O IMPERIO DA MODERACIÓN E A XANELA DE OVERTON

| Sen categorizar

por Manuel M. Barreiro

O primeiro é unha adaptación da fin de historia de Francis Fukuyama: o réxime autonómico é a estación terminal do noso autogoberno. A Autonomía, dísenos, é a fin do autogoberno e a cancelación inevitable de todo horizonte soberanista no presente e no futuro.

O segundo relato identifica a Autonomía como o motor do progreso e superación do atraso. A comparanza da Galicia de 1981 coa de 2021, que ofrece poucas dúbidas sobre os avances, é unha mala explicación funcional (houbo progreso porque temos Autonomía) e unha aplicación doméstica do There is no alternative, que vale para acreditar a existencia dunha única política posible e glorificar a dirección conservadora do noso autogoberno. Había outras vías de progreso que foron descartadas polos gobernos conservadores.

Fóra de relatos, desde 2009 a distancia entre a narrativa oficial e o mundo real é abisal. En 40 anos de Autonomía nunca foi maior o afastamento entre as políticas da Xunta e a atención dos obxectivos encomendados polo Estatuto do 81.

Os dous relatos reitéranse para certificar que só é posible un Réxime de Autonomía Conservadora e que este cumpre eficazmente a súa misión institucional: afianzar un sistema de autogoberno democrático expansivo co recoñecemento e exercicio de novos dereitos e liberdades; crear un marco de políticas públicas para soster un desenvolvemento socioecónomico solidario, igualitario e sustentable; e ser un instrumento de normalización da cultura e lingua propia.

Fóra de relatos, desde 2009 a distancia entre a narrativa oficial e o mundo real é abisal. En 40 anos de Autonomía nunca foi maior o afastamento entre as políticas da Xunta e a atención dos obxectivos encomendados polo Estatuto do 81.

Os males do corazón da democracia

Celebrouse en decembro o XL aniversario da constitución do Parlamento. A efeméride fundacional: a cámara lexislativa galega iniciou as súas sesións o 19 de decembro de 1981. Ende mal, poucos teñen señardade daquel primeiro Parlamento sen maiorías absolutas e cunha composición pluripartidista que obrigaba a acordos e transaccións. Pola contra, o actual Parlamento corre o serio perigo de se converter nun apéndice do Executivo para a ratificar decisións gobernamentais ou ser un plató presidencialista para maior enaltecemento de Núñez Feijóo.

«O parlamento é o corazón da democracia. E o parlamento deixou de corresponder aos seus fins e perdeu a súa autoridade e a súa función no organismo democrático. A democracia morre de mal cardíaco». A sentenza de Juan Carlos Mariategui cobra renovada actualidade. As sondaxes evidencian a escasa querenza cidadá polas institucións representativas, desvalorizadas polo descrédito dos partidos. Malia que os parlamentos «autonómicos» xeran menor desafección que o Congreso e o Senado, están ben lonxe de recibir o aprobado dos gobernados, por máis que o oficialismo insista en que representan o pobo e garanten que as políticas públicas son deseñadas atendendo á vontade cidadá.

A presidencialización dos sistemas parlamentarios aviveceuse a causa do estado de excepción forzado pola pandemia. Resulta máis cómodo gobernar sen o Parlamento e os seus rigores lexislativos. Da ducia de novas leis que Feijóo se comprometeu a aprobar en 2020 tan só dúas concluíron a súa tramitación.

O parlamentarismo apenas cotiza nos medios de comunicación que máis mandan en Galicia. Hai tempo que se editan ignorando o principio de Will McAvoy, o protagonista de The Newsroom de Aaron Sorkin, para quen a misión esencial é informar criticamente sobre aquelas cuestións que os cidadáns han de ter en conta cando teñan que escoller unha papeleta. Entre nós, impera a crónica parlamentaria como banalización epidérmica do taquigrafado no Diario de Sesións, cando non como submisa veneración ao Presidente ou servil flaxelo da oposición.

A presidencialización dos sistemas parlamentarios aviveceuse a causa do estado de excepción forzado pola pandemia. Resulta máis cómodo gobernar sen o Parlamento e os seus rigores lexislativos. Da ducia de novas leis que Feijóo se comprometeu a aprobar en 2020 tan só dúas concluíron a súa tramitación. Non lle urxe porque non lle presta.  Hai atallos máis cómodos. Por iso, faise un uso abusivo da Lei de acompañamento dos Orzamentos para impulsar mancheas de mudanzas lexislativas. Na última tirada, en 27 leis, entre moitas outras, as do solo, o emprego público, os servizos sociais ou a vivenda protexida.

No discurso de apertura da conmemoración do XL Aniversario do Parlamento, Miguel Ángel Santalices incluíu unha nota crítica: «Precisamos un Parlamento en contacto permanente coa xente, que escoite a xente, fale como a xente e responda ás necesidades da xente, tamén, e moi especialmente, ás dos que non se senten de todo identificados coas institucións». Como é lúcido, a Santalices non se lle escapa que o principal obstáculo para avanzar nesa dirección é o seu propio partido e que esa conexión entre Parlamento e preocupacións cidadás é do interese da oposición pero nunca do PPdeG.

