Babylon, o Hollywood dos 20

| Sin categoría

CINEMA
Babylon
Dirixida por Damien Chazelle
Guión: Damien Chazelle
Reparto: Margot Robbie, Brad Pitt, Diego Calva, Jean Smart, Li Jun Li, Jovan Adepo, Tobey Maguire, Max Minghella, Katherine Waterston, Samara Weaving, Eric Roberts, Lukas Haas, P.J. Byrne, Jeff Garlin, Rory Scovel, Damon Gupton, Spike Jonze, Olivia Wilde, Phoebe Tonkin, Ethan Suplee, Jennifer Grant, Chloe Fineman, Olivia Hamilton, Patrick Fugit, Kaia Gerber, Flea.
EE .UU., 2022

 

por Xan Daniel García Rodríguez

Todo comezou nunha casa no medio do deserto. Todo comezou nunha monumental orxía, na que había todo o que adoita haber nunha bacanal, así literalmente. E estaban tamén personaxes “consagrados” (actores, directores, produtores) do mundo do cinema de Hollywood. Pero, sobre de todo, víanse xentes, moitas xentes, xentes humildes que andaban á pescuda dun golpe de sorte, que as elevasen ós cumios do éxito, a sona e mailos cartos, ou que simplemente fixese posible a súa participación nun casting por mor de principia-la súa carreira artística. Babylon é unha película cuxa materia encaixa no xénero “cine sobre cine”; máis en concreto, este filme versa verbo da historia do cinema “made in California” e, específicamente, sobre os momentos de transo e tránsito entre o cinema mudo e o cinema sonoro (un intre que mudou esencialmente a realidade da Séptimo Arte).

O filme vai combinar as rodaxes en grandes espazos abertos (coma o deserto Californiano do Val da Morte) e espazos pechados (como son, poñendo por caso, os estudos de grabación da industria do cinema); asemade, atopamos neste filme tanto escenas diurnas coma nocturnas. Todo isto, e máis o numeroso cadro de actores e secundarios, e otras diversas circunstancias, serve para dar unha idea sobre a vontade (consciente ou inconsciente) do director Damién Chazelle ( que o foi tamén – director- de La la land) de tomar en consideración este último filme, de cara a fixar semellanzas en Babylon e na súa feitura. E o contexto xeográfico de Los Ángeles no que transcorren ambos os dous filmes non é, nin moito menos, o único parecido entre as dúas películas. Existen tamén todas as semellanzas coreográficas e musicais, observables xa a primeira vista, e o feito de centrarse ambas no mundo do espectáculo…e outros parecidos. Non se pode ignorar, porén, que a imaxe que se dá de Hollywood, e mesmo a actitude verbo da “Meca do Cinema” son radicalmente diversas nunha e noutra película; a título indicativo, é rechamante o nome de Babylon , por canto bíblica e historicamente Babilonia significa decadencia, dexeneración, depravación…(nada que ver coa “cidade da ilusión” que se plasma en La la land.

“Mani” (Manuel) Torres, fillo de emigrantes mejicanos, é o protagonista indiscutible do filme. Mani é un sobrevivinte, que exerce de “chico-para-todo” no estudo cinematográfico. Xa antes, aquel mesmo día de festa, aparece na escena inicial do filme, na que, nun contexto surrealista-daliniano, está ocupado en transportar … ¡un elefante! con destino á devandita festa organizada por un dos magnates da industria cinematográfica.

Ese día, nesa festa, Mani vai atopar a musa da súa existencia, o eterno amor da súa vida, amor a primeira vista… ¡Nelly LaRoi!… aquela roiba abraiante na súa beleza, aquela rubia de ferro no seu carácter. Mani non vai esquecer nunca-nunca-nunca aquela portentosa muller rebordante de enerxía, aspirante a actriz, que falaba de xeito procaz e groseiro… E agromou o amor en Mani, sobre do alboio da soedade!. Nelly LaRoi, cuxo máximo desexo é ir (e estar incluida) nunha rodaxe. Curiosamente (existe o destino?) éste é tamén fervente anceio de Mani, que esa noite tamén o vai atinxir, grazas a Jack Conrad, unha estrella de Hollywood (interpretada por Brad Pitt), quen llo ofrece despois de lle ser negado miserablemente (Quizáis pola súa orixe étnica mejicana?) por un dos seus xefes no estudo de cinema.

