A CARNICERÍA DA GUERRA NUNHA VILA DA RIBEIRA SACRA

| Sen categorizar

NARRATIVA
O baile dos estorniños. Xabier Quiroga. Edicións Xerais. Vigo, 2021. 795 páxinas

 

por Francisco Martínez Bouzas

Xabier Quiroga, o autor de O baile dos estorniños, debutou na narrativa galega no ano 2002 con Atuado na braña, unha peza de ficción á que seguiu un monllo de novelas como Era por setembro, O Cabo do mundo ou Izan o da saca. Novelas nas que o autor mestura realidade e ficción e certas investigacións detectivescas. Na novela que comento, conflúen e amalgámanse dous delongados planos narrativos para artellar unha historia intensa e case que interminable.

O tempo da historia é o da década dos anos trinta e corenta do pasado século e certas investigacións que teñen lugar no tempo presente. Asemade o escenario onde teñen lugar case todas as accións é o señorío de Tor, un pequeno lugar enclavado nas avesías terras da Ribeira Sacra e noutras contornas de Galicia e de España. A novela dá comezo coa información que lle fai saber ao narrador un aleuto ancián verbo dun roubo que tivo lugar en xuño de 1935. Porén, a novela semella estar escrita por una afamado escritor con problemas cardíacos, e ao que por veces acompaña o Reina, o taxista que exerce de detective e que xa tivera unha presenza moi activa noutras pezas narrativas de Xabier Quiroga.

En Tor danse  cita Mariluz, filla do señor de Tor e un militar de carreira que lle fai as veiras. Noutras secuencias, amósasenos a moral tradicional e reaccionaria  das familias da contorna, e unha vella, a punto de morrer, cóntalle unha historia sobre Castelao. Seguen moitos outros capítulos: a pedida de Mariluz, rifas, pelexas, o enfrontamento entre o pobo que quere vivir ceibo e con alegría e os falanxistas. Algunhas destas secuencias non lle engaden nada á diéxese da novela, se ben serven  para dar pistas sobre o ambiente. Tamén a guerra vivida nunha vila galega, a triunfal exibición do poder dos falanxistas. Os seus desmans e brutalidades cos que se asañan con quen matinan que teñen ideas non semellantes ás súas. Amores clandestinos, infidelidades e vilezas que gardan as sombras; os fuxidos no monte ós que axudan as súas mulleres; a infelicidade da principal protagonista Mariluz, co seu home, o militar de carreira capado nunha acción bélica. E no plano familiar, matrimonios que son unha mentira tras outra, abortos clandestinos, persoas que se guían por un intre descerebrado e carnal.

O baile dos estorniños é un longuísimo relato que nos permite ver a manchea de miseria material e inmaterial que hai no mundo real. O autor afástase de calquera tentación épica e soamente nos conta canto aconteceu no sur da provincia de Lugo e a súa repercusión no presente. Non lle cómpre falar da carnicería da guerra, e cando o fai, limítase a describir a repercusión da contenda tal como foi vivida ou sufrida nas vilas galegas polos humildes e poderosos. Ocasionais alusións a Castelao que agoniza en Bos Aires.

Novela cunha estrutura non lineal, con mestura de varias historias e episodios, con saltos no tempo, con secuencias rotuladas por nomes, e algunhas sobrantes. Mais, para alén de todo isto, novela política, comprometida cun forte compromiso coa realidade, cunha historia que toma partido polos humildes e os perdedores.