“Un país coa identidade de Galicia e a calidade do seu sistema literario non debería aceptar un 8% de negocio para o libro galego”
A Asociación Galega de Editoras acada neste 2023 catro décadas de existencia. Ten sido, pois, espectadora de excepción dun tempo de evolución e normalización da cultura galega e, simultaneamente, de preocupante perda de falantes da lingua propia de Galicia. O seu presidente, o editor Henrique Alvarellos, recunca no cargo logo da elección dunha nova directiva a fins do ano pasado. Cun horizonte onde se perciben luces e sombras, fía na conversa o pasado co presente, pero fai fincapé no futuro e nos desafíos que agardan. Por unha banda, a internacionalización do libro galego, isto é, a translación exterior dun poderoso torrente creativo que hoxe é a cultura e nomeadamente a literatura galega. Pola outra, ser profeta na terra, ou o que é o mesmo, animar ás galegas e aos galegos a optar polo libro no noso idioma.
texto Francisco Cortez-Lobão Sineiro fotos Fernando de Paz
A Asociación Galega de Editoras cumpre este ano os 40…
En xuño do 83 decidiuse formar esta asociación. Curiosamente, nun comezo non había unicamente editoriais. Había tamén unha imprenta, unha Fundación como era a Barrié e a Librería Librouro, que aínda funciona felizmente en Vigo. Foi unha xuntanza de empresas culturais que querían montar unha primeira asociación en defensa do libro galego.
Foi algo pioneiro na Galicia de momento, incluso se a consideramos como unha especie de rede cultural?
Claro. Naquel momento non existía o que hoxe coñecemos como industria cultural. Actualmente esa industria está consolidada en Galicia, con todas as eivas que se lle queiran sinalar. Hoxe somos 45 editoras, entre as que hai de todo: pequenas, micro, medianas, grandes… Representamos o 90 por cento do mundo editorial galego.
Como vai ser a celebración destes 40 anos?
Teremos un acto no mes de xuño con todas as presidentas e presidentes dende Bieito Ledo, o primeiro, xa no 83. Será en Compostela. Ademais editaremos un libro conmemorativo dos cen anos do libro moderno en Galicia, dende os pioneiros como Ánxel Casal, Quintanilla ou Leandro Carré. Neste libro conmemoramos o feito de que hai un século que naceron as editoras modernas en Galicia, que xa contaban con coleccións e estratexias publicitarias. O ano pasado celebramos un simposio sobre isto e recollemos as ideas. Tamén estamos a renovar a imaxe corporativa con Pepe Barro. E en setembro desenvolveremos un simposio específico sobre o 40 aniversario. Faremos balance destes corenta anos. Entre os 70 e os 80 botou a andar todo o asociacionismo cultural da democracia e naceron tamén, por exemplo, as outras asociacións do libro galego como a Federación de Librerías ou a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Era o intre de organizarse.
Presides a Asociación dende decembro de 2020 cunha directiva onde estades representadas oito editoriais.
A actual directiva representa, efectivamente, todos os perfís de editoras galegas. No meu caso represento unha pequena editora, editora como moitas outras da nosa asociación, e tamén están Galaxia, Xerais, Kalandra, Embora, Obradoiro, Hércules e Rodeira. Representamos o que se adoita chamar a ‘bibliodiversidade’. Das 45 editoras que conformamos a Asociación, máis da metade encaixamos no perfil dunha pequena empresa, con catálogos singulares. Somos “editoras de cultura”, pero non se entenda isto como un reducionismo fronte a un modelo de mercado. Somos editoras nas que o contido e a súa calidade é esencial, intentando chegar á maior parte de públicos posibles. No noso caso, primeiro pensamos nun contido de calidade que pague a pena e despois na súa difusión. É un debate que ás veces noutros sectores se apreciaría como un oficio de románticos.
A industria editorial galega é homologable á doutras culturas europeas?
A tipoloxía e a calidade da nosa produción está á altura de calquera outra cultura que coñezamos. Incluso recoñecida por riba doutras. Por exemplo, a literatura galega ten máis premios nacionais en activo cá catalá. En todos os xéneros. Dende veteranos como Alfredo Conde aos últimos premios como Ismael Ramos, Xesús Fraga ou Marilar Aleixandre. Esa cantidade de premios en activo non a ten o País Vasco ou Cataluña, malia a súa potencia editorial e forte identidade de seu. Dende ese punto de vista, nós temos unha situación privilexiada en canto á calidade dos contidos. Outra cousa é o músculo editorial e o do noso mercado. Unha das debilidades do sector é o seu volume de vendas.
A cifra de venda de libros en galego é baixa.
