A IMPARABLE PRESIÓN DA OTAN

| Sen categorizar

por Albino Prada

Segundo nos informan dende A Moncloa, o Goberno de España «ha reiterado que la OTAN no enviará tropas a Ucrania, pero ha advertido de que “cualquier agresión a uno de los países de la Alianza llevará inmediatamente a la aplicación del artículo 5, con la consiguiente respuesta“». Para tal eventualidade contabamos (25 febreiro 2022) nos países limítrofes con efectivos terrestres, marítimos e aéreos do Exército de España baixo mandato militar da OTAN.

Convén lembrar que no Referendo sobre a permanencia de España na OTAN celebrado no ano 1986, segundo o BOE de data 2 de abril, dos dezasete millóns de votos emitidos case sete millóns optaron pola saída, e nove millóns votaron pola permanencia nesa organización. Cunha condición: “La participación de España en la Alianza Atlántica no incluirá su incorporación a la estructura militar integrada”. Dezaseis dos dezasete millóns de votos estaban en contra de que España se integrase nun operativo militar dentro da OTAN como o que agora temos no leste de Europa.

Sánchez deixou claro que está, coa axuda do comisario Borrell,  por fusionar a «Brúxula Estratéxica da UE» co «Concepto Estratéxico 2030» da OTAN.

No ano 1997, o goberno de Aznar decidiu incorporar a España na estrutura militar integrada da OTAN-Pentágono. O PP, que viña de colleitar algo menos de dez millóns de votos, pasouse aqueles dezaseis millóns de cidadáns que votaran saír da OTAN -ou cando menos non entrar na súa estrutura militar- polo arco do triunfo. E así, dende 1999 estamos incumprindo a vontade popular manifestada naquel referendo.

Outros incumprimentos coa OTAN: as promesas a Gorbachov

A influencia das administracións norteamericanas na OTAN faría  que quedasen en nada as promesas realizadas en 1990 por Estados Unidos á Rusia de Gorbachov (premio Nobel da Paz ese mesmo ano) de non ampliación da OTAN con motivo da reunificación alemá (https://www.politicaexterior.com/articulo/rusia-la-otan-promesas-rotas/). Premiando e apertando. A isto axudou o seu home no terreo (Yeltsin) e mesmo o seu herdeiro Putin, que chegará a pedir a entrada.

Foron entrando países con fronteiras con Rusia como Polonia (1999), Estonia (2004), Letonia (2004) e Lituania (2004). Aos que se engaden Hungría (1999), República Checa (1999), Bulgaria (2004), Eslovaquia (2004), Eslovenia (2004) e Romanía (2004).

Aínda quedan en Europa países como Suíza, Austria, Irlanda, Bielorrusia, Finlandia e Suecia fora da OTAN, pero xa se anda enriba de Finlandia e Suecia para que a ninguén lle dea por ser neutral ou non aliñado.

Por non falar de Xeorxia e Ucraína, que están hoxe no epicentro do prometido naquel ano 1990 a Rusia. Cos resultados catastróficos da actual invasión rusa, máis improbables de darse unha renuncia unilateral da OTAN-Pentágono a estas ampliacións. Unha renuncia que non se espera.

Que di o Goberno sobre este incumprimento?

Pena dá comprobar que co paso dos anos non fomos quen de desfacer a falcatruada de Aznar. Así, o PSOE, que redactara no seu día aquela condición de non incorporarse á estrutura militar integrada para non saír da OTAN, no seu programa electoral de novembro do 2019 xa non fai nin unha soa mención a OTAN. Mans libres. E na ponencia presentada ao seu 40º Congreso lese que queren traballar pola paz no marco da OTAN (punto 1166), e que se felicitan de que España sexa a sede do cumio anual da OTAN neste 2022 (punto 1346).

Pola súa banda, no programa electoral de Podemos do ano 2019 (punto 116) a única vez que aparece a OTAN fálase dun “desprazamento progresivo do espazo atlántico (OTAN) ao europeo (Política Común de Seguridade e Defensa)”. Ese desprazamento progresivo podería interpretarse como unha referencia a saír daquela estrutura militar como primeiro paso para saír da OTAN e apostar por unha vía europea sen Estados Unidos.

O cumio da OTAN en Madrid 2022

Este ano 2022, a OTAN volve a celebrar un cumio anual en Madrid (o 29-30 de xuño). Unha cita moi problemática, á vista das presións para integrar –como se observa nos casos de Ucraína e Xeorxia- máis países, e os custos letais que está a ter para a paz europea.

É boa ocasión para lembrar, xusto en Madrid, que en España estamos na estrutura militar da OTAN contra do manifestado pola vontade popular do referendo do ano 1986. E tamén que, dende entón, a OTAN non deixou de avanzar cara as fronteiras de Rusia.

Pero en troques de desandar eses camiños (do “desprazamento” do que fala Podemos), o presidente Sánchez na súa intervención no Pleno do Congreso (4/3/2022) deixou claro que está, coa axuda do comisario Borrell, por fusionar a «Brúxula Estratéxica da UE» co «Concepto Estratéxico 2030» da OTAN.

Traducido: subordinar a política común de defensa da UE á lóxica da superpotencia mundial Estados Unidos: “converter a UE nun auxiliar económico da OTAN” (W. Streeck). Así quedaremos aliñados fronte ao bloque antagónico de China e Rusia.

A isto chámalle o presidente Sánchez traballar pola paz (neo lingua Orwell). Unha fusión que vai mesmo contra do acordo de Goberno de 2019 (punto 11.8) que falaba de ir na procura dunha maior autonomía da UE en materia de seguridade. Agora fusionar é gañar autonomía (máis neo lingua).