NARRATIVA
Berta Dávila. Illa decepción. Editorial Galaxia, 2020.
por Antía Monteagudo Alonso
De entre todas as ensinanzas que nos trouxo 2020 quizais destacaría, por riba das demais, a da fraxilidade e a do imprevisto. Cando todos os nosos plans e as expectativas dunha vida que coñeciamos se romperon en miles de anacos, tivemos que aprender a vivir co inesperado, coa perda e coa rotura. Como se dunha artista do kintsukuroi se tratase, Berta Dávila reconstrúe eses fragmentos a través do fío de ouro no que se convirte Illa Decepción, premio de narrativa breve Repsol 2020.
Esta obra continúa unha liña de escrita confesional, próxima da autobiografía (sexan ou non datos verídicos) que xa aparecera en novelas como Carrusel (Galaxia, 2019). De feito hai elementos que se repiten nos dous textos, case configurando un imaxinario propio da autora marcado pola busca, a enfermidade, a ausencia ou a vulnerabilidade. Nos dous casos son, ademais, libros abertos, que non aspiran á perfección estrutural, senón que queren reflectir unha busca de beleza e un transcurso vital que ten que aprender a aceptar o inesperado, a transmitir máis preguntas ca respostas.
Illa decepción é unha novela que se escribe na fenda doutra novela. A primeira, que se estende ao longo de tres capítulos, leva por título “Algunhas casas” e é unha reflexión sobre a forma na que a nosa vivencia crea o espazo que habitamos e tamén como as casas nos axudan a construírmonos. A historia condúcenos dunha forma non-lineal a través das diferentes edificacións que compuxeron a vida da protagonista, así como dos acontecementos e dos recordos que ela creou entre as súas paredes e que non sabe deixar ir. Aquí o azar adquire un papel relevante – nalgúns casos, diría que ata excesivo, xa que dá lugar a algún acontecemento un pouco forzado en relación á espontaneidade global do texto – e permite que afloren novas personaxes como a de Amandine Dupont.
Froito do proceso de relectura e das fendas desta historia, nace unha segunda novela, condicionada polo contexto de confinamento domiciliario que se viviu no ano 2020, e que termina por completar o texto esbozado en primeiro lugar dunha forma moito máis orixinal e rica en matices. “Illa Decepción”, que tamén se presenta ao longo de tres capítulos, relata a construción dunha illa ficticia que fai a protagonista no
contexto dun videoxogo e que lle outorga a metáfora perfecta para os tempos estraños nos que se atopa: a illa como (meta)ficción, a illa fronte ao naufraxio, a casa como illa na que acubillarse ou o amor como arquipélago. A reflexión sobre a casa, nun ano no que esta se converteu nun espazo chave, é realmente oportuna e lúcida. Reflexións que, lidas conxuntamente co contexto no que foron creadas, adquiren case a connotación de retrato histórico.
Non sei se existe mellor forma para describir 2020 ca a de falar dun libro que recomeza e se adapta segundo as continxencias diarias, que remata creando un espazo como Illa Decepción no que, dunha ou outra forma, todos tivemos que aprender a vivir.