Está no 8%. De cada 100 compras espontáneas nas librerías de Galicia, 8 son de libros en galego. No País Vasco mércase un 17% de libros en éuscaro, e en Cataluña un 30% de libros en catalán, o que representa case un terzo. Fago esta comparativa porque son outras comunidades que contan con lingua propia. A nosa cifra é baixísima. Esa é a nosa gran loita. Un país coa identidade de Galicia e a calidade do seu sistema literario non debería aceptar unha cifra do 8% de negocio para o libro galego. As causas son moitas. Unha das principais, a falta de políticas activas en defensa do libro e da lectura en galego, que levamos moito tempo reclamando da Xunta de Galicia. Esa ausencia de estratexias e de políticas públicas aféctanos moito. Tamén nos faltan espazos de visibilidade do libro. Animamos ás librarías galegas a sumarse cada vez máis ao libro galego, porque ademais iso é tamén apostar polo -chamémoslle- comercio de proximidade, ou, se o queremos chamar así, polo libro “Km 0”. E animaríaas tamén a colocar o galego e o castelán xuntos, isto é, separar os libros por xéneros ou por temas, non por idiomas. Algunhas xa o están a facer. Realmente sería o natural.
A AGE tampouco atravesa o seu mellor momento nas relacións coa Xunta de Galicia…
Existen tensións acumuladas dende hai anos. Nós definimos dous obxectivos principais: un interno, en Galicia, e outro externo cara á internacionalización do noso sector. Internamente, pedimos superar ese 8%. Nunca existiu na historia democrática de Galicia unha campaña de lectura transversal, que chegue a todos os sectores da poboación e conte con investimento suficiente. O que nos move, tanto a librerías como a autores, deseñadores e editores, é a lectura. Lembremos que a lectura é o motor do coñecemento, ensánchanos a mirada e ábrenos fiestras. Ese é o principal obxectivo de todas as empresas que formamos parte do sector da cultura escrita: aumentar o público lector, especialmente na lingua que nos define e identifica, que é a lingua galega. As campañas de promoción da lectura foron sempre pequenas e fragmentarias. Ás veces non pasaron dun ensaio. A cultura debería ser un alicerce das políticas públicas como a educación ou a sanidade. Pero non o é, por moitos actos e actividades ao longo do ano que se realicen. Existe unha Lei do Libro de 2006 que aínda non se desenvolveu en aspectos esenciais como o carácter estratéxico do libro no sector cultural.
Cal é o segundo obxectivo, o que se dirixe ao mercado externo?
Levamos moitos anos reclamando que se tome en serio a internacionalización do libro galego. Que poidamos chegar facilmente a outros mercados, acudir ás feiras e dende a propia asociación xestionar os nosos stands. Non nos está a resultar útil acudir baixo a tutela da Xunta. Estamos a negociar con eles e esperamos chegar a un acordo. A supervivencia do libro galego tamén depende de ampliar mercados a través da compra e venda de dereitos. Que se traduza a outras linguas e traducir dende outros idiomas ao galego. Isto é fundamental porque o noso é un mercado pequeno. Somos 2.700.000 persoas as que vivimos en Galicia. O 60% desta poboación defínese lectora de libros. A lectura aumentou, de feito. Existen sinais luminosos que nos apartan do pesimismo. Sobre a internacionalización, en definitiva, nós reclamamos que a Xunta nos permita xestionar a presenza nas feiras internacionais, como a Liber hispanoamericana, a de Frankfort ou a de Boloña. E defendemos tamén que se cree un organismo, ás veces referido como Instituto Rosalía de Castro, que centralice, axude e acompañe ás empresas que queren ir fóra. Como existe en Cataluña o Ramon Llull e en Euskadi o Etxepare. O ano pasado, cando Soria celebrou a Expoesía e quixo contactar con algún organismo que lle puidese proporcionar un directorio de empresas e autores ou distribuidores, tivéronnos que chamar un a un porque non existía un interlocutor. Esas son as nosas dúas grandes reivindicacións: un plan lector a nivel interno, e o apoio á internacionalización a nivel externo.
Un bota de menos, falando de internacionalización, a tradución de grandes éxitos noutras linguas ao galego. Hai xa uns anos era habitual ver produtos para lectores novos como Astérix ou Harry Potter.
Non é viable economicamente. Non existen axudas suficientes e o noso mercado é moi pequeno. Hai obras que xa foron traducidas antes ao castelán e o público xa leu, o que reduce aínda máis a potencialidade dunha tradución galega. Outra cousa é a posibilidade de negociar directamente coas editoras estranxeiras, autores ou axentes, e de aí o interese de contar cun Instituto Rosalía de Castro. Por exemplo, que a obra saíse en galego á vez que en castelán. Ou que saíse tres meses antes en galego. Serían solucións para o libro galego.
No caso catalán, Barcelona tamén exerceu durante un tempo como capital da edición en castelán. Hai estratexias que se poidan importar para facer medrar o mercado editorial galego?
En Cataluña está un dos maiores selos editoriais do mundo, o Grupo Planeta. Ten pulmón para ter selos editoriais de todo tipo. É outra división con respecto á nosa. Hai un apoio social enorme, incluso con feiras de libro só en catalán. Somos sociedades distintas con cadanseu mérito. Non sabería dicirche se o modelo catalán funcionaría, pero eles teñen unha importante burguesía cultural xa dende o século XIX. Estarían as empresas galegas interesadas en apoiar á cultura?
Falta unha tradición de mecenazgo en Galicia?