Ese día, esa noite, esa madrugada…vanse enguedellar os fíos vitais e profesionais dun futuro executivo da industria cinematográfica de Hollywood, e máis dunha actriz bastante “asilvestrada” que se ha converter en estrela a pesar dela mesma e das súas adiccións. E falarán, as horas pasaban lentas, falarán de todo: de eles mesmos, do que significa para eles o cinema (Mani dille á súa musa que o cine é algo máxico, no que “os que morren non morren de verdade”). Iso si, na relación entre ambos os dous, vai ser Mani quen desempeñe, con insistencia e teimosía, o papel de “namorado”, e só moi adiante, no decurso do filme, Mani ha acadar a mínima correspondencia nos seus sentimentos (a isto cómpre engadir que Nelly é terriblemente inestable e difícilmente accesible no eido emotivo).

Naquela festa, coma se de recíproca maxia se tratase, tamén Nelly LaRoi atinxirá a súa cobizadísima presenza nunha rodaxe, e coa súa interpretación nesta, acadará a entusiasta aceptación da directora do filme, á que a súa naturalidade actuando deixará abraiada. Albízaras! Ledícia!… A esta rodaxe de Nelly seguirán outras que a consagrarán en Hollywod (no decurso dalgunha delas xurdirán situacións mesmamente cómicas anque adoezan de certo fastío: como é o caso da feitura dunha escena na que se ven na obriga de repetir a mesma toma unhas dez (?) veces).

Mani, da man dun gran trompetista afroamericano e da súa banda, lanzará a súa carreira na industria do cinema, convertíndose en executivo da mesma. Por oídas chegaranlle, e daralles oídos, novas verbo das crises de Nelly, a súa decadencia (a jet clasista e machista de Hollywood dirá que “semella ser unha prostituta”). E, alén de todo, Nelly continuará e incrementará a súa temperán adicción á politoxicomanía, xogo, alcohol, drogas… fronte a todo isto, dadas as circunstancias, Mani, máxime reparando nos seus sentimentos, fai todo o que pode por axudar a Nelly. Consegue que vaia a unha festa con “xefazos” de Hollywood, na que Nelly ten unha actuación moi pouco discreta, e mesmo escatolóxica (algo que por moi xustificado que estivera e estivese, causoulle grandes prexuízos a actriz no mundo da industria do cinema).

Mani, así e todo, aínda conseguirá algún papel para Nelly en ulteriores filmes, pero ela volverá a rexeitar as novas oportunidades que se lle ofrecen.

O desenlace do filme comezará, como a morte, coa escuridade, na noite. Na noite, nunha noite, pola noite… Nelly peta con teimosía e desesperación na porta da casa de Mani. A partir de aquí, o filme vaise converter nunha constante fuxida; e, por certo, nin sequera nunha fuxida cara adiante. É unha fuxida que ten orixe nunha cantidade de 85.000 dólares que Nelly, divertida pero ludópata, lle quedou a deber á mafia.

Na súa fuxida, que pretenden que sexa a México, terán que carrexar, non alegría, senón as propias adiccións de Nelly, que non acaba de renunciar a cocaína. Antes de fuxir definitivamente, Mani intentará un último arranxo in extremis, facendo un pago supostamente válido, e acompañando ós mafiosos a un lugar que estes designan “o cú de Los Ángeles”, e onde entre caimáns, escuridade, yonquis, ludópatas e outros horrores acabarán batendo cun home cuxo “espectáculo” consiste en comer ratas vivas, entre a admiración dos gansters. Neste “descenso ós Infernos”, naquelas profundas galerías onde fora conducido pola Mafia, vai comezar a fuxida propiamente dita, á que seguirá un tráxico final; a recreación de quen relembra con nostalxia os vellos tempos, e un remix que combina imaxes presentes e flashbacks.

