Deuses e monstros

| Sin categoría

La madre de Frankenstein, o último libro da serie Episodios de una guerra interminable de Almudena Grandes, ten por protagonista a Aurora Rodríguez Carballeira, nai e asasina confesa de Hildegart, a “nena prodixio” que se tornou célebre na loita pola emancipación da muller durante a Segunda República. A publicación do libro é un bo pretexto para revisitar o caso da famosa parricida ferrolá, autora dun crime que escandalizou á sociedade dos anos 30, e cuxa patoloxía, a paranoia, ten límites tan difusos coa normalidade (se é que esta existe) que cuestiona as nosas certezas mais tranquilizadoras. Por outro lado, tal como refire Guillermo Rendueles, autor dun libro dedicado a Aurora, este caso, cheo de ambigüidades e contradicións, fainos pensar no risco de esvaramento cara a loucura e o fanatismo que toda utopía pode conter.  Grandes esclareceu en diversas entrevistas a orixe dos Episodios: durante a preparación da novela El corazón helado, viuse obrigada a facer unha inmersión na posguerra que lle permitiu descubrir historias insólitas que arquivou nun caderno. Foi este caderno o embrión da futura serie de Episodios, un proxecto que naceu como unha tentativa de recuperación da memoria histórica da posguerra ¾que tivo como modelos os Episodios Nacionales de Galdós e o Laberinto mágico de Max Aub¾, onde, tal como nos modelos, se mesturan personaxes reais e ficticios. A de Aurora foi unha das historias conservadas no caderno. 

Aurora era filla dun procurador do Ferrol con ligazóns familiares á masonaría, que tivo desde nena unha relación moi conflitiva coas figuras femininas (nai e irmá) e desenvolveu axiña unha identificación co pai. 

Aurora era filla dun procurador do Ferrol con ligazóns familiares á masonaría, que tivo desde nena unha relación moi conflitiva coas figuras femininas (nai e irmá) e desenvolveu axiña unha identificación co pai. Interesouse desde nova polos socialistas utópicos, os teóricos do anarquismo e a euxenesia, e chegou a acariñar a idea da creación dunha colonia onde sería posible realizar unha rexeneración da raza. Despois da morte do pai, decidiu ter unha filla a través da que coidaba materializar os seus soños de transformación da sociedade. Para isto, escolleu un “colaborador fisiolóxico” con quen se someteu ao que ela chamou tres “afrontas sexuais” ata conseguir quedar embarazada. Trasladouse despois a Madrid, onde naceu a filla, a quen puxo o nome simbólico de Hildegart (en alemán “xardín de sabedoría”). A educación da nena foi obxecto dunha planificación exhaustiva por parte da nai. Sen tempo para xogar, Hildegart dedicouse exclusivamente aos estudos, o que lle permitiu atinxir resultados sorprendentes: antes dos 10 anos falaba catro linguas, aos 13 entrou na Universidade e aos 17 xa concluíra a carreira de Dereito.   Comeza a escribir aos 13 anos en diferentes xornais e revistas (La Tierra, El Socialista) sobre temas coma a emancipación da muller, a educación sexual, o aborto, o amor libre, a abolición da prostitución e o control da natalidade. Escribiu ata o momento da súa morte, aos 18 anos, 15 libros e centos de artigos, cuxa autoría (exclusiva ou froito da colaboración da nai?) continúa sendo obxecto de discusión. Hai tamén nos seus textos unha evidente influencia do movemento euxenista, que nos anos 30 cativaba o mundo occidental, cuxos alicerces eran o darwinismo social e o neomalthusianismo. Talvez sexan estes textos os que provocan un maior rexeitamento no lector actual, especialmente aqueles nos que defende a esterilización e ata a eliminación dos discapacitados e dos pacientes psiquiátricos.   Convén ter en conta, con todo, que esta teoría seducía daquela non só aos partidos fascistas senón tamén aos partidos de esquerda, incluíndo o movemento anarquista. Hildegart entra tamén na política e afíliase ás Xuventudes Socialistas e á UXT. Máis tarde, o rexeitamento da estratexia do PSOE de entendemento cos partidos burgueses, á que dedicou artigos críticos, levouna a darse de baixa para afiliarse ao Partido Federal, fundado por Pi i Margall. 