Falta. Gustaríanos seducir, dende o mundo do libro, a pequenas, medianas e grandes empresas para que visen no libro, con todo o que supón, unha oportunidade. Por exemplo, na hostalería, a posibilidade de crear pequenas bibliotecas en hoteis con encanto con eses “libros de proximidade”. Esa clase de accións dende as pequenas empresas serían moi ben recibidas.
En marzo a AGE estará na Feira de Boloña con presenza de seu.
Si. Non imos coa Xunta porque non houbo acordo, pero iremos dentro da Federación de Gremios de Editores de España cunha “illa” propia. Neste tipo de eventos promovemos entre axentes e editoras os nosos propios contidos, facendo contactos en persoa. Estamos negociando coa Xunta para, no futuro, poder manter esta filosofía de traballo.
Antes falaba de factores de optimismo…
O libro mantén un indubidable prestixio social. Nas campañas de Nadal, por exemplo, todo o mundo quere que entre os agasallos do fogar haxa un libro. Outros formatos culturais perderon esta posición, pero o libro continúa a ser un obxecto prezado. E existe unha sorte de retorno ao “Km 0”. Editoras independentes e librerías alternativas ao libro xeralista experimentan un retorno de centos de lectores que buscan algo distinto. Queren contidos coidados, e libros con propostas distintas. Será interesante observar como irá isto no futuro.
E a pandemia? Como afectou ao sector? Por unha banda imaxino que mudou hábitos, pero tamén estamos a vivir agora unha crise de materiais…
No noso caso afecta a suba do papel, que comezou a finais de 2021, antes da guerra da Ucraína. Afectou gravemente ao mercado do libro e aos prezos nestes meses pasados. Algúns papeis duplicaron o seu prezo. Pero na pandemia houbo un retorno á lectura, como tamén sucedeu co mundo audiovisual. Nós estivemos tres meses pechados coma todo o mundo, sen poder producir, pero no Nadal daquel ano e do ano seguinte, isto é, 2020 e 2021, cando se esperaba un gran baixón, non o houbo. A xente redescubriu a lectura como unha táboa salvavidas no medio da pandemia. Unha vez que a xente descobre a lectura, prende nela. Esa ansia de pracer e de procura do coñecemento non desaparece.
Que supuxo a aparición do libro electrónico?
Non podemos dicir que o libro dixital sexa un bluf, porque o dixital desterrou as enciclopedias e os dicionarios. Pero aqueles anuncios de hai unha década segundo os cales o libro electrónico acabaría co papel non se cumpriron. As editoras que máis apostan pola dixitalización recoñecen que a venda é ínfima, se ben é necesario manter ese formato ao dispor do cliente. Pero o ingreso por descargas de epubs non supera o 5% da facturación. Outra cousa é se falamos da dixitalización do proceso editorial. Iso cambiounos a vida a todos. Agora imprimimos en dixital e isto facilita moito as tiradas pequenas a custos admisibles. Hai uns 15 ou 10 anos, facer unha segunda tirada obrigaba a repetir todo o proceso. Esta transformación axudou á supervivencia do mercado editorial galego. A dixitalización, xa que logo, permitiu abaratar custos de impresión, pero tamén outros procesos como o deseño, a maquetación ou a promoción. Isto permítenos subsistir e, por tanto, a dixitalización foi positiva.
E como ves o panorama nesta década?
Vivimos unha época de cambios. Xa hai unha xeración de rapaces de 15 anos que naceron coa revolución dixital, polo que hai moita incerteza a poucos anos vista. A década dos 20 será de cambios pero, dende logo, a anunciada morte do libro en papel non se produciu. De feito, a literatura infantil ata 10 ou 12 anos non só resiste ben senón que medra en toda España. Hai que aclarar que en Galicia existen dous mercados do libro: o de libro en galego e o do libro en español. Cando se di que medra a lectura e a venda de libros, hai que ter en conta que habitualmente o que medra é o español. Ese mercado está forte, pero o mercado do libro galego segue estando máis feble. Hai que recoñecer, como dato positivo, o impulso dos “prescritores” dos libros, desas redes de bibliotecas escolares e municipais que son sustentos para a lectura en galego e fan un traballo enorme. Por outra banda, os medios xeralistas non dedican espazo dabondo ao libro galego.
Os eventos que hai en Galicia funcionan?
Hai moitos apoios municipais, moitos premios, feiras, accións culturais, semanas do libro… Todas elas son benvidas porque todas suman, pero ao mellor podería regularse todo un pouco para aproveitar sinerxías. Hai algunhas feiras moi potentes, como a da Coruña, a gran feira do libro de Galicia, e outras que necesitan un pulo. Nós achegamos contidos e autores a este tipo de eventos que organiza a Federación de Librerías. Un exemplo de entendemento é que dende hai oito anos a nosa asociación, a de librerías e a Asociación Galega de Escritores convocamos os Premios Follas Novas e a Gala do Libro Galego. Durante máis de trinta anos fixemos premios por separado. Esta unión fortalece, sen dúbida, a todo o sector.