XAVIER VENCE DEZA, catedrático de Economía Aplicada na USC
“Galiza gañaría moito tendo máis capacidade de decisión e gobernos que a exercitaran”
texto Manoel Barbeitos Alcántara
Parece que hai unha coincidencia bastante ampla na idea de que estamos atravesando a maior crise económica dende a II guerra mundial. Comparte este diagnóstico? Cal é o impacto socio-económico da COVID?.
É certo que estamos nunha crise moi profunda, pero cualificala como a máis importante ou non depende dos aspectos que consideremos e a perspectiva de longo ou curto prazo coa que a miremos. A caída drástica do PIB no ano 2020 foi, efectivamente, a maior en décadas. A nivel global caeu sobre un 3,3%, no ano 1975 e en 1981 caeu un 1,3% e en 2009, coa chamada “gran recesión”, caeu case un 3%. Estas outras crises foron moi graves porque tiñan detrás graves problemas económicos, estrangulamento do sistema industrial e o encarecemento das materia primas e o petróleo nuns casos, e colapso do sistema financeiro na última. Nese sentido, se a causa da actual fose exclusivamente a Covid19, e se este fose un shock provocado por un factor alleo á economía, entón cabería pensar que a crise actual non sería a máis grave porque, unha vez controlada a pandemia, a economía podería repuntar rapidamente. Mesmo sendo moi importante a caída da actividade, sobre todo para certos sectores e certos países (en España o PIB caeu un 11%), o impacto directo da Covid sería dixeríbel con algo de esforzo. Con axudas públicas, medidas de protección e programas de gasto, a economía podería relanzarse. De feito o FMI prevé un crecemento global para 2021 superior ao 6%.
Cal é entón o problema?
O problema, desde o meu ponto de vista, é que esta crise vén de moito atrás e vai moito máis alá da conxuntura da Covid. Non é só unha grave crise económica e do modelo neoliberal, senón que ten un pano de fondo que é o desbordamento dos límites ecolóxicos do planeta e o cambio climático, que non para de agravarse. Ao mesmo tempo, todo iso vai acompañado de cambios xeo-económicos, crise da hexemonía americana e emerxencia da chinesa. Máis aínda, todo iso xunto está arrastrando unha crise da política e da democracia, con sectores do capital pulando por implantar opcións autoritarias, para o que veñen promocionado todo tipo de pensamento irracional e negacionista desde hai tempo, moito antes de Trump e da pandemia. Nese sentido, é certo que o capitalismo está inmerso na máis grave crise desde a segunda guerra mundial, pero non é a crise da COVID, é a crise sistémica longa na que levamos metidos varias décadas.
A Covid como parapeto ou burladeiro…
Os economistas oficiais cargan todas as culpas na Covid para tapar as raíces estruturais dos problemas que cuestionan o modelo e as políticas oficiais. Pasa algo análogo ao que ocorreu no 2008 botándolle a culpa da crise ás “subprime” ou a un puñado de codiciosos, e xa ocorrera o mesmo coa crise do petróleo en 1973, atribuída á suba do prezo do petróleo cando realmente o problema era o esborrallamento do modelo de crecemento espectacular da posguerra. Pois ben, hoxe o capitalismo continua arrastrando as consecuencias das falsas cataplasmas coas que o neoliberalismo intentou unha fuxida cara adiante nesas dúas grandes crises. As “solucións” vía desregulación, precarización, finanzarización e globalización conduciron a un modelo de crecemento moi inestábel, tirado por todas as formas posíbeis de débeda, que se traducen en continuas burbullas especulativas (inmobiliarias, ouro, punto.com, materias primas, as plataformas tecnolóxicas, blockchain-bitcoin, etc). Serviron para alimentar e enriquecer unha pequena elite global do 1%, as grandes fortunas da lista Forbes, pero foi deixando na exclusión ou na precariedade a capas cada vez máis extensas da poboación en case todo o mundo. Desindustrializaron e cargáronse gran parte do sistema produtivo e agora, coa venda on-line, tamén o comercio, etc.
