por Marcos Lorenzo
Técnico cultural
Reverter a penuria
O estoupido da crise económica de 2008 xerou unha onda expansiva na cultura galega que aínda chega até hoxe. Se en 2008 a Xunta de Galicia liquidaba gasto en cultura por valor de 167,7 millóns de euros, un 1,4% do gasto total da administración autonómica, en 2018 tan só era de 78,7 millóns de euros (un 0,8%). A redución do gasto en cultura no período 2008 – 2018 foi dun 53% no caso da Xunta, mentres que no conxunto das administracións locais (Concellos e Deputacións) a caída foi dun 7%.
“Complementar as políticas de oferta, que acabaron por alimentar tantas dinámicas clientelares, por unha nova xeración de políticas de demanda e de participación da cidadanía”.
En consecuencia, do meu punto de vista, a prioridade máxima para unha hipotética axenda 2022 sería restituír uns niveis razoables de gasto público, especialmente no que atinxe á Xunta de Galicia. E canto sería ese nivel razoable? A media de gasto liquidado pola Xunta desde o ano 2000 foi de 102 millóns de euros, un 1% do total. A diferencia a respecto do que temos agora (78,7 M €) non semella insalvable, e sen embargo eses recursos extra poderían ter un poderoso efecto transformador se se investisen de forma intelixente.
Por exemplo, poderíase emular á Deputación da Coruña e habilitar unha liña de axudas aos Concellos para a contratación de persoal especializado (técnicos/as de cultura e animadores/as socioculturais) que deseñen plans de acción cultural e que coordinen a execución das políticas. Porque a cultura tamén merece ser xestionada con seriedade, rigor e profesionalidade. Sen equipos cualificados, o que nos queda é o imperio da ocorrencia.
Outro posible destino para eses recursos extra sería complementar as políticas de oferta, aquelas que se dirixen aos “produtores” de cultura (artistas e empresas), practicamente as únicas que tivemos durante 40 anos de autonomía e que acabaron por alimentar tantas dinámicas clientelares, por unha nova xeración de políticas de demanda e de participación da cidadanía. Esas políticas deberan contemplar, entre outras medidas, sistemas de descontos nos prezos para determinados colectivos, aumento das axudas ao tecido asociativo da cultura, reforzo das ensinanzas artísticas de réxime especial, programas socioculturais en barrios e parroquias, novos fondos para actividades culturais extraescolares, accións de dinamización cultural en centros de saúde ou de maiores, programas de acompañamento e promoción dos novos talentos etc.
Unha política destas características, que busca estimular os consumos, os hábitos e as prácticas culturais da poboación, sería moi sinxela de monitorizar. O Instituto Galego de Estatística nos prové de datos periódicos sobre todos eses indicadores (lectura, asistencia ao cine, tocar un instrumento musical…), co cal poderíanse fixar obxectivos medibles e testar o grao de eficacia da política.
E por último, tratándose dun ano Xacobeo, cabería pedirlle á administración responsable que este macroevento fose pensado non só para lograr un impacto turístico, senón tamén para xerar efectos positivos perdurables (non só efémeros) no sistema cultural galego. Poderíase facer e non requiriría de máis diñeiro.