Parece a novela dun principiante. É a novela dun home xa de certa idade, frustrado por un suceso da xuventude cos seus mellores amigos, que lle marcaron a existencia, pero unha cousa que non deixou de facer foi escribir obsesivamente para si, pensaba. Esa obstinación da escrita vai ser o que o “salve”, porque un día lle chega unha mensaxe cun billete de avión con destino a Marrakech, decide ir alí, pensa que é do “amigo” da xuventude e vai.
Luís, ou Lis para os amigos, vainos contar as historias da súa vida xuvenil cos amigos dun concello rural e aburrido do sur da provincia de Lugo, entrelazadas coas vivencias da viaxe de fin de semana a Marrocos, onde se encontrará co amigo Iak, ou Joaquín.
A obsesión por facer unha novela “interesante” e de certa madurez levan ao protagonista e “autor” da mesma a recorrer ás experiencias e apuntamentos que foi adquirindo ao longo dos anos en Obradoiros de Escrita Creativa no Casino de Santiago e sobre todo no Gaiás da mesma cidade, que forman non só parte da estrutura da obra, senón tamén parte importante da mesma.
Porque unha dos brillantes acertos da obra é precisamente a estrutura da mesma, que ten a precisión dun reloxo suízo. Comeza cunha introdución, que vén sendo unha reflexión do “autor” sobre a súa vida despois de ter regresado de Marrakech, e logo en diferentes capítulos vai entrelazando momentos da relación cos amigos da xuventude, cos da estadía en Marrocos, os das poucas persoas coas que conectou, e a novidade dos capítulos das experiencias dos Obradoiros de Escrita Creativa.
Estes capítulos dos Obradoiros da Escrita Creativa dan un contrapunto á vida abúlica, resentida, obsesiva e monótona do protagonista, ao tempo que xoga co humor e fai unha verdadeira homenaxe a estes Talleres e á xente que os imparten. De feito, o final da novela é para min unha xenial idea que me fai recordar un dos aforismos do Limiar que preceden os contos Dos arquivos do trasno de Rafael Dieste: “O final debe ter a virtude de facer simultáneas no espírito as imaxes que foron sucesivas, facendo “estoupar” o conto nas verbas derradeiras”. Aquí aplicadas á novela. Toda unha homenaxe ao autor rianxeiro e un pequeno manual para facer unha boa novela, ao meu parecer.
Moitas das vivencias en Marrocos achéganse aos contos orientais, sen deixar de ser realistas. Sobre toda as relacionadas coa fermosa Latifa, case un personaxe das Mil e unha noite ou dos relatos orientais intercalados no Quixote de Cervantes, que non é pouca cousa. Outras informacións, as que lle dá o amigo Iak, poderían servir para facer unha novela de espías, cousa que o “autor” se nega a facer:
“coido que non lle fixen moito caso: collín o martelo co que meu avó cravaba puntas a esgalla e, ante a mirada confusa de Larifa, machuqueina ben machucada. Como fixeran os do PP cos discos duros no caso Bárcenas, pois igual, aínda que eu creo que non insistín tanto” (páx. 332)
Cun estilo lixeiro, moi dinámico e a utilización da lingua xuvenil dos protagonistas no estilo directo, Xabier Quiroga, que xa tiña dado unha alta competencia nas súas novelas anteriores, lévanos a gozar dunha experiencia única das vivencias da súa xeración a través desta novela intimista. Parabéns!
Algúen ao lado.
Xabier Quiroga.
Xerais, 2026
Número de páxinas: 352





