ENSAIO
Xosé Manuel Núñez Seixas. Imperios e danzas. As Españas plurais do franquismo. Editorial Galaxia. Vigo, 2021.
por Manuel Forcadela
No mesmo lema, tantas veces repetido, do franquismo, “una, grande y libre”, había varias contradicións implícitas que non sempre foi doado resolver. Como facer canxar a unidade coa grandeza, a unidade coa liberdade, etc. Así que nos afáns de restauración do imperio, propósito simbólico que nunca se logrou, toda vez que o imperio foi minguando máis e máis, xurdían dúbidas que non precisaban ser públicas para formaren parte da debilidade ideolóxica do propio rexime. Que a grandeza de España equivalese á súa unidade, tanto podía implicar monotonía como politonía, repetición dun mesmo molde ou aceptación dunha pluralidade. Mais a historia demóstranos que esa unidade logrouse a base de ceder na súa grandeza e, sobre todo, na súa liberdade. España mantívose una, verdadeiro propósito da tríade retórica, a cambio de reducir a súa grandeza real e simbólica, un termo secundario de dificil interpretación, unha vez sobardaba o ámbito da extensión xeográfica, e apretando até o límite na trela da súa liberdade.
O recente libro de Xosé M. Núñez Seixas, publicado por Galaxia, indaga en todo ese corpus de expresión política, evidenciando que o franquismo non soubo disimular o seu obxectivo central de preservación da unidade, fronte a todos os perigos separatistas: “prefiero una España roja a una España rota”, en palabras de José Calvo Sotelo, xefe da oposición de dereitas en 1936. Así, malia a presenza dunha sorte de rexionalismo fascista, homólogo ao dos seus socios europeos, de distintos graos, escalas e condicións, sempre inimigo de conducir esa pluralidade contra o centro supremo do altar e do comando, a imposición do modelo cultural, folclórico e lingüístico da España de base castelá e andaluza, extremeña e murciana, herdado do 98, proseguíu durante catro décadas.
Non pode obviarse que o xurdir e o avance do franquismo foi consecuencia do auxe dos nacionalismos periféricos e claramente contrario ás tentativas de reequilibriar a ponderación entre Estado e nacións.
O autor presenta unha análise erudita e moi detallada do proceso que liga a aparición do fascismo en España e en Europa e as variadas maneiras de proxectar no simbólico e no ideolóxico-imaxinario as tensións entre o diverso e o íntegro, entre o múltiplo e o unitario, até o inicio do Guerra Civil. Así como o posterior desenvolvemento do proceso, unha vez rematada a guerra, mostrando as distintas tentativas de relato, unha vez evidenciadas as diferenzas (nacionais) na expresión lingüística, nas condicións históricas, legais ou mesmo de interpretación das paisaxes e do país intrínseco. Ou a particular amplitude e importancia que adquire a expresión flolclórica como síntoma do íntimo
popular, que non ten por que desorientar nin distraer no “destino común de España no universal”.
O autor ten sinalado ao presentar a obra que: “Ata o ano 45 a retórica imperial estaba omnipresente e plasmábase nunha articulación centralista, baseada nas provincias. De aí ata o ano 1960, reláxase a actitude represiva sobre as culturas periféricas e vólvense a editar obras no que de aquela chamaban linguas vernáculas. Primeiro son relixiosas, e logo fóronse ampliando gradualmente os xéneros. Nos anos 60 emerxe un novo discurso político no que xa se contempla máis esa pluralidade. O desarrollismo considerou que as provincias quedaban pequenas e había que crear un rexionalismo funcional.”
Libro de grata e necesaria lectura para entendermos quen somos e como nos conduciron até aquí as correntes e enxurradas da Historia.