por Albino Prada
Xusto este ano cúmprense os vinte anos do nacemento da Wikipedia (o 15 de xaneiro de 2001 en inglés, e o mes de agosto de 2003 en galego á Galipedia), antes de que remate o 2021 parece xusto reflexionar brevemente sobre un fenómeno cultural sen precedentes. Máis aínda se constatamos a súa ausencia de mercantilización (publicidade, cotas) e o traballo colaborativo de milleiros de voluntarios en todo o mundo. Un esforzo que actualmente se sitúa como o 13º sitio de internet máis visitado.
De maneira que na primeira década deste século XXI consolidouse un esforzo cultural sen precedentes na historia da humanidade: unha enciclopedia de libre acceso. Sen precedentes desde o punto de vista cuantitativo, porque habería que retroceder moito máis lonxe que as enciclopedias de Diderot ou Britannica (século XVIII), e remontarse até a chamada Yongle Dadian da China do século XV (que se di que constaba de once mil libros).
A Wikipedia tería superado, xa en 2007, con dous millóns de artigos esa monumental referencia chinesa (Galipedia vai polos douscentos mil). E tamén o tería superado na súa dispoñibilidade para millóns de usuarios, no feito de que as consultas sexan realmente gratuítas ou na permanente actualización dos seus contidos.
Deste xeito teríanse feito realidade as propostas realizadas por H.G. Wells nunha serie de conferencias impartidas nos anos 1936-1937 entre Gran Bretaña e EE.UU. plantexando a necesidade dunha Enciclopedia Mundial Permanente:
“unha Enciclopedia Mundial, pola súa propia natureza, terá que ser o que se coñece por liberal. Unha Enciclopedia dirixida a toda a humanidade non pode admitir dogmas limitados sen admitir ao mesmo tempo críticas correctoras. Haberá que protexerla editorialmente con extremo celo contra a invasión incesante da propaganda restritiva. Terá un matiz xeral do que moita xente chama escepticismo”. E Wells engadiu, xa no século pasado, que “chegou o momento no que calquera estudante, en calquera lugar do mundo, poderá sentarse diante do seu proxector no seu propio estudo e examinar calquera libro, calquera documento ao seu antollo”, ou que “toda a memoria humana pode chegar a ser, e probablemente será en breve, accesible a calquera individuo”. Engadiu que “voar era un soño utópico hai un terzo de século. O que estou a presentarlles é unha proposta perfectamente razoable, sólida e posible”.
Non estaba errado. Son enfoques asumidos hoxe nas políticas aplicadas pola Galipedia-Wikipedia en canto ás guerras de edicións, artigos vandalizados, neutralidade de contidos, diversidade de puntos de vista, civismo, consenso, punto de vista neutral, verificabilidade, etc. Nun proxecto de tal envergadura -e con apenas dúas décadas de vida- é meritorio que os seus responsables recoñezan os seus puntos débiles en canto a fiabilidade ou precisión. Así, os responsables da Galipedia-Wikipedia non renuncian a superar en papel o estándar de calidade dos seus mellores antecesores.
Porén, aínda que salientamos o excepcional logro non comercial (e publicitario) da Galipedia-Wikipedia a escala global, hai que ter en conta que non é o mesmo mover e almacenar información que transmitir coñecemento. Porque como na ficción de Borges Funes el memorioso, un personaxe capaz de lembrar todo podería encarnar xusto o contrario da idea de cultura.
Ademais, a enciclopedia de acceso aberto Galipedia-Wikipedia baséase no traballo colaborativo e sen publicidade. Unha opción de éxito global que faría desaparecer o intento de Microsoft (coa súa enciclopedia Encarta) de ser a alternativa de mercado ao canon do que se vende en papel, e non barato, que durante décadas foi a Enciclopedia Británica.
A Galipedia-Wikipedia é un magnífico exemplo de como a tecnoloxía dixital e a IA non teñen necesariamente que engordar un típico megamonopolio capitalista. Tamén un exemplo de como socializar o potencial das novas tecnoloxías no canto de que estas contribúan a limitar e xerar mercados (monetizar agora chámase) cuasi monopolístico.
Un exemplo que habería que trasladar á xestión (local e non sempre estatal) de megadatos como defende o Open Data Institute (http://theodi.org/team) e noutras iniciativas do pioneiro da web Tim Berners-Lee.
Nin monopolios de mercado nin de Estado; pero si, un crecente procomún colaborativo baseado nun traballo liberado da dedicación ao ben colectivo. Unha alternativa esencial aos infomonopolios e ao hipercapitalismo cognitivo.
A Galipedia-Wikipedia é un magnífico exemplo que encaixa nos atributos dunha sociedade digna, onde se excluyen do mercado e dos prezos aspectos fundamentais do benestar social.
O texto anterior provén destes libros do autor:
· Camiños da incerteza, 2020, p. 59-60
· Crítica del Hipercapitalismo Digital, 2019, p. 128-129