Tampouco é que exista unha gran devoción parlamentaria no PSdeG e o BNG. No seu último Congreso, os socialistas elixiron por terceira vez consecutiva un secretario xeral que non ocupa escano. A emenda ás políticas de Feijóo que dirixirá Valentín González Formoso farase, institucionalmente, extramuros do Hórreo e cimentarase no poder local e na Delegación do Goberno que, desde o nomeamento de José Miñones, exerce como un activo heraldo das bondades do Executivo de Sánchez e un tímido fiscalizador de Feijóo.  Luís Álvarez, o novo voceiro socialista no Hórreo, moito terá que espelirse para suplir a ausencia de Formoso e o morno antagonismo de Miñones.

Na súa relación co Parlamento, o BNG ten que xestionar un pasado incómodo. Fixo balance o xornalista Manuel Veiga: «Parlamento de cartón, parlamentiño, telegaita, autoanemia (por autonomía), son clixés nacionalistas para descualificar, en diferentes momentos, institucións galegas. Un erro grave de enfoque. […] As institucións galegas, creadas na Transición foron subestimadas e tamén criticadas desde a raíz».

A expulsión de 3 deputados do BNPG-PSG por non xurar a Constitución en 1982 é un episodio de aplicación do dereito penal do inimigo que non caeu no esquecemento. A última manifestación dese desencontro foi a negativa do BNG a dedicar unha sala do Pazo do Hórreo a Antonio Rosón, primeiro presidente do Parlamento, pola súa participación no golpe do 36 e, non menos relevante, polo seu papel na expulsión da cámara de Bautista Álvarez, Lois Diéguez e Claudio López-Garrido.

O alargamento da base do BNG agarda unha tripla concreción: como expansión electoral, como ampliación da súa transversalidade social e como creación dun espazo de participación e organización partidaria máis amigable, pero tamén precisa dunha nova estratexia de uso do Parlamento de Galicia que vaia máis alá da caixa de resonancia ou a tribuna de denuncia e fiscalización do Goberno.

Cando menos, cómprelle intensificar o uso o poder relacional do Parlamento para coordinar  e facer converxer as moitas e dispersas mobilizacións cidadás que confrontan as políticas do PPdeG. E máis, o atinado encadramento de Feijóo como «buscador de culpables pero non de solucións», para ser eficaz, esíxelle o BNG facerse partido de goberno ofrecendo «as súas solucións»; isto é, deseñando e expoñendo políticas públicas alternativas con solucións practicables que estean aliñadas coas demandas cidadás críticas que mal cadran coa xanela de Overton actual que tanto lle reina ao PPdeG.

O peche da xanela de Overton

Un dos maiores éxitos da hexemonía conservadora feixoniana é achicar o campo do posible, do desexable e do necesario. O seu marco xeral — o imperio da moderación— está afianzado tras o triunfo nas eleccións de xuño de 2019, aínda que pasa desapercibido por mor do ruído que provocan as operacións de baleirado político do Parlamento para convertelo nunha liga de debate estéril ao redor das guerras culturais do telladismo e os fakes da factoría conservadora.

A xanela de Overton é cada vez máis cativa por mor do imperio da moderación que proclama Feijóo e santifica a inmensa maioría dos medios galegos. Joseph P. Overton investigou como  agrandar o catálogo de políticas que se poden considerar socialmente asumibles. A fiestra sinala a folganza e pluralidade de opinións aceptables (defendibles no espazo público por un partido sen ser descualificado) e que, ao cabo, trazan o campo onde construír maiorías electorais.

A historia do autogoberno galego tamén pode ser narrada como a involución de todo o que era «político» hai catro décadas e hoxe é etiquetado como «impensable» ou «radical». A submisión ao imperio da moderación como vía para progresar electoralmente é unha perigosa rateira para quen aspire a liderar o cambio político.

Overton definiu a secuencia da incorporación de novas ideas e políticas á axenda pública: impensable – radical – aceptable – sensato – popular – político. O tránsito é bidireccional e ideas de rango político-popular-sensato-aceptable poden ser desterradas á estrema do radical-impensable. Esa foi a malfadada sorte que correu, por exemplo, o programa redistributivo da socialdemocracia europea tras o triunfo da revolución neocon.

A historia do autogoberno galego tamén pode ser narrada como a involución de todo o que era «político» hai catro décadas e hoxe é etiquetado como «impensable» ou «radical». En Galicia, a submisión ao imperio da moderación como vía para progresar electoralmente é unha perigosa rateira para quen aspire a liderar o cambio político. Precisamos, entre outras moitas cousas, dun Parlamento con partidos que abran a xanela de Overton e eviten que a tapie de vez o Partido Popular.