Hildegart estabeleceu contactos internacionais con figuras senlleiras do movemento de reforma sexual, coma Havelock Ellis en Gran Bretaña e Magnus Hirschfield en Berlín. Estimulada por eles, participa, coa colaboración de Gregorio Marañón, na creación da Liga Española para a Reforma Sexual.  

Hildegart estabeleceu contactos internacionais con figuras senlleiras do movemento de reforma sexual, coma Havelock Ellis en Gran Bretaña e Magnus Hirschfield en Berlín. Estimulada por eles, participa, coa colaboración de Gregorio Marañón, na creación da Liga Española para a Reforma Sexual, da que foi secretaria e redactora do seu órgano de expresión, a revista Sexus 

Unha nai omnipresente e o detonante do crime 

Mais ímonos deter un intre na análise da relación simbiótica entre nai e filla. Aurora sentiu desde nova unha forte pulsión para mudar a situación da muller na sociedade e mostrouse fascinada coas posibilidades de melloramento da especie que ofrecía a “enxeñaría social”. A decisión de ter unha filla estivo ligada en parte a estas dúas pulsións, ademais de servir de compensación das súas fraxilidades narcisistas. De feito, educou a súa filla para ser o paradigma da “nova muller”, unha sorte de “supermuller” nitzscheana que fose ao mesmo tempo o brazo executor da nai. A aparente misión liberadora de Hildegart respondía no fondo aos desexos inconscientes de omnipotencia da nai. Unha nai omnipresente que asistía coa filla ás clases da universidade e que se transformou na súa sombra en todas as aparicións públicas.  

Todo en Aurora resulta contraditorio: afirma loitar pola emancipación da muller, mais demostra ter odio pola condición feminina ao describirse como posuidora dun “cerebro viril”; di que é anarquista e, porén, é unha defensora entusiasta da “enxeñaría social”. 

O dirixente socialista Julián Besteiro, profesor da filla na Universidade, confesou que a imaxe das dúas sentadas xuntas na aula lembráballe a un cachorro de canguro dentro da bolsa marsupial da nai. Hildegart foi, de feito, unha prótese ou apéndice narcisista da nai, unha nai paranoica, fálica e hipercontroladora, que, ao mesmo tempo que incentivaba a actividade pública da filla, castraba o seu desenvolvemento sexual, proxectaba nela as súas frustracións e rivalizaba con ela. Resulta paradoxal que alguén que pretendía loitar pola liberación da muller, considerase que esa liberación era aplicable a todas as mulleres excepto á filla. Todo en Aurora resulta contraditorio: afirma loitar pola emancipación da muller, mais demostra ter odio pola condición feminina ao describirse como posuidora dun “cerebro viril”; di que é anarquista e, porén, é unha defensora entusiasta da “enxeñaría social”.   O detonante do crime foi o apaixonamento de Hildegart por un compañeiro de filas do Partido Federal xunto coa decisión de aceitar un convite para ir vivir para Inglaterra. Ambas as decisións puxeron a nai en alerta: reflectían que Hildegart preparábase para cortar o cordón umbilical con ela. A partir dese momento, comezou a sospeitar que a Intelixencia Británica tentaba recrutar á filla. O delirio de persecución e o de interpretación foron gañando forza ata chegar á conclusión de que debía destruír a súa “obra” antes de que fose neutralizada pola conspiración internacional. O 9 de xuño de 1933, na noite tráxica do filicidio, despois dunha discusión con Hildegart, dispara catro tiros á filla e diríxese ao bufete dun avogado para confesar o crime.  O xuízo tivo unha repercusión sen precedentes na prensa e os principais xornais mandaron correspondentes para cubrir o caso. O redactor xefe do xornal anarquista La Tierra, Eduardo de Guzmán, publicou por entregas as entrevistas que fixo á parricida na prisión. Tanto a acusación como a defensa solicitaron peritaxes psiquiátricas. Os peritos da defensa, Sacristán y Prados Such, concluíron que Aurora tiña un cadro delirante crónico, unha paranoia con delirios de grandeza, interpretación y persecución. Falamos dunha psicose sen alucinacións, con clareza de consciencia, caracterizada por delirios estruturados e sistematizados, o que pode facilitar que sexan “compartidos” por outras persoas. Tendo en conta o diagnóstico, determinaban que non era responsable e debía ser tratada nun manicomio.   Os peritos nomeados pola acusación, Antonio Vallejo Nágera (que mais tarde, durante a guerra civil e a posguerra, transformouse nun dos mais conspicuos psiquiatras do franquismo) e Piga, chegaron a unha conclusión contraria: Aurora era unha psicópata paranoide, noutras palabras, tiña un trastorno de personalidade  ¾que, no ámbito forense, non se considera unha doenza psiquiátrica tout court¾ e, por tanto, tiña capacidade para diferenciar o ben do mal. Sendo responsábel, debía cumprir a pena nunha prisión.  

