por Xosé M. González
Pasa unha filla cantaruxando “O estraperlo”. Algunha aula de Preescolar ensaia os ‘zapatos de chiculate’, por certa rúa entoan “A Carolina”. É un fenómeno clásico, emblema inapelable da canción galega. Estamos no ano 2022, pasa dos corenta que isto é así.
Empezando os 70, Lugo era lugar en tránsito. Un libro meu, titulado Entre hortas e portas, indica na contraportada que “os Beatles, radio e cinema alternaban coa noción de esterco e sementeiras”. Moito adolescente dos nacidos na cidade tiñamos liñaxe inmediata nas aldeas. Delas viña non pouco continxente para a ensinanza media e o Seminario. Rexía aínda franquismo, esvaíalle o prestixio na nosa franxa de idade.
Os Beatles eran, a música electrónica. Pero herdaramos dos maiores outra melodía, voces moduladas, certos estilos latinoamericanos. E chegaran o engado da guitarra, o folk, os cantautores. Nuestro Pequeño Mundo, Serrat, Simon and Garfunkel. Paco Ibáñez e aquel resaibo de politización. Llach un pouco, Baez, Dylan, mesmo Pete Seeger para máis informados ou adictos, algún privilexiado con tocadiscos propio. E unha canción galega sen folclore, novidade que nos 60 abraiara e fascinara: non só as Voces Ceibes, o impacto masivo de Andrés do Barro e de Juan Pardo. Na cidade, algún festival de colexio e programa de radio empeza a mostrar así mesmo tal fenómeno. Antón Campelo, Jei Noguerol, Maxi e Xena.
Lugo, 1970: todo o que fervía
É 1970, Radio Popular de Lugo ten un locutor chamado Manolo Lombao con ideas particulares, unha delas o programa Aquí la Juventud. Sábados pola tarde ante público, actuacións en directo no estudio que hai preto do río e onda unha residencia feminina, o Colexio Menor “Santísimo Sacramento”. Lombao vai traendo as Voces Ceibes, pero principalmente artistada local. Galegofonía non predomina, hai un dúo bastante adolescente que interpreta hispanoamericano baixo o nome ‘Mini y Adolfo’; Adolfo decaeu, igual marchara vivir fóra. Entre o público xente coma Rodrigo Romaní con trece anos e mais eu con dezasete, que cantamos no programa porque alí formamos grupo que despois foi terceto, cuarteto, quinteto. É que todo fervía.
1972, nun certame en Mondoñedo e coa canción “Fuxan os ventos” triunfa Folk 72, un grupo lugués cuxo xermolo viña igualmente dunha misa, a devandita radiofónica. O éxito dálles transcendencia pública, consolidada o ano seguinte ao gañaren o Festival “Ría de Ares”, co que superan a dimensión local e provincial.
Tralo sábado na radio, domingo adoitamos ir á “Misa de la Juventud” no Instituto Masculino. Coincidimos co Mini, que igual xa non é moito de igrexa pero alguén o enredaría para, coa guitarra, encargarse dos cantos que acompañaban a liturxia, trazo especial e distintivo naquelas celebracións. Xa ten barba, sona e perfil en certos ámbitos locais. Tampouco non se adoita o galego nesta misa, facémolo porén asomar algunha vez. Digo facemos, xa que de a pouco incorporámonos outros á parte musical e acabámonos facendo cargo. O Mini semella home de mil asuntos, actúa coa guitarra en diferentes escenarios, ten un par de amigos, Geluco e Mero, que non tardando habían ter tamén parte na historia.
O noso grupo ensaia no local da Acción Católica, eu son membro, e alí coñecemos outro personaxe unhas décadas maior que se reúne cun grupo de mulleres. Era o que se chamaba ‘crego posconciliar’, ou sexa, dos que aplicaban a doutrina social do Vaticano II: incardinación nos tempos, a vida secular e a cultura das comunidades, singularmente. Xesús Mato sabía de música, nada estraño pola formación seminarística para -frase antiga- ‘cantar misa’. Pero tamén se adestrara na radiofonía, levaba a eucaristía emitida pola COPE, dirixía un coro do “Santísimo Sacramento” e participaba en Auxilia, asociación para os que daquela eran denominados ‘minusválidos’. Todo resulta relevante porque a persoa foi crucial, e tales actividades nutriron o continxente do que agora se pasa a relatar.
Coas marcas do folk, guitarras e plurilingüismo
Non é ámbito moi extenso o dos folkies de Lugo e adeptos á cantiga de autoría, pero ten lugar e medra. Hai ocasión e sitio públicos de encontro onde se canta, nos anos que viñan irá sobranceando determinado bar na Rúa Nova, chegando á Tinería, que se chamaba “Yuma”. Tiña parte de atrás onde, por veces, algún canto preocupaba ó propietario polo teor da súa letra, contestatario ou con legalidade -franquista- dubidosa. Contactos e afinidades van e veñen, fórmanse grupos e desfanse. Chega o episodio mil veces relatado: 1972, nun certame en Mondoñedo e coa canción “Fuxan os ventos” triunfa Folk 72, un grupo lugués cuxo xermolo viña igualmente dunha misa, a devandita radiofónica.
O éxito dálles transcendencia pública, consolidada o ano seguinte ao gañaren o Festival “Ría de Ares”, co que superan a dimensión local e provincial. Tralo episodio mindoniense mudaran nome polo da canción triunfadora e eran xa Fuxan os Ventos, con abreviación frecuente, propia e de próximos, en Fuxan. Figuraba como autor da emblemática peza un tal J. Cabodevila que é Mato, cuxa referencia resulta ben notoria na composición do conxunto. Xente que colaboraba en Auxilia, tal Esther e seguramente Matuquín; membros do coro feminino, coma Tereixa, Mari Carme e algunhas máis; Mini, Mero, Geluco; un ex-integrante do meu grupo desaparecido, Paco Nieto; outros rapaces que cantan e tocan a guitarra: Cornide, Juan Luis.
