A CIDADE COMO EXPERIENCIA VIVENCIAL

| Sen categorizar

ENSAIO
Compostela no cinema. Apuntamentos da cidade no século XXI. Yolanda López López. Editorial Guiverny. Brión/A Coruña, 2021

por Fernando Redondo

A diferenza do feito en anos xacobeos anteriores, agora debemos celebrar que se incorpore o cinema ás manifestacións culturais vencelladas a fitas deste tipo, aínda que só sexa por deixar constancia de que as imaxes en movemento ben merecen un tratamento de seu. Isto é o que consegue Yolanda López con Compostela no cinema. Apuntamentos da cidade no século XXI, volume adicado ao estudo da produción cinematográfica e televisiva xerada nas dúas primeiras décadas do século XX, e que emprega Compostela como espazo da acción. Tal como decide levar a cabo con acerto a autora, o importante aquí é entender a cidade como espazo vivencial, como lugar que reflicte experiencias, emocións, maneiras de ver e de estar no mundo.

O libro ocúpase de once longametraxes que clasifica en tres categorías diferenciadas: a Compostela literaria, a tradición Xacobea, e a Compostela transitada. Cada título conta cun breve comentario expositivo, unha revisión da súa recepción crítica e unha entrevista co director ou guionista. De canto se escribe sobre estes filmes dedúcese que é na última categoría onde máis verdade atopamos desa cidade que se retrata e que nos retrata. Son títulos como Encallados, de Alfonso Zarauza, ou Dous fragmentos, Eva, de Ángel Santos. Zarauza, por

exemplo, destaca a cidade como “documento vivencial”, unha cidade máis auténtica e menos entregada ás servidumes do turismo. En canto a Santos, afirma que o que filma parte da relación entre os espazos e os personaxes que os habitan ou transitan. Tamén Jorge Coira, director de 18 comidas, perante os riscos de converter un plano xeral da Praza da Quintana nunha postal turística, sinala que o que realmente lle preocupa é lograr unha imaxe honesta e verdadeira.

Ao respecto das películas sobre o fenómeno xacobeo, predomina un cambio social cara a laicización. Como se encarga de lembrar a autora, isto xa fora posto de manifesto por investigadores como José María Folgar e Rita Martín, xunto co tamén historiador Ángel Luis Hueso. Nesta tradición de estudos cinematográficos, desenvolvida na facultade de Historia da USC, asentan os alicerces teóricos desta achega. De aí esa introdución sobre a imaxe de cidade que constrúe e reinventa o cinema.

Entre os méritos do libro cómpre salientar a panorámica a escala (a escala compostelá) da evolución experimentada polo audiovisual en Galicia no que levamos de século, con filmes que insisten en códigos narrativos dun buscado tirón comercial (e non tanto, ou non sempre, con valor estético), como sería recorrer a obras literarias de éxito ou procurar o reclamo do Camiño. Unha segunda liña sería a dos filmes que afondan nunha Compostela máis recreada dende a vivencia persoal e na que, en parte, figuran os títulos adscritos ao chamado Novo Cinema Galego. Finalmente, a ficción televisiva, onde vale a pena deterse en Códice, que armou un relato arredor dun suceso tan singular como esperpéntico: o roubo do Códice Calixtino. Por certo, o único caso no que o Arcebispado permitiu a rodaxe no interior da catedral, como atinadamente recorda a autora. Cousa ben curiosa, e que había que destacar ao falarmos de como o cinema dá a coñecer un lugar, o que representa ou o que transmite.