En 1989, o psiquiatra Guillermo Rendueles descobre a historia clínica de Aurora en Cienpozuelos e publica unha análise exhaustiva do caso que titulou El manuscrito encontrado en Ciempozuelos, onde confirma que a parricida falecera de cancro no manicomio en 1956.  

O xurado inclinouse pola tese da acusación e Aurora foi condenada a 26 anos de prisión e entrou no novo cárcere das Ventas, inaugurado por Victoria Kent e dirixido daquela por Francisco Machado, irmán dos poetas. Nesta prisión tivo innumerables conflitos debidos ao plano de reforma do sistema penitenciario que comezou a idear. Alí estivo ata 1935, cando a Audiencia Nacional substituíu a sentenza por un internamento psiquiátrico, momento en que foi transferida ao Hospital Psiquiátrico de Mulleres de Ciempozuelos, onde non tardou en maxinar un proxecto de reforma dos manicomios, unha distopía social que exixía que todos os cidadáns pasasen un tempo nun psiquiátrico para saber se tiñan condicións psíquicas para a reprodución. 

No manicomio de Cienpozuelos 

A continuidade da biografía de Aurora perdeuse durante o seu ingreso en Ciempozuelos. Ninguén tiña a certeza se morrera alí ou se fuxira coa confusión da guerra. Criouse arredor dela un misterio que facilitou a construción de diferentes relatos sobre o seu hipotético desenlace. Fernando Arrabal contaba, por exemplo, que cando estreou en Nova York a peza La virgen roja, dedicada a Hildegart, pasou todo o tempo a pensar que Aurora ía aparecer no teatro en calquera momento da función. Os pasos na recuperación da historia de Aurora e Hildegart son ben coñecidos. En 1973, Guzmán publica o libro Aurora de sangre coas entrevistas que fixera a Aurora. En 1977, Fernando Fernán Gómez inspírase no libro de Guzmán, antigo correlixionario, para facer o filme Mi hija Hildegart. Finalmente, en 1989, o psiquiatra Guillermo Rendueles descobre a historia clínica de Aurora en Cienpozuelos e publica unha análise exhaustiva do caso que titulou El manuscrito encontrado en Ciempozuelos, onde confirma que a parricida falecera de cancro no manicomio en 1956.   O libro de Rendueles permitiu ter acceso á historia clínica do internamento de Aurora en Ciempozuelos. Sabemos así que nunha determinada época confeccionou con farrapos un boneco do tamaño dun home ao que esperaba transmitir vida. Creara, esta vez, un fillo perfecto que non ía ofrecer resistencia aos desexos dunha nai omnipotente. Aurora transformárase finalmente na “nai de Frankenstein”.  O libro de Grandes describe a miseria moral da posguerra española partindo do microcosmos do manicomio de Ciempozuelos, escenario por onde desfilan personaxes de ficción (como o psiquiatra protagonista, inspirado só en parte na vida de Castilla del Pino) e personaxes históricos (como os psiquiatras López Ibor ou Vallejo Nágera, quen no seu libro La locura y la guerra (1939) non tivo pudor en analizar a “patomorfoloxía da criminalidade revolucionaria marxista”, unha criminalidade que afirma que “non se producira na zona nacional”). Tal coma a autora afirma no seu libro, o manicomio de Ciempozuelos “era un modelo a escala da sociedade à que pertencía, unha miniatura patolóxica dun país enfermo”.