CONTRA AS HISTORIAS OFICIAIS

| Sen categorizar

ENSAIO
De Compostela a Braga e de Braga a Compostela
Miguel Vázquez Freire
Edicións Positivas. Santiago, 2022
100 páxinas

 

por Mario Regueira

O feito de estar separada entre os dous estados-nación ibéricos, cada un co seu propio relato histórico, segue a pexar o noso coñecemento sobre a Galiza medieval. Se a historiografía española teima en inventar liñaxes reais e sucesións inequívocas de todos os reinos para a constitución inevitábel da nación hispana, algo semellante acontece tamén con Portugal. Unha das reflexión de Miguel Vázquez Freire é xustamente como se pode contar unha historia de galegos malos e portugueses heroicos antes de que sequera existise algo chamado Portugal.

Que o país luso se formase dun vello condado que foi parte do sur da Galiza histórica segue a ser unha das cousas máis incómodas de enunciar por estas latitudes. Unha separación filla das rivalidades da nobreza e da igrexa e que aínda hoxe segue a ser sobredimensionada para xustificar, por exemplo, que as diferenzas anecdóticas entre a fala norte e a fala sur da parte occidental da península corresponderon, agora e desde o medievo, a dúas linguas ben diferenciadas e que non cabe a moito máis lóxica hipótese codialectal.

Loitar contra as historias oficiais é loitar contra as inercias. Ese é o grande mérito deste pequeno ensaio, o de axitar unha atiradeira contra os xigantes que trataron de naturalizar unha única versión dos feitos. Se cadra a Historia ten opcións máis aló de ser un relato, pero non foron nunca as opcións que xogaron os exércitos historiográficos estatais, como ben demostra o relativo descoñecemento das figuras e acontecementos que non poden empregarse para lustrar o seu marco xeral a maior gloria de nacións que se pretenden antiquísimas e sempre coherentes na súa identidade. A incapacidade para encaixar a figura de Xelmírez neste discurso, por exemplo, un home que se moveu na defensa duns intereses que balanceaban entre o poder persoal e o fortalecemento de Compostela como un dos tres núcleos da cristiandade.

É ben, con todo, deixar claro, como fai o propio autor, que esta peza está lonxe de ser un ensaio historiográfico. O seu territorio é o da divulgación e a curiosidade, acollido nunha colección de Positivas na que tamén apareceron xa outros volumes dun ton similar. Coñecer a intrahistoria da rivalidade entre Braga e Compostela, mergullarse no roubo de reliquias, nos xogos de alianzas e nas intrigas para restarse poder mutuamente é un exercicio que hoxe nos parece divertido. Percibir como de todo isto se orixinou a separación da Galiza histórica en dous pobos entra no ámbito do fascinante. Non se lle pode pedir máis a unha obra que busca dar a coñecer, un pouco por curiosidade e un pouco por lexítima sorpresa, os rincóns escuros do noso mesmo ser.