Verbo doutras cuestións

A loita de clases está presente neste filme, xa dende a “festa” coa que Chazelle nos recrea os ollos ó principio da película; aí queda patente a diferencia entre integrantes da jet set e, doutra banda, os membros das clases populares (Hollywood como entidade e estructura elitista!). Pero non só no mometo da orxía, senón que a loita de clases é unha constante ó longo de todo o filme, incidindo e desbotando falsos mitos, coma o do “soño americano” ou o do “home feito a sí mesmo”. Por moito que traballou honradamente toda a súa vida, Mani nunca acadou o nivel de vida dos delincuentes, sociópatas e psicópatas da mafia cos que tivo que lidar; nin tampouco nunca chegará a amasar os millóns de dólares de aqueles. E o máis triste é que as desigualdades son interiorizadas pola propia persoa que a sufre: o pobre Mani, cando lle están a apuntar cunha pistola, e fica pregando que non lle fagan nada, di que “eu non son nada, que son un mejicano…!Alienación e Autoodio!.

A crítica social do sistema prosegue implícitamente, con cuestións coma o abuso das armas na sociedade americana ou, de xeito explícito e algo máis frivolamente, a corrupción representada polo soborno dun policía no momento no que Mani está a transportar o elefante á casa do rico.

Hai algo que resulta rechamante neste filme, que é a presencia do absurdo, que se presenta como un concepto eminentemente estético, como é o caso do elefante carrexado por Mani. Tamén estética, pero ó tempo xa con outras connotacións, é a absurda caza, no Val da Morte, dunha serpe de cascabel que está a piques de causar a morte de Nelly, e que reflicte o baleiro existencial no que están mergullados os participantes na cerimonia. Quizáis os rasgos estéticos destas aparicións do absurdo respondan á coincidencia temporal coas vangardas artísticas da época (lembremos que o filme está cronolóxica e explicitamente datado dende o ano 1926 – e ata os anos 50-). Tamén absurdo, pero sobordando claramente o ámbito puramente estético, é o suicidio de Jack Conrad, que ben podería significar a morte do “vello Hollywood”.

O filme resíntese de certa lentitude, sobre de todo en certos momentos. Alen disto, sóbralle moita metraxe: tres horas son excesivas.

A tradición do cinema sobre espectáculos

Adóitase en Hollywood elaborar cinema sobre espectáculos, especialmente cine sobre cine, pero tamén sobre outros xéneros (teatro, concertos musicais, deportes…). Espectaculares para a época eran os filmes sobre natación de Esther Williams ou as primeiras películas verbo do circo; sobre teatro, hai obras como Tío Vania, de Antón Chejov. Filmes musicais inesquecibles como Cotton Club, Chicago ou La la land. Cine sobre cine histórico como Ave Caesar, dos irmáns Cohén. Xa son vellos os filmes de carreiras de cuádrigas, pero non tanto, e bastante máis recentes, películas como Boogie Nights ou Pleasure, que se ocuparon da elaboración e feitura do cinema pornográfico.

Todos estes filmes (e moitos máis) caracterízanse porque neles existe un dobre nivel de realidade e de relacións: por unha banda, o que se refire ó espectáculo e á sua conformación, e por outra banda, o que atinxe á “realidade -real”, da rúa, da vida cotián dos actores destes espectáculos… Isto tamén é aplicable a Babylon, que ten por certo como director a unha persoa que é Damién Chazelle, que foi innovador e recuperador do musical.

O que nos interesa, agora é máis que nada, é ver as semellanzas e diferencias entre Babylon e La la Land. Coido que ambos os dous filmes son, como dicía a miña avoa, “como o día e a noite”: o ton e as emocións que suscitan son radicalmente diversas. La la land é glamour, dinamismo (mesmo nos propios bailes). La la land chega mesmo a ser cursi. Pola contra, Babylon é realismo e pesimismo (sobre todo ó final), é drogras, mortes e sangue, decadencia, depredadores…¡desagradable!. Babylon como Babilonia, é dexeneración e depravación. En La la land o que prevalece é a ilusión, a sá aspiración por esforzarse e conseguir metas. Xa que logo (salvo algúns elementos en común, como a figura de Mani), non existe parecido entre os esforzados personaxes de La la land (e as súas ilusións) e os personaxes politoxicómanos e degradados de Babylon, e menos aínda coas figuras do mundo gansteril cos que vai bater Mani, protagonista indiscutible do filme, nunha demencial noite.