GALICIA 2022. AXENDA NON AUTORIZADA VIII [EDUCACIÓN]

| Sen categorizar

por Eva Garea Traba
Pedagoga

Motivar para formar

A tarefa máis importante que debería centrar o traballo educativo a partir de Xaneiro é a remodelación curricular. Terá que partir dunha redución e selección de contidos.  Para alén de estándares e criterios de avaliación, entendidos como simple repetición dos contidos curriculares, cómpre unha clarificación dos requisitos que o alumnado debe cumprir para avanzar no seu desenvolvemento educativo, recuperando o concepto de “contidos mínimos” coma unha clave para unificar as avaliacións, neste momento discutidas por “fomentar a desigualdade” entre o alumnado de diferentes centros educativos.

“Un plan efectivo para tratar a saúde mental do alumnado sería unha ferramenta eficaz para paliar as situacións de fracaso escolar provocadas polo rexeitamento dun sistema educativo hostil para as novas xeracións”

Respecto da formación profesional. A desvinculación entre o ensino secundario (ESO e Bacharelato) e os requirimentos dos ciclos formativos non consegue proporcionar ao alumnado unha perspectiva das virtudes deste tipo de formación. Fomentar e dar a coñecer as diferentes opcións da formación profesional é unha necesidade se queremos reducir as taxas de abandono escolar. Amosar a vinculación entre o coñecemento e a profesionalidade é xaora unha tarefa pendente.

Outro centro de atención debería poñerse na remodelación, dunha vez por todas, da proba de acceso á Universidade. Un currículo realista e unha proba que mida efectivamente as competencias intelectuais do alumnado, mais aló da mera repetición memorística, faise imprescindible para unha Universidade que ve como, ano tras ano, descende o nivel de partida do seu alumnado, pero tamén para dotar de sentido ao curso de segundo de Bacharelato, ao que os estudantes ven, cada vez máis, como unha barreira e non como unha oportunidade de aprender.

A orientación educativa e a atención psicolóxica do alumnado non debe demorarse máis. Un plan efectivo para tratar a saúde mental do alumnado sería unha ferramenta eficaz para paliar as situacións de fracaso escolar provocadas polo rexeitamento dun sistema educativo hostil para as novas xeracións. Reforzar o persoal dos gabinetes de orientación escolar e tentar incluír a axuda psicolóxica nestes gabinetes debera entrar tamén na axenda educativa deste ano, marcado por unha pandemia que non semella ter un final sinalado.

Por último, pero non menos importante, precisamos que os centros educativos crean na  educación permanente, e en consecuencia deseñen propostas horarias e pedagoxías mixtas que permitan aos adultos seguir adquirindo competencias educativas. Cómpre o deseño de currículos especiais para este tipo de ensinanzas e de materiais pedagóxicos para o Bacharelato de adultos.

Nesta proposta esquecemos de xeito deliberado a cuestión da dixitalización que absorveu tanta atención por mor da pandemia. Se cadra, o proceso de transición dixital, que será inevitable mais precisa dunha reflexión demorada, ten que enfocarse dun xeito diferente a como se ten acometido ata o de agora. Cometer os mesmos erros de xeito dixital non mellora en nada a educación. Solucionemos os problemas de base e logo, coas cousas claras, avancemos na dixitalización do sistema.