NARRATIVA
Coidadora. María Marco. Xerais. Vigo, 2021. 184 páxinas
por Ania González
Coidadora de María Marco, Premio Xerais de novela 2020, foi o antepenúltimo agasallo do meu pai. Tras dela viñeron Caderno de Memòrias Coloniais de Isabela Figueiredo e La miseria del historicismo de Karl R. Popper. Foi un agasallo que compartin co meu mozo e dous dos meus mellores amigos, que emocionou a unha das miñas amigas máis inaccesibles, fíxome chegar o convite a publicar que pensaba lograra evitar e o mellor, o abrazo da súa autora coa que compartira, antes da súa particular viaxe ao centro da terra, un compromiso especial no exercicio libertario da crítica cultural.
Coidadora é unha confesión íntima, sabedora de ser colectiva, preparatoria da experiencia futura que será coñecer os límites físicos e mentais dos nosos seres queridos, os nosos propios e os da comunidade social na que inevitablemente teremos que buscar coidado. É por iso que a súa estrutura narrativa, tan liviana que parece non ser, leva lizgaira unha lectura que con facilidade podería ter afundido na traxedia. Ese é o acerto da súa autora, contar a historia e manter o segredo.
Esta primeira novela de quen ata o de agora achegárase á escritura desde a crítica de arte, a investigación académica e a arte contemporánea, de liberdade radical para recoñecer as propias obsesións como forma artística válida, trata temas literarios universais como o amor, a loita pola conservación da vida e a superación do esquecemento. E faino seguindo o fío vermello da historia da arte e da antigüidade a través do espello do costumismo íntimo da vida dunha rapaza singular nunha vila mediana. Unha muller que sofre de dismorfia pois é á vez a súa avoa, a súa nai, a súa filla e a súa neta en tempos transtornados que transcurren paralelos, presentes, pasados e futuros. Unha Alicia no país das des-maravillas que afunde o seu pánico ao xuizo público, neste caso á diagnose médica, nun tobo poboado de estranas personaxes nas que atopa as ensinanzas necesarias para asumir a súa coraxe interior e voltar á vida na superficie radicalmente transformada nela mesma.
Ademáis da autoreferencialidade xurdida do coñecemento persoal da autora sobre as condicións sociais que afectan ás enfermidades neurodexenerativas, e a reflexión sobre a súa integración nos plans de sustentabilidade nun contexto social como o galego, destaca en Coidadora, pese á modernidade canónica da súa estrutura, a potencia clásica de feitura histórica. O filósofo e historiador R.G. Collingwood en “Idea de la historia” xa nos advertira en 1946 que “o inmutable non é a historia, o histórico é o suceso transitorio”. Nese sentido, María Marco coa súa escolma de ideas e días consegue armar, nunha mestura en xeral equilibrada entre ciencia e ficción narrativa, un sistema de personaxes, lances e relatos en fuga temporal constante, desde o que podemos albiscar unha prometedora cosmoloxía persoal preparada para madurar nunha voz literaria brutal e despiadadamente atravesada pola liberdade do texto na arte. Unha rara flos de nome Rosunia capaz de transformar a vida finita en formas novas, literarias ou non.