“Esta crise vén de moito atrás e vai moito máis alá da conxuntura da Covid. Non é só unha grave crise económica e do modelo neoliberal, senón que ten un pano de fondo que é o desbordamento dos límites ecolóxicos do planeta e o cambio climático, que non para de agravarse”.
Diante desta crise, a principal liña de actuación do Banco Central Europeo é continuar coa expansión cuantitativa que puxera en marcha Mario Draghi no seu día tentando evitar a crise do euro. Estase comportando o BCE como un auténtico banco central?
O rescate da banca e do sistema financeiro despois de 2008 levouse a cabo en parte con niveis de débeda pública nunca vistos e co auxilio dos bancos centrais, actuando como as UCI do sistema, dando respiración asistida alén do sostíbel… Desde a crise das “punto.com”, pero sobre todo desde a crise financeira de 2008, todas as institucións do sistema adoptaron a estratexia de salvar o neoliberalismo a calquera prezo, custe o que custe e sen ningún tipo de limitación. É unha batalla a vida ou morte, e as institucións do sistema non respectan ningún dogma nin corsé. O caso máis rechamante é o dos Bancos Centrais, os cerebros e aliados da banca e o sistema financeiro. En todos os países os Bancos Centrais, que os discípulos de Friedman converteran en gardiáns da ortodoxia, pasaron en 2008 a inxectar liquidez no sistema a mansalva. Incluído o BCE, aínda que con certo retraso mentres estaba presidido por Trichet; logo, con Draghi, home da Goldman Sachs, levántanse todas as reservas. Despois da gran recesión de 2009, a rentabilidade dos fondos volveu dispararse, mentres a economía produtiva seguía estancada. Igual ocorreu despois de marzo de 2020, os fondos voltaron a niveis de rentabilidade récord, algúns superaron rentabilidades do 50% anual.
Por que este paradoxo das ganancias financeiras cando a economía está en recesión?
Pois porque a Covid19 serviu de desculpa (“doutrina do shock”) para que os gobernos e bancos centrais lanzaran novas burbullas de diñeiro e débeda que permiten que os fondos especulativos sigan tendo unha liquidez fabulosa, con diñeiro “gratis” para seguir especulando, comprando activos por todo o mundo, bombeando os beneficios que se xeran nas diferentes partes do mundo onde hai empresas produtivas…Polo tanto, do meu punto de vista, estamos na enésima volta dunha crise de fondo do sistema capitalista que o neoliberalismo non pode resolver. Todos os sacrosantos principios teóricos do neoliberalismo esváense como pompas de xabón cando se trata de salvar o sistema, que en realidade sempre significa salvar as finanzas.
“A Covid19 serviu de desculpa para que os gobernos e bancos centrais lanzaran novas burbullas de diñeiro e débeda que permiten que os fondos especulativos sigan tendo unha liquidez fabulosa, con diñeiro “gratis” para seguir especulando, comprando activos por todo o mundo”.
Hai quen, sen negar a importancia das medidas adoptadas polo BCE, apunta que unha das consecuencias negativas será a de disparar aínda máis as xa elevadas débedas públicas e privadas. Comparte esta opinión?
Aínda que poida parecer paradoxal, o certo é que o recurso ás débedas é a solución de fierabrás dos neoliberais. As débedas son ferramentas para crear recursos financeiros ficticios no presente, trasladando os problemas de cara ao futuro. O sector financeiro endebédase para inxectar diñeiro nos mercados e facer negocio, os fondos endebédanse para poder operar nos mercados e comprar accións, bonos e outros produtos financeiros que lles permiten capturar dividendos das empresas, as empresas endebédanse para poder investir pero tamén para poder pagar dividendos, os consumidores endebédanse para poder comprar alá onde os salarios minguantes non alcanzan que os seus ingresos… Se o endebedamento serve para crear riqueza e bens de utilidade social, non hai problema. Se só serve para consumir o que non se ten, alguén terá que facerse cargo diso no futuro. Tanto no privado coma no público, un exceso de débeda acabará, dun xeito ou doutro, sobre as costas das novas xeracións.
