GALICIA 2022. AXENDA NON AUTORIZADA XI [COMUNICACIÓN]

| Sen categorizar

por Carlos Montenegro
Xornalista

Desalambrada mediática

Comunicar é a función que en democracia hidrata, fai transparente e participativa a axenda pública. Sempre e cando quen ten esa facultade -os medios, os xornalistas- non intoxique e desactive ese seu potencial social, que é de por si político. O que comporta un exercicio de mediación non cortocircuitado. Quérese dicir, liberado de mordazas corporativas e de intereses bastardos.

“A función comunicativa vai asociada á necesidade de visualizar, sen mordazas nin manipulacións, o que outros expertos sociais sinalan fulcral no debate público deste novo ano”.

Responder á pregunta sobre o que urxe levar á axenda galega do 2022 comporta, pois, pensar a función comunicativa asociada á necesidade de visualizar, sen mordazas nin manipulacións, o que os outros expertos (economía, territorio, ecoloxía, rural…etc) sinalan fulcral no debate público deste novo ano en Galicia. Unha función mediadora e transversal. Para o que é preciso proceder a unha desalambrada mediática.

Concretemos nesa dirección o que debera priorizar a Axenda:

  1. Unha nova Lei Galega do Audiovisual. A reforma da aprobada por consenso no seu día -tan ambigüa como inoperante- vén esixida pola nova normativa UE do 2018, e pola lei estatal que por esa mesma razón se tramita no Congreso, e que pese á impronta españolista e neoliberal que paradoxalmente lle imprime un goberno que se di de esquerdas, ofrece marxes de decisión autonómica que é preciso aproveitar e optimizar. Por caso, no referido á presenza do galego nas grandes plataformas dixitais. Tamén para crear e definir nesa lei o Consello Audiovisual de Galicia, competente para a concesión de licencias e a vixilancia sobre o funcionamento das plataformas e operadoras, públicas e privadas, no ámbito territorial da comunidade.
  2. A imprescindible liberación dos medios da RTVG, forzando que Feijóo deixe de ter secuestrada a Lei do 2011 que lles dá á TVG e RG a autonomía mínima que agora non teñen, para que os medios públicos do país contrarresten os efectos perversos dos privados, que acadaron grazas en boa medida aos procesos desreguladores dos gobernos de quenda uns índices de concentración empresarial tales, que só uns medios públicos son quen de reverter en beneficio da cidadanía e da democracia.
  3. Para romper co perverso modelo de relación que o goberno de Feijóo, como antes os de Fraga e Touriño, mantén coas empresas privadas de medios, e que sen dúbida comporta un estruturado e corrupto sistema de compravenda informativa, é imprescindible levar á axenda unha normativa que regule con tódalas garantías de transparencia e igualdade de oportunidades as axudas que, en base ao sostemento do pluralismo e da subsistencia dun democratizado Espazo Galego de Comunicación, faga posible garantir o dereito da cidadanía a unha información plural, non tóxica, de calidade.
  4. Unha Lei de Publicidade Institucional, para que estoutro instrumento de presión utilizado polo poder político sobre as empresas mediáticas e sobre os seus profesionais (dando lugar a altos índices de autocensura) deixe de estar supeditado ao criterio único de premios e castigos, e se ateña aos procedementos reglados de convocatoria pública, transparencia e igualdade de oportunidades.