai que engadirlle a apertura de grandes e numerosas pistas para levar por elas a maquinaria necesaria, a instalación do cableado de alta tensión, etc.

Existen outras zonas de turbeiras na serra da Cova da Serpe -entre A Coruña e Lugo-, outro dos lugares para os que no 2011 anunciara a Xunta a súa protección convertíndoa en zona LIC (de interese comunitario), anuncio que finalmente quedou en nada. É onde a empresa Greenalia pretende instalar varios aeroxeneradores. Outro tanto sucede coas turbeiras da Serra do Suído (no sur da provincia de Pontevedra), igualmente na lista das promesas incumpridas de protección e declaración de zona LIC pola Xunta, onde se queren instalar oito novos parques eólicos, aos que habería que sumar outros doce na súa contorna. Ten ademais unha significativa importancia este ecosistema porque se o condidera vital para o abastecemento de auga na comarca de Vigo.

E estamos a falar do que, por terse estudado ou investigado, é o que máis coñecemos. Porque, como subliña o profesor X. Izco, “queda moito por coñecer. Entidades aínda non estudadas, nos descritas, que poden estar a punto de perder tódolos seus efectivos, plantas a punto de extinguirse sen que chegaramos a saber da súa existencia”. Razón de máis para que as turbeiras galegas xa estivesen protexidas por lei.

Se os efectos negativos sobre a flora son alarmantes, serano tamén en relación cos que penden sobre a fauna. Mamíferos -lobos, corzos, morcegos, lebres…-, aves, reptís, insectos…etc corren un grave risco de extinción. Algunhas das especies, como sucede coa dos morcegos e os reptís que habitan nos cumios de montaña, son as vítimas máis propicias.

A invasión eólica asenta en enclaves nos que hai un patrimonio incalculable que ás veces se descoñece e está sen inventariar (petróglifos, mámoas, etc.) e que pode desaparecer, como sucedería no entorno do Sobreiral do Arnego (Agolada, Vila de Cruces), onde se pretende instalar unha liña de alta tensión, ou no Macizo Central, espazo de enorme interese ecolóxico e patrimonial ameazado polo parque eólico de Rebordechao.

Para mostra, o acontecido no parque eólico de Cavaz (Navarra), onde se constatou a morte de 113 aves en tan só dez meses, a maioría delas rapaces, que están protexidas por lei, afectando a súa merma ou desaparición ao resto dos elos da cadea trófica (tan decisivo para a conservación do ecosistema). O investigador Eduardo Navascues asegura que no citado parque navarro “muere un buitre cada tres días”, ao que se engade, di, un centenar máis de especies protexidas. Describe os parques eólicos como “trampas mortales”, porque estando como están ubicados nos principais corredores de vento, que son as principais vías de tránsito de multitude de especies de aves, ocupan o espazo que estas aves necesitan para voar. Pola súa banda, a Sociedade Española de Ornitología (SEO) constata que “en un núcleo poblacional de 60-70 parejas nidificantes de águila real (Aquila chrysaetos) con numerosos polígonos de energía eólica, se registró la muerte de 30-40 ejemplares de la especie cada año”. Outro investigador (Hunt, 2002) alude a que os múltiples aeroxeneradores causaron o 42% das mortes totais de águias reais.

Dáse tamén o chamado efecto barreira. Como xa queda subliñado, os parques eólicos son unha barreira tanto para o movemento polas rutas migratorias das aves e morcegos, como para o seu sostén por seren zonas que empregan para a súa alimentación e descanso, véndose obrigadas a desprazarse fóra dos seus hábitats naturais, o que ten consecuencias negativas sobre a reproducción e a supervivencia. A taxa de mortalidade tense demostrado -por caso, en estudos feitos nos EE.UU.- que é maior entre as aves migratorias que entre as residentes. E tamén que se aumenta máis a altura dos aeroxeneradores, como é o caso dos novos muiños de vento que posúen unha tecnoloxía renovada, aumenta tamén nesa proporción a taxa de mortalidade (Kingley et al., 2007)

No que respecta aos morcegos, insectívoros que se alimentan de couzas, moscas, mosquitos, e tamén de arácnidos preferentemente, hai que subliñar o papel ecolóxico que cumplen, pois controlan que non se produza unha excesiva proliferación dos animais que os depredan. En Galicia hai aproximadamente 26 especies de morcegos, e tres deles están en perigo de extinción. A iso poden contribuir os novos parques eólicos. Moitos destes animais morrerán por esa causa. Os parques son para eles verdadeiras trampas mortais. E pérdese con eles ese seu labor ecolóxico, tan importante. De feito, hai estudos que indican entre 6,3 e 99 morcegos mortos nun ano por cada aeroxenerador, o que supón unha magnitude de decesos aínda maior que nas aves.

Como se a flora e fauna non estivese xa sometida nas últimas décadas a perigosos procesos destrutivos (o libro A natureza ameazada. Xea, flora e fauna de Galicia en perigo, do profesor Díaz Fierros et al., Santiago, 1989), agora veñen os parques eólicos a consumalo.