Tamén para cubrir as necesidades de gasto público?
No caso das necesidades de gasto público está claro que a débeda pode ser unha ferramenta necesaria, pero a vía fundamental debe ser o financiamento con impostos aos que teñen capacidade de pago. O problema é que os neoliberais están en contra dos impostos aos ricos, e as empresas prefiren que se tire da débeda e da “quantitative easing”.
Outra consecuencia negativa que sinalan as mesmas fontes é que os principais beneficiarios desta liquidez son os grandes bancos e as grandes empresas, non beneficiándose as empresas pequenas e medianas. Como facer que a liquidez chegue a estas últimas?
Efectivamente. A liquidez dos BC vai para o sector financeiro e, a través del, chega sobre todo ás grandes empresas. As pequenas empresas seguen padecendo racionamento do crédito e, ademais, atópanse cos problemas duns mercados estancados e dominados polas grandes empresas en cada vez máis campos. A industria está totalmente concentrada, a distribución tamén, e agora, co comercio online, mesmo a escala global. Por se o financiamento fose pouco discriminatorio, a fiscalidade tamén o é. As grandes e, sobre todo as empresas globais, escapan por diferentes vías ao fisco; entre os paraísos fiscais e as múltiples medidas de beneficios fiscais, enxeñería fiscal, etc, acaban pagando cantidades irrisorias do 3 ou 4%. Curioso que agora Biden impulse acabar cos paraísos fiscais e implantar algún tipo de fiscalidade global que impida que as grandes empresas escapen ao fisco en todos os países. Non sei en que acabará, pero algo nesa dirección é necesario. Para dar liquidez ás PEMES fai falta outra banca, pública, industrial e local. Ou regular a banca doutro xeito, que impida tanta especulación e negocios globais e obrigue a acompañar o investimento produtivo e o crédito á produción, especialmente para actividades verdes e sustentábeis. Aquí acabaron coas Caixas, pero a rede de 400 bancos públicos dos länder que ten Alemaña é un bo referente.
Pola súa parte, a Comisión Europea acordou retrasar os obxectivos fiscais fixados no TEG. Que impacto calcula que terá este acordo? Supón realmente un cambio a respecto dos criterios anteriores da UE baseados na austeridade?
“Para dar liquidez ás PEMES fai falta outra banca, pública, industrial e local. Ou regular a banca doutro xeito, que impida tanta especulación e negocios globais e obrigue a acompañar o investimento produtivo e o crédito á produción, especialmente para actividades verdes e sustentábeis”.
A CE é hoxe unha tecnocracia neoliberal moi doutrinaria (como vemos tamén, por exemplo, na oposición a liberar as patentes das vacinas), pero creo que, aínda que sexa sempre con moito retraso e pouca eficiencia, acaba aceptando a crúa realidade. O que é imposíbel é imposíbel, non hai quen poida cumprir os obxectivos fiscais de déficit e débeda. Poida que agora, visto o fracaso da austeridade na última década e o medo que lle meteu o Brexit, estean a tomar medidas imprevistas (o Reino Unido está demostrando durante a pandemia que se algo gañan estando fóra é flexibilidade, axilidade e certo pragmatismo). Non creo que estea cambiando a visión de fondo ultra-liberal, pero si que a desesperación obriga a facer cousas extraordinarias. Hai que salvar o sistema e a andamiaxe neoliberal da UE, aínda que para iso temporalmente haxa que ceder algo.
O programa Next Generation EU e os ERTE
Que opinión lle merecen os fondos de recuperación Next Generation, tanto pola sú contía como pola súa orientación? Estamos diante dun novo deseño da economía europea? Teñen o formato axeitado?.