Un grupo coas marcas do folk, guitarras, coidado elenco de voces e plurilingüismo. Mudan algúns integrantes, segue Mato, considerado membro do grupo aínda que non interpretaba nin ía aos escenarios. O crego, dentro da súa intensa actividade, é tamén algo folclorista e exerce desde logo influencia no carácter de Fuxan. O popular galego forma parte do repertorio, ha xurdir o aquel de recoller e incorporar un cantigueiro vivo sobre todo entre os maiores, nunhas aldeas que manteñen poboación importante, formas de vida con persistencia do tradicional: no fondo, a noción de recuperar algo insubstituíble cuxa vitalidade escoa. Non han ser poucas, co tempo, as actuacións onde o conxunto lugués, tras cantar o seu, anima os veciños presentes a cantaren o deles e xorde a descuberta. Que acabe agromando Galicia canta ó neno -outro cardume de membros para o grupo- terá que ver con todo iso, así mesmo seguramente coa axuda de certos cregos na provincia máis ou menos parecidos a Mato. Fuxan os Ventos, ou algúns integrantes, tamén levarán achega musical á Romaxe dos Crentes Galegos cando xurda, e de tanta coincidencia ha vir que determinados sectores da sociedade -non todos, precisamente, para ben- asocien directamente a agrupación co ámbito eclesiástico. Nunca houbo tal.
Éxito de discos, audiencia e difusión
Pero nos primeirísimos anos, aínda despois de Mondoñedo e Pontedeume, segue a ser grupo de folk máis ou menos internacional, con pezas achegadas á chamada canción de protesta e testemuño. Tras voltaren da mili Mini e Mero, ano 74, adóptase a galegofonía case exclusiva primeiro e exclusiva despois, non sen disensión interna que provoca a marcha de varios compoñentes. Van musicando poesía galega de esperanza e combate, incorporando instrumentos de percusión tradicional. Actúan en escenario diverso desde o urbano ao teleclub, tipo de centro social instaurado no ámbito rural e que posibilita un encontro co que, xa definitivamente, Fuxan establece como fonte e destinatario fundamental da súa angueira: o pobo, xente sobre todo do común.
Repertorio e actitude conectan ben coa audiencia procurada, público ben diferente do que seguía Voces Ceibes. O grupo asume a diferenza. 2 de marzo do 1975, Festival Folk Galego en Compostela, milleiros de asistentes. Fuxan interpreta dúas pezas e unha delas, Falar, falar, di que “cos nenos progres non sei cantar”.
O certo é que repertorio e actitude conectan ben coa audiencia procurada, público ben diferente do que seguía Voces Ceibes e seguiría outros. O grupo asume a diferenza, aínda a salienta. 2 de marzo do 1975, pavillón compostelán do Sar, Festival Folk Galego, milleiros de asistentes. Fuxan interpreta dúas pezas, coma todos, e unha delas, “Falar, falar”, di que
…cos nenos progres
non sei cantar.
Paradoxalmente, a concorrencia universitaria aclama nese punto. O caso é que o grupo ten como empeño o de mostrarse como non ideoloxizado. Velaí o perfil do primeiro disco: cantiga popular, afirmación das raíces, fraternidade universal, amor humano, galego na escola e algunha mensaxe seguramente máis comprometida, pero en clave retórica. Coma na cantiga do lobo que mata os tres galgos da noite
…e o ceo foi outra vez
un ceo azul e mais branco.
Talvez significativamente aí remata un álbum gravado tras algunha reticencia, pois nunca o grupo quixo profesionalizarse.
O éxito de vendas, audiencia e difusión arrequenta cos dous discos seguintes, abrangue Galicia enteira, soa a música de Fuxan no concerto, o automóbil e a verbena. Neste país o galeguismo adoita ser implícito, e moitos parecen identificarse cun grupo aparentemente de conciencia prepolítica, abondo intuitiva, que cualifica a autonomía como ‘antroidada’ por estar
…gobernada por caciques
Algúns integrantes evolúen cara ao máis explícito. Tres deles, membros xa da AN-PG, marchan no 77 e unha volve o ano seguinte. Haberá outras entradas, saídas, gran ruptura, máis evolución, farase internacional o fenómeno Fuxan os Ventos. Pero esta historia era para acabar aquí.
Destacados:
1972, nun certame en Mondoñedo e coa canción “Fuxan os ventos” triunfa Folk 72, un grupo lugués cuxo xermolo viña igualmente dunha misa, a devandita radiofónica. O éxito dálles transcendencia pública, consolidada o ano seguinte ao gañaren o Festival “Ría de Ares”, co que superan a dimensión local e provincial.
Repertorio e actitude conectan ben coa audiencia procurada, público ben diferente do que seguía Voces Ceibes. O grupo asume a diferenza. 2 de marzo do 1975, Festival Folk Galego en Compostela, milleiros de asistentes. Fuxan interpreta dúas pezas e unha delas, Falar, falar, di que “cos nenos progres non sei cantar”.
O éxito de vendas, audiencia e difusión arrequenta cos dous discos seguintes, abrangue Galicia enteira, soa a música de Fuxan no concerto, o automóbil e a verbena. Moitos parecen identificarse cun grupo aparentemente de conciencia prepolítica, abondo intuitiva, que cualifica a autonomía como ‘antroidada’.