  1. Humanización do territorio e efectos sobre as poboacións

Os parques eólicos destrúen de maneira irreversible os que, por mor albergar unha enorme variedade de especies de flora e fauna que non sobreviven noutros lugares que non sexan os ecosistemas de alta montaña, son ou constitúen verdadeiros santuarios biolóxicos. Zonas estas que viñeran sendo de difícil acceso para o home, o que as mantiña virxes, e que agora sufren os efectos invasivos dos parques.

Pero os paques eólicos teñen tamén unha grave incidencia nos modos de vida das xentes do rural. Como se sabe, a Galicia continental está adicada fundamentalmente aos sectores gandeiro, agrícola e forestal. E sobre eles caen tamén os efectos destrutivos das eólicas. Nalgunhas das aldeas que están próximas a eses parques, esas explotacións estanse vendo obrigadas a pechar ou no seu caso a cambiar, e con elas o xeito tradicional de vida dos seus habitantes. Devalúan por iso as economías locais e, en consecuencia, a calidade de vida das xentes. É o que pode chegar a contecer, por caso, en Mesía, onde se pretende instalar o parque eólico de Gasalla, a un kilómetro tan só da Casa Grande de Xanceda, na que a empresa que a rexenta é produtora de lácteos e derivados, e xa se convertiu no primeiro produtor ecolóxico de Galicia, dándolle emprego directo a medio cento de persoas. Unha empresa das que precisa o país, porque son sostibles, aportan beneficio ao rural e fixan poboación, todo o contrario do que reportan as eólicas.

A todo iso engádense os posibles efectos que a rede de alta tensión pode provocar contra a saúde das poboacións humanas que habitan en aldeas ou vilas próximas. E outros que son producidos polo ruído que xeran tanto mecánica como aerodinamicamente os muiños de vento, e antes da súa instalación polo xerado pola maquinaria, o tráfico de camións, os traballos na canteira, o talado das árbores, etc, afectando tanto aos humanos como aos animais. Téñase en conta que en certos casos a distancia entre estes aeroxeneradores e as casas é mínima (menos de un kilómetro).

  1. Efectos culturais

A invasión eólica dunha boa parte do territorio galego, en moitos casos en enclaves únicos que deberan estar protexidos legalmente, e nos que hai un patrimonio incalculable que ás veces se descoñece e está sen inventariar (petróglifos, mámoas, etc.), é unha absoluta temeridade. Porque poden desaparecer. Iso é o que, por caso, sucedería no entorno do Sobreiral do Arnego (Agolada, Vila de Cruces), onde se pretende instalar unha liña de alta tensión, ou no Macizo Central, espazo de enorme interese ecolóxico e patrimonial que ten enriba a ameaza que representa o parque eólico de Rebordechao.

Ademais de petróglifos, mámoas, castros, etc., de gran valor histórico e arqueolóxico, nalgunhas destas e outras zonas tamén hai balados de pedra, corredoiras, antigos camiños de carro…directamente afectados, ou que están en áreas próximas e corren tamén o risco de seren danados ou incluso destruídos. É o caso, entre outros, de Corme, onde se atopan os petróglifos da Campaíña, unha das zonas máis singulares do país, pero que está rodeada dun parque eólico.

Unha das razóns polas que a Unesco vén de rexeitar a declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade é precisamente a existencia nela de numerosos encoros e enclaves eólicos. Tamén por mor da existencia de parques eólicos nos seus entornos, xa rexeitara a mesma declaración para as igrexas románicas de Cantabria. Por que segue gardando silencio ante o que está sucedendo a Dirección Xeral de Patrimonio do goberno galego, estando como está obrigada a cumprir as leis de Patrimonio Natural e de Patrimonio Cultural, coas que sería posible parar a desorde que impera na diseminación de aeroxeneradores?

  1. As eólicas tamén contaminan

Nun periodo de 5 a 10 anos, os aeroxeneradores de primeira xeración son sustituídos por outros máis modernos. É o que se denomina repotenciación. O problema reside en que, coa tecnoloxía actual, as pas destes artefactos non son reciclables (unha pa mide 20m., o conxunto de rotor e pas pesan 8 Tm). Que se fai con elas? Algunhas delas, moi poucas, son reutilizadas noutras instalacións eólicas, pero a maioría son ou incineradas (contaminación ambiental) ou depositadas en vertedoiros (contaminación visual e espacial). É outro dos lados escuros das eólicas do que non se fala. Actualmente, só Alemania, Austria, Paises Baixos e Finlandia prohibiron estes vertedoiros.

Poden contarse cos dedos dunha man os centros que son capaces de reciclar pas eólicas. A empresa danesa Vestas afirma poder reciclar ata un 40% das pas, pero aínda que fose así, que se fai co 60% restante? Este problema non deixará de crecer. Calcúlase que en 2050 existirán entre 200.000 e 300.000 Tm deste tipo de residuos.