Os fondos son dunha contía realmente extraordinaria para a ortodoxia europea, 750.000 millóns de euros, que se engaden aos do Marco Financeiro Plurianual de 2021-27. Certo que está a anos luz do plan multibillonario que lanza Biden nos EEUU. En canto á orientación, a letra apunta nunha dirección correcta. Ten tres grandes pilares e o groso vai para o Mecanismos de Recuperación e Resiliencia. Ademais de ter como obxectivo inmediato o impulso á recuperación, a música de transformar a economía nunha orientación verde e circular soa ben e xa estaba no Pacto Verde Europeo en 2019. Outra cousa vai ser a concreción. Baixo o rótulo de plans para a recuperación e o crecemento van impulsarse moitas iniciativas que responden ao vello modelo lineal, e mesmo é posible que baixo o rótulo do cambio climático e a economía verde acaben colando proxectos ben pouco sustentábeis. Xa se apunta iso. A aposta dixital é unha reacción tardía á hexemonía americana e chinesa nese campo. O Next Generation inclue tamén unha parte, ben cativa por certo, que vai para programas de cohesión rexional, sociais e de desenvolvemento rural. Á vista das propostas e proxectos concretos que se coñecen, parece que van levar a parte do león as grandes empresas do vello modelo e os lobbys de sempre.
Para compensar o impacto sobre os ingresos provocado pola caída da actividade e o emprego, o goberno español aprobou os ERTEs e o IMV. Como avalía estas medidas?
“Unha Xunta sen iniciativa durante anos, cun baixísimo nivel de execución dos Fondos Estruturais, parece que non está engraxada para formular proxectos ambiciosos para a aplicación dese volume de fondos europeos con visión estratéxica de país”.
Moitas destas medidas foron moi necesarias e mesmo insuficientes para paliar o desespero de moita xente que de pronto quedou sen ingresos e sen perspectivas. Creo que os ERTES salvaron moitas empresas, moitos empregos e foron un modesto colchón para evitar que moitas familias caeran na penuria total. Aínda así, o aumento da pobreza é evidente. O ingreso mínimo foi moi lento como medida de emerxencia e, en canto ao futuro, non teño claro que sexa unha solución. O riscos destas axudas é que ao non estar orientadas estratexicamente cara a un escenario de futuro, poden actuar nalgún sectores como un freo ao cambio.
No marco do programa Next Generation, o goberno español de coalición vén de presentar os Programas para a Resiliencia e a Transformación Económica (PERTE). Que se pode esperar deles?
A aposta do goberno central parece que vai moi claramente orientada polos tradicionais obxectivos de “crecemento económico, emprego e competitividade da economía española”. A orientación verde e sostíbel está moi secundarizada. Por outra parte, un dos problemas é o protagonismo excesivo que outorga ás grandes empresas, asumindo roles que deberían ter os gobernos, central e autonómicos. As grandes consultoras (Deloitte, etc) deseñan os plans, consultando coas grandes empresas. E logo en canto á xestión tamén se confía á xestión privada, evidenciando que non se confía na administración pública, sexa por ideoloxía e intereses… Ou ao mellor é porque previamente a recortaron tanto, que consideran que xa non ten capacidade…
Galiza: a crise, Feijóo e os fondos de recuperación
Como avalía a resposta que o goberno de Feijóo lle está dando a esta crise? Correspóndense as súas axudas coa caída dos ingresos e da actividade económica?
Non sei moi ben que dicirche, porque se algo falta son esas repostas. Colócase diante do atril a vender as accións e axudas doutros como se foran del, pero a resposta do goberno de Feijóo creo que brilla pola súa ausencia. Por de pronto, coa desculpa da pandemia ten a Administración paralizada, colócase detrás dese parapeto e… que os cidadáns contacten con computadoras disuasorias ou cubran formularios por internet…!, e que agarden…
En base ao que se vai coñecendo polos medios de comunicación, entende que as propostas a incluir polo goberno galego no programa Next Generation responden a algunha estratexia ligada, por caso, ao relacionado coa política industrial/de competitividade e desenvolvemento que se necesita implementar en Galicia?
Non coñezo os detalles, porque se de algo peca a forma en que Feijóo decide un volume de gasto tan elevado é de escurantismo e falla absoluta de transparencia. É un monto que case duplica o orzamento da Xunta dun ano e multiplica por má¡s de 12 o investimento anual. Certo que unha Xunta sen iniciativa durante anos, cun baixísimo nivel de execución dos Fondos Estruturais, parece que non está engraxada para formular proxectos ambiciosos para a aplicación dese volume de fondos con visión estratéxica de país. Nin parece que vaia ter moita capacidade para xestionar os recursos cando cheguen. Por iso se agarra ás propostas millonarias que lle presentan algunhas grandes empresas amigas. Polo que leva transcendido até agora, o que hai son propostas moi dispares e algunhas disparatadas. Parece que van promover moitos proxectos das empresas do lobby eléctrico e van dar moito diñeiro para a co-xeneración, é dicir, seguir queimando materiais e materia orgánica, en vez de utilizala para rexenerar o medio. Seguen tan pola vella, que parece que aínda non se enteiraron que a economía circular non é un asunto de lixo e residuos. Crean un Centro de Economía Circular que ten como actividade procesar e queimar “puríns”! Con iso queda dito todo.
O actual marco estatutario permite aproveitar todas as potencialidades de Galicia para facer fronte con garantías a crises tan fondas coma esta?
O marco estatutario é un corsé, pero só cando hai proxectos de goberno ambiciosos que o rebordan. Cando hai gobernos cativeiros, con limitada visión de país, utilizando a Xunta na disputa “turnista” do poder no estado e con escasa ambición, nese caso o Estatuto queda longo e as súas potencialidades infra-aproveitadas. Galiza gañaría moito tendo máis capacidade de decisión e gobernos que a exercitaran. Pero son algo escéptico. Creo que moitos galegos levan tempo acomodados nun esmorecemento benigno, e outros non se ven a si mesmos como galegos. Así nos vai…
Dada a dimensión e amplitude que está tomando esta crise, non ve necesario unha gran acordo de País no que participen ademais das forzas parlamentarias, os axentes sociais e as institucións máis representativas?
Á dereita e a Feijoo impórtalles un pito a visión de Galiza como país. Interésalles controlar o poder “rexional” que dá o Estatuto e poñelo ao servizo de Madrid e a beneficio dos seus.
“A música de transformar a economía nunha orientación verde e circular soa ben. Outra cousa vai ser a concreción. Polo que se coñece, vanse impulsar moitas iniciativas que responden ao vello modelo lineal, e pode que baixo o rótulo do cambio climático e a economía verde acaben colando proxectos ben pouco sustentábeis”.
Como avalía o comportamento da oposición nesta conxuntura? Que opinión lle merecen as súas propostas?
Non é este o momento de entrar en detalles, pero creo que a oposición, en xeral, está á altura de Feijóo. Obviamente, teñen ideas moito máis ambiciosas que Feijóo, pero é tal o poder da dereita e dos seus medios, que parece que as súas propostas se moven en parámetros moi parecidos. Eles escollen os temas e todos bailan ao seu son. Non hai capacidade de crear a idea de que Galiza necesita e merece outras políticas.
Todo parece camiñar na dirección de que hai empregos que non se recuperarán, empresas e negocios que non volverán a abrir, sectores produtivos que quedarán moi tocados. Que debería facer o goberno galego para evitar este escenario?
Hai que priorizar a aposta por unha mudanza no perfil do noso sistema produtivo e no modelo económico e de consumo. Pode haber actividades non sustentábeis que caen ou esmorecen nas que non merece a pena meter recursos públicos. Debería axudarse ás persoas, aos traballadores, pero orientalos cara outras actividades de futuro. É mellor que os recursos públicos se invistan en promover actividades de futuro, verdes, sostíbeis, socialmente útiles, tanto no sector primario como na industria e nos servizos ou no ocio. Defender todo o que había porque xa está aí e hai intereses ao seu redor, é unha actitude moi conservadora que non conduce a ningures. Por desgraza, vexo esa tentación na Xunta e